As tradicións

As tradicións forman parte da historia dos pobos ou mellor da herdanza sociocultural das xentes que forman os pobos.

Por José L. Orozco | Lugo | 12/04/2010

Comparte esta noticia

Non se pode entender o que somos cada un de nós como lucenses se non entendemos, coidamos e proxectamos o futuro eses símbolos da nosa cultura, da nosa relixiosidade ou da nosa forma de ser e de entender o mundo.Precisamente esas tradicións son as que nos conforman ou as que nos definen, e polo tanto diferencian, de outras xentes aínda próximas a nós.

As tradicións nacen nun momento determinado da historia por moi variadas razóns tanto no seno dos dirixentes como do propio pobo. Unhas e outras son transmitidas de xeración en xeración acompañadas sempre de unhas determinadas formas ou liturxias que responden á forma de externalizar un determinado feito.

Nacen esas tradicións no seno da sociedade civil e por motivos civís ou nacen no seo da Igrexa por motivos relixiosos ou pola forza moral da mesma dado o poder que sempre tivo na nosa historia. Danse moitas veces acontecementos en que se mesturan aspectos civís e relixiosos sendo difícil separalos.

Non quero facer un tratado de socioloxía nin tan sequera unha aproximación e por iso vou o que vou, que non é outra cousa que pensar un pouco no que son as nosas tradicións. Refírome, por exemplo, o Corpus Cristi, o San Roque, as festas patronais do San Froilán, as festas patronais das nosas parroquias...Poderiamos falar de outras tradicións que se van perdendo como son moitos labores do campo, por mor do chamado progreso e polos cambios económicos e sociais que se dan no noso agro.

Penso que as tradicións vanse formando pouco a pouco ata que toman corpo na sociedade e pasan a ser unha esixencia social. Temos como exemplo a máis recente da festa do “Arde Lucus” que só leva oito anos e non nos perdoaríamos se algún ano xa non se celebrase.

Pero hai outras como é a Ofrenda do Corpus que xa ten más de 360 anos, ( moito máis tempo a exposición do Santísimo, privilexio da nosa Catedral) ou o San Froilán con máis de 250 como feira (as festas eran anteriores) que conforman o ser de Lugo. Na medida que as temos como nosas, que as comprendemos, as entendemos e as respectamos, nesa mesma medida seremos capaces de darnos conta o que significa ser de Lugo e as obrigas que temos de dalas a coñecer e facer que cada ano teñan a solemnidade e a participación que se merecen.

Respectando e admirando as nosas seremos capaces de comprender ás dos demais. Nese sentido tamén nos universalizamos porque abriremos a nosa mente a outras culturas e a outros pobos e os seus modos de expresión. Poden ser moi variopintas pero son mostras desa herdanza sociocultural da que falabamos. Respectándonos aprendemos a respectar os demais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Clemente López Orozco naceu nunha familia humilde e traballadora. Marchou estudar Filosofía e Letras a Salamanca e fixo os cursos de doutoramento na Universidade de Santiago. Está casado e ten dúas fillas. Di que os seus amigos lle chaman Pepe, os alumnos (é profesor en excedencia no instituto lugués Lucus Augusti) chamábanlle Aristóteles. E debe ser porque é moi bo orador. E falador tamén, se lle pides que se defina nunha soa palabra, emprega tres. Considera que é bo amigo (os seus amigos confirman este dato), traballador (tamén confirmado) e un namorado de Lugo. Isto último queda patente se falas dous minutos con el. No seu tempo libre pasea pola cidade, é doado atopalo pola Praza Maior ou na Praza do Campo, di que esa é unha zona que lle trae moi bos recordos, por alí saía cos amigos. Orozco é un home sinxelo, tal e como aparenta. Os que o critican, din que é populista e para el é un orgullo que o consideren defensor dos intereses e aspiracións do pobo. Estar coa xente e traballar conxuntamente por mellorar a súa cidade, Lugo, é o seu soño. Cando Lugo mellora el é feliz. Por iso recoñece que está contento e tranquilo, traballa no que lle gusta e iso manteno ilusionado na política. Di que a súa maior preocupación neste momento é a difícil situación económica que atravesamos a nivel mundial, polo que non deixa de traballar para conseguir que os lucenses perciban o menos posible os efectos desa crise. Para o Alcalde de Lugo a cidade mellorou en múltiples aspectos e iso, di, débese ao traballo conxunto de todos os lucenses. Orozco ademais é un amante das novas tecnoloxías, o ordenador e calquera medio de comunicación coa xente da rúa é benvido no seu día a día. É un amante da liberdade de expresión, quere que a xente diga sempre o que pensa, esa é unha regra inamovible na súa vida. Ri e chora coa mesma facilidade e vive a política coa relaxación que lle da a experiencia. O que non entende é que algúns políticos empreguen a estratexia da mentira para desprestixiar ao contrario. Di que el nunca foi así, sempre tratou de atopar algo bo na oposición. Gústalle que a xente o vexa como unha persoa próxima, así é el, e di que só promete aquelo que pode facer, por iso fai o que promete. "Non está todo feito" -repite sen parar- "por iso traballo sempre con ilusión, para seguir avanzando nun Lugo mellor, moderno e con igualdade de oportunidades para todos os seus veciños e veciñas". Forza e ilusión non lle faltan. O seu blog