Por José L. Orozco | Lugo | 17/05/2010
Ver que existen miles de persoas que non teñen a oportunidade de traballar e facer polo tanto o seu proxecto de vida ou ver que hai miles de familias na que todos os membros están en paro paréceme dramático e o problema por excelencia, para o que hai que poñer solucións no menor tempo posible. Non é fácil porque se o fora os equipos económicos tanto españois como europeos xa o terían feito. Estamos nunha economía tan globalizada que todo repercute en todo e na que non hai receitas máxicas para dar solución aos problemas.
E partindo desa premisa atopámonos nesta semana con unha serie de medidas económicas que van intentar reducir a débeda pública no menor tempo posible co fin de darlle máis estabilidade o euro e evitar estratexias especulativas que poidan afundir máis a saúde económica non só do País senón tamén da UE. Son medidas que anunciou o Goberno de España e pouco a pouco tamén o fixeron outros gobernos da UE. Estamos a espera de que o Goberno aprobe en Consello de Ministros o Decreto Lei que desenvolva a iniciativa presentada no Parlamento español.
Está anunciada unha rebaixa gradual dos soldos dos funcionarios. A ninguén lle gusta ter que aplicar esta medida. A min tampouco pero creo que nestes momentos a responsabilidade pola situación xeral ten que facer que sometamos o noso xuízo a ese criterio xeral. É verdade que en épocas de dificultades económicas é fácil acudir ós soldos dos funcionarios, pero non é menos certo que as Institucións Públicas non van ter ningún ERE, é dicir que os postos de traballo teñen garantida unha estabilidade. Nestes momentos esa garantía, visto o que afirmei no primeiro parágrafo. é para min un factor de reflexión moi importante.
Tamén os políticos temos que dar exemplo de solidariedade. É verdade que os políticos do Concello de Lugo levamos dous anos co soldo conxelado, pero non é menos certo que nestes momentos hai que profundar nesas medidas e dar exemplo claro e diáfano. Por iso unha vez que se promulgue o Decreto proporemos ao Pleno as medidas pertinentes. Non podería ser de outra maneira.