Por José L. Orozco | Lugo | 02/03/2010
Si que teño manifestado que a Lei ía con moita presa. Se había vontade de modificar a existente, o Goberno Galego tivo tempo dabondo para presentar un texto alternativo para que fose estudiado e debatido nos tempos que marca o Regulamento do Parlamento dun xeito ordinario. O tempo axuda a sosegar os ánimos, que os expertos pensen sobra as cousas importantes, que os grupos Parlamentarios poidan chegar a acordos sen estar motivados polas présas e que, en definitiva, as leis poidan permanecer non sempre, pero si un tempo prudencial. Non se fixo así e por iso, como alguén dixo no mesmo Parlamento Galego no seu día, “pasou o que pasou”.
E que pasou?. Que o Tribunal Constitucional admitiu a trámite un recurso presentado polo Goberno de España no que se formula a posible ilegalidade de dez artigos (refírome á legalidade que marca a Lei Orgánica sobre as Caixas).
E nesas andamos. Con bo criterio comezou unha negociación entre o Goberno de España e o Goberno de Galicia (sucedeu tamén e houbo acordo coa comunidade de Madrid) co fin de garantir a constitucionalidade da Lei Galega. Paréceme o correcto despois de que “pasara o que pasou”. Hai que sentarse e dialogar, cambiar o que haxa que cambiar, froito sen dúbida da présa, e presentar no Parlamento Galego os cambios para que sexan refrendados polo maior número de grupos políticos e Deputados/as. Así de sinxela é a cousa.
Que hai que negociar?. Confío naqueles que están sentados na mesa correspondente. Uns para ver que teñen que reformar artigos que foron admitidos a trámite pola súa posible anticonstitucionalidade e outros para saber que nunha negociación política hai expresións, verbas, comas e puntos que poden substituír auténticos tratados de Dereito Civil e Administrativo.
O que non vale e botarlle a culpa o Goberno de Madrid ou dicir un día“...que se copie a Lei de Andalucía” e outro dicir xusto o contrario. Os cidadáns podemos non saber de Leis pero non somos parvos.
Hai moitos que queremos acordos e non imposicións, por moitos votos que se teñan. Hai moitos que queremos unha boa Lei que posibilite, sen imposicións, unha fusión das Caixas de Aforros Galegas, - xa nos dixo unha auditoría que era posible e economicamente sostible -, e que tamén elas poidan participar dos beneficios que a tal fin pon o Banco de España. Outras cousas son froito de nubes de verán, que como se sabe son pasaxeiras.