Vota non é delicto

Estes días ficamos pampos diante dos manexos do Fiscal Xeral e do Goberno do Estado para nomear aos Fiscais do seu gosto político.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/02/2017

Comparte esta noticia

E puidemos lembrar cando en novembro do 2014 o Fiscal Xeral daquela, Eduardo Torres Dulce, ordenou a interposición dunha querela criminal contra Artur Màs e algúns dos conselleiros do seu Goberno por mór da consulta do 9-N. Unha actuación ordenada dende Madrid, que descoñecía que a Xunta de Fiscais adscrita á Fiscalía Superior de Catalunya determinara, por unanimidade, que non cumpría interpór querela por non existir delicto ningún.   

Foi ésta a primeira dunha ampla xeira de actuacións paraxudiciais e xudiciais (xuizos do 9-N contra Màs e conselleiros, nova querela contra a Mesa do Parlament, a espionaxe policial ordenada polo ex ministro Jorge F. Díaz…) que tentan parar coa represión  unha realidade política e social incuestionábel. Porque pode ser que haxa máis persoas a prol de ficar no Estado ou de marchar, mais o que ratifican todas as enquisas é que entre un 75 e un 80% da cidadanía catalá queren decidilo, queren votar. E esta normalidade democrática (pór as urnas) constitúe anatema para o Goberno Rajoy e as tres forzas unionistas, que negativizan o que de por si é positivo: que a xente decida.

Os gobernos canadiano e británico actuaron dun xeito moi distinto canda os referendos de independencia quebequeses e o plebiscito escocés de 2014. Permitiron cadansúa consulta vencellante establecendo as súas regras de xogo para o caso de que a independencia gañase. Nas tres ocasións perdeu a opción independentista, pero non caeu o mundo Eu estaba en Edinburgh aqueles días de setembro e ao día seguinte funcionaron a xeito hospitais, transportes e servizos públicos, abriron os pubs e xogouse a liga a finde seguinte. Non pasou nada.

Cál é o problema para que PP, PSOE e Ciudadanos consideren calquera consulta á cidadanía en Catalunya como unha catástrofe ? Porqué a vella pseudoesquerda (Juan Luis Cebrián, Alfonso Guerra) reclama a suspensión da autonomía? Porqué non se admitiu polo PP o pacto competencial e financeiro incorporado ao novo Estatut? Porqué en 37 anos de autonomía non se completaron as transferencias? Porqué moitos cataláns síntense rexeitados en Madrid e Castela?

A represión non poderá parar indefinidamente que a xente de Catalunya decida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.