Por José L. Orozco | Lugo | 06/09/2010
Unhas veces directamente, cara a cara a través do contacto diario cos propios veciños no caso da Política Local, facendo que a xente sexa partícipe e actor das políticas a desenvolver, a través das voces dos compañeiros de partido, outras a través das críticas da oposición e outras a través da opinión publicada. Repito que se debe estar atento a esas voces porque verdades absolutas, moi poucas , e en Política, moitas menos.
Tamén hai que ter claros os obxectivos, é dicir ter moi claro porque se quere gobernar e para que se quere gobernar. Nunca se pode perder de vista que o poder só sirve para colaborar no proceso de cambio dunha sociedade que debe tender a unha mellora constante baixo, segundo o meu punto de vista, uns principios de igualdade, solidariedade e xustiza. Que progrese o conxunto, pero nunca a costa de aqueles que menos teñen ou que tiveron, por moitas razóns, menos oportunidades. Por iso a educación, a saúde, o benestar social no máis amplo sentido da palabra, teñen que ser políticas fundamentais, porque son dereitos, segundo o ideario político no que me movo.
A partir de aquí é como que hai que analizar esas voces que é preciso, obrigatorio escoitar. Non o que fai máis ruído ou grita máis ou se repite máis ten máis razón. Non. Terán máis razón aquelas voces que máis fagan ver que un se aparta dos principios, si principios, que informan a Política que un practica, principios que ademais se ven reflectidos nos programas, que son un contrato coa sociedade, cos votantes e, nunha democracia, cos non votantes.
Por iso repito constantemente aos compoñentes do meu equipo no Concello, e a min mesmo, que moi atentos as persoas, pero moi atentos tamén aos obxectivos que temos que cumprir froito do mandato dos lucenses. Non podemos perdernos naquelas cousas que só queren distraernos do noso traballo e da nosa función. Por moitas veces que se fagan e se repitan determinadas afirmacións non nos deben apartar do noso afán diario de facer que os veciños e veciñas de Lugo se sintan partícipes de esa mellora constante da que se senten protagonistas. Aí é onde está a forza do político. Moi atento á voz da cidadanía pero moi atento tamén aos obxectivos políticos a desenvolver, diferenciando moi ben o que é crítica do que é mera distracción.