Por José L. Orozco | Lugo | 05/04/2010
Testemuña e o mesmo tempo protagosnista xunto cos distintos equipos de goberno e outras institucións tanto públicas como privadas. O cambio que se deu na cidade é considerable e hoxe están rematadas ou están a piques de rematarse infraestructuras, dotacións e equipamentos claves para que a cidadanía goce máis da cidade e coa cidade.
A mellora e a transformación das entradas a cidade é evidente así como os cambios que se deron nos barrios e na zona rural. Ao mesmo tempo contamos xa con unha nova potabilizadora que vai cubrir unha necesidade básica sentida na cidadanía; os colectores xerais e a nova depuradora van poñer a Lugo entre as cidades que mellor souberon resolver un enorme problema que permitirá máis desenvolvemento, pero sostible, con respecto ao medio ambiente. A nova ponte e as autovías a Santiago e Ourense avanzan.
O novo hospital é un modelo de cooperación entre Institucións e só falta que se inaugure e se poña en servicio pronto. O Concello de Lugo fixo o esforzo de ceder os terreos, facer os viais perimetrais, achegar todos os servizos – máis de sete millóns de euros investidos – cousa que outros Concellos de Galicia que están a reclamar ese servicio non están a facer. Pensamos nas persoas e por iso non regateamos esforzos.
Temos nestes momentos catro escolas infantís totalmente rematadas, dúas en funcionamento, que van colaborar á socialización e educación dos máis cativos e a conciliar a vida laboral e familiar. Hai centros sociais en todos os barrios e en varias Parroquias, sendo emblemáticos os de Entrecarrís e o de A Piringalla, co que a atención de proximidade está garantida. Somos o primeiro Concello de España en gasto social, título do que nos sentimos orgullosos.
Recibimos un cuartel de Garabolos en total abandono e hoxe temos alí, nun edificio totalmente rehabilitado e recuperado, un viveiro de empresas modélico e un centro de atención laboral que se converteu nun lugar de referencia de formación e de atención ós desempregados. Fixemos numerosas xestións e culminaron con éxito para que nas Gándaras se esté a facer un novo equipamento industrial e comercial.
A Cultura, a atención ás persoas, ás novas tecnoloxías, ao medio ambiente, á xuventude, ao deporte, ao ensino, ao desenvolvemento urbanístico sostible, á rehabilitación etc. etc. transformaron esta cidade de tal xeito que hoxe estamos á altura daquelas cidades que eran a nosa referencia.
Pero o traballo e o proxecto ten que continuar. Dicíamos que unha cidade é como un organismo vivo. Por iso é preciso adiantarse aos acontecementos e facer que nesta cidade se produza unha segunda modernización, que, amparada no feito, faga que Lugo despegue cara o modelo que propoñemos: unha cidade non moi grande na que a calidade de vida, no máis amplo sentido da palabra, sexa o substancial, na que cada un de nós poida facer o seu proxecto de vida. Non me dirán que non é un reto ilusionante!.