Por José L. Orozco | Lugo | 24/01/2010
En primeiro lugar deuse o visto e prace por parte dos tres grupos políticos do Concello a unha vella aspiración: iniciar os trámites a fin de constituír unha empresa mixta de Turismo con maioría de capital Municipal e que conte coa participación de socios do sector sen ánimo de lucro (de haber dividendos sempre serían para investir na empresa), para xestionar, dinamizar e mellorar o sector dentro do Concello. Suspiramos sempre por profesionalizar o desenvolvemento municipal do sector que comeza a ter unha certa relevancia na vida económica de Lugo. É importante facelo da man do empresariado da hostalería porque ninguén como eles coñecen ese mundo económico. Aspiro a que o ano que ven podamos levar e negociar nas feiras de turismo paquetes turísticos que fagan referencia o noso Concello.
En segundo lugar asistín a inauguración de FITUR, unha das feiras internacionais de Turismo máis importantes a nivel mundial. Estamos representados no pavillón de TURGALICIA que este ano está dedicado sobre todo o Xacobeo. Penso que a unión fai a forza e se Galicia é hoxe un producto turístico de primeiro orde, é bo sumar sinerxías co fin de favorecer ese todo e favorecerse do todo.
E en terceiro lugar, e relacionado con FITUR, presentamos o Lugo10, que é o emblema que este ano debe levar a cabo a nosa cidade con motivo do décimo aniversario da proclamación da Muralla como Patrimonio Mundial. Queremos que sexa un emblema feito por todos, tal como sucedeu con tanto como se fixo para a declaración da Unesco do ano 2000. Por iso estamos a chamar a todas as “portas” de Lugo, a fin de que tanto canto se faga por todos no conxunto do Concello neste ano, leve o nome de Lugo10. Pero sobre todo queremos incidir fóra dos nosos límites para que Lugo, precisamente pola súa Muralla e polas outras excelencias que o conforman, sexa máis coñecido e por iso máis visitado. É un labor de TOD@S.