A soidade dos púlpitos

Non está na miña intención ferir nin atacar a ninguén. Tampouco espero ter a razón absoluta. Pero despois de escoitar algo semellante a un laio que, dende unha casa de paz como é a Igrexa, lanzaba un crego, resístome a non opinar publicamente dado que o tempo da Coresma é propicio para facelo.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 14/03/2017

Comparte esta noticia

Un crego, durante a prédica dunha misa, laiábase de que, conforme o Entroido tiña moita resonancia na prensa, o mércores de cinza que abría a semana santa pasara na nosa sociedade  totalmente desapercibido e sobre todo non tivera, como hai anos, tanta asistencia para recibir e escoitar aquelo que dicía: “Acórdate de  que polbo es e en polbo te converterás.”
Esta queixa ven a demostrar que a  relixión vive tempos de fonda crise. Os avances da ciencia, a non adaptacións ós tempos,   as incoherencias nas que vive a igrexa e a desconexión coa xuventude  están no fondo dunha situación  que vai camiño de facerse crónica.  

Claro que non hai comparación do que acontece  a día de hoxe na igrexa co que acontecía hai corenta anos atrás. Posiblemente  a situación actual derívase da crenza de que as sociedades non mudan; e que os seus principios éticos e morais son inamovibles; que os modelos de familia non evolucionan;  que a cantidade de abusos referidos a sexualidade e outras lindezas non ían saír á luz nunca  e unha  longa lista de pequenas e grandes cousas.

Mais todo evoluciona. E a nosa forma de vivir e crer tamén.  Por iso  que, despois de pasados moitos anos da chegada a democracia, aínda a igrexa parece seguir pensando nun tempo pasado, cando  Estado era confesional e esta institución relixiosa o era case todo. Pero  co que leva chovido, a igrexa  nosa aínda  non pediu desculpas  por amparar a unha ditadura que lle deu canto pedía, claro por levar  o Caudillo pola gracia de Deus baixo Palio. Xa sei que hai moitos anos que pasou, pero a xente ten memoria e esas cousas transmítense de pais a fillos.

Os seres humanos crearon as sociedades e, dun mínimo consenso, naceron normas. Polo tanto son os grupos de humanos os que crean a norma e aceptan unha ética que logo se reflexa nunha moral determinada. E a igrexa actual pensou, e creo que aínda pensa parte dela,  que esa moral  que había hai sesenta anos vale para hoxe. Craso error.

Posiblemente son moitas e diversas as causas as que axudan a que a igrexa actual toda ela moi envellecida  se atope nun momento de soidade.  Os tempos son outros e a xente racha tópicos, perde complexos  acepta novos  modelos de convivencia. E se iso  non se entende, e non se adapta a linguaxe nin as formas os novos tempos, pouco hai que facer. Ben sei que as relixións réxense por cuestións de dogmas que, aínda que son interpretativos, son difíciles de modificar. Pero non queda outra. O Papa abriu o debate sobre o futuro dos curas casados. E  nestes días salta á palestra outro debate que cuestiona a misa na tele que pagamos todos.  E é que non queda outra:  ou mover ficha para adaptarse ós tempos actuais derrubando portas para que ós curas casados e as mulleres poidan exercer,  ou a vivir nunha soidade que se agranda día a día.
E por iso  os laios de moitos cregos dende  o púlpito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com