Por José L. Orozco | Lugo | 08/02/2010
E porque a miña posición de escepticismo?. Non é a primeira vez que a explico. Son dos que penso que as enquisas poden medir un estado de opinión nun momento determinado, motivado por moitas circunstancias, pero que a realidade política e tan cambiante e hai tantas “circunstancias”, que o que hoxe nos parece negro, mañá é branco e pasado gris.
E esas circunstancias forman parte da vida do ser humano que é quen responde as enquisas e quen o final vota o día “D”. E o ser humano vai formando a súa opinión de moitas maneiras e na medida que a democracia avanza e a formación política mellora, a liberdade aumenta en progresión xeométrica. E esa liberdade non é mensurable, nin tan sequera estatisticamente. E por iso as enquisas “fallan” e o pobo cando vota en democracia nunca se equivoca.
Por iso sempre hai que traballar. E máis cando se acepta voluntaria e libremente o traballo que hai que desenvolver, cousa que en Política sucede sempre porque a ninguén obrigan a estar aquí. Ver as enquisas, si; ver as tendencias que marcan, si; pero facerlles un seguidismo ao pé da letra, paréceme insensato. Por moi grande que sexa a mostra; por moi grande que sexa a correlación, sempre queda a persoa que sabe tomar as decisións e que as pode cambiar nun momento por moitas e raras razóns.
Queda máis dun ano para as eleccións municipais; queda moito traballo que desenvolver, pero queda sobre todo o máis importante: facer un proxecto da cidade coa xente para que cada un deles se note protagonista do futuro. Por iso hai que agradecer moito o apoio dos que están aí e confían no proxecto que saben sólido e de futuro. Por iso contamos con eles porque así síntense integrados. Que sondeo mide iso?.