Por José L. Orozco | Lugo | 02/08/2010
Naquela ocasión tres Administracións, Goberno de España, representado polo ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, representada pola Consellería de Política Territorial e o Concello de Lugo, representado pola Alcaldía, xunto con ADIF, chegaron ao acordo de desenvolver e asinar un protocolo que recollese esa vontade de facer a estación intermodal e fixar as abrigas de cada un, así como realizar o proxecto da mesma. Pasaron meses e semanas de negociación e chegouse ao acordo que se asinará o próximo día catro de Agosto. Polo medio algunha interferencia que estivo a punto de atrasar sine die o acordo, de feito atrasouno case 20 días, pero ao final impúxose o sentido común e a coordinación das administracións.
É un paso importante para Lugo. Por un lado porque vai preparar á cidade para recibir no seu momento ao tren de alta velocidade, símbolo hoxe de mellora da cidade e da provincia en todos os aspectos; en segundo lugar porque vai desenvolver unha ampla zona que urbanisticamente necesitaba un equipamento importante: os barrios da Estación, Sagrado Corazón e As Gándaras van ser os grandes beneficiados; en terceiro lugar porque posibilita a reurbanización da área na que está a actual estación de Autobuses. Para esto último o Concello promoverá un concurso de ideas co fin de acertar na solución final.
Outras cidades xa deron os pasos que imos dar nós. Cada cousa ten que levar o seu tempo e o seu ritmo. O importante é non quedar fora dese circuíto do Tren de Alta Velocidade que arredor do 2015 unirá Galicia coa meseta. Lugo ten que estar nesa oportunidade e por iso é importante o paso que imos dar o próximo día catro. A partir dese día negociar, negociar e negociar, e tamén esixir, para que se cumpran os prazos e que os proxectos non se durman nos despachos. Por min non vai quedar.