Por Xoan Hermida | Pontevedra | 17/05/2017
Cada vez que La Voz de Galicia toma a iniciativa, como no caso que nos ocupa demostrando que é o único medio que ten a capacidade para facer unha sondaxe do ‘estado da nación’ –lembrar que na recente enquisa de Sondaxe hai unha parte que se publica pero outra non menos importante que non se publica e ten outros fins non exclusivamente xornalísticos- xorden dúas tendencias: a primeira, negar a calidade da sondaxe -nunca acertan-. A segunda, situar a súa publicación nas perversas intencionalidades do xornal.
Sondaxe é unha empresa solvente, que ao longo dos anos ten demostrado estar ao nivel das mellores empresas de consulting españolas en capacidade técnica. Ten aprendido moito ao longo da súa traxectoria e esta a un nivel de coñecemento da realidade galega moi alta. Iso non quita que sigan existindo defectos importantes na procura dos datos, froito da canle telefónica ou que utilicen a mesma cantidade de enquisas para grandes cidades de arredor de 300.000 habitantes como Vigo ou A Coruña que de cidades medias como Lugo ou Ferrol. Tampouco converte nun mal traballo o feito de que a interpretación de datos sexa moi complicada de facer en tempos de crise de ‘réxime’, con volatibilidade moi alta no voto.
Sondaxe fai ben o seu traballo e acerta. Que pasa entón para que o reflexo dese traballo non teña unha translación nas páxinas do xornal con sede en Arteixo.
Fácil. Que non deberíamos confundir o traballo sociolóxico coas interpretacións que por interese editorial ou empresarial poida ter La Voz de Galicia.
E como se converte un bo traballo científico nunha publicación parecida a un traballo de “axitación e propaganda”? Pois tamén relativamente fácil. Dúas vías centrais e unha complementaria son as que utiliza La Voz de Galicia para deformar a calidade do produto en orixe.
O primeiro é o volume de indecisos ou opacos, segundo a propia definición de Sondaxe. Estariamos falando nesta última macroenquisa, correspondente ao ecuador da lexislatura municipal, de máis de un 20%, e dicir máis de un terzo de electorado que a empresa, a solicitude do cliente, recoloca con maior ou menor fortuna.
O segundo é un xogo de ilusionismo á vista do lector pero que, como no xogo de trileros, ninguén observa. A macroenquisa de Sondaxe con 400 entrevistados en cada unha das 7 cidades galegas, publicada por La Voz de Galicia o pasado 14 de maio, en lugar de ser comparada coa anterior macroenquisa de Sondaxe das mesmas características, de tamén 400 entrevistados en cada unha das 7 cidades galegas, publicada por La Voz de Galicia o 26 de abril de 2015, comparase con datos reais (que nada teñen que ver cos datos dun sondaxe) neste caso das municipais de maio de 2015. A lectura de comparar dúas cousas non comparables, -de seguro que os responsables de Sondaxe xa llo farían saber aos responsables de La Voz de Galicia-, é simplemente pouco científica e xera conclusións erradas aínda que interesadas.
O terceiro aspecto complementario, é igualmente importante neste xogo de dobres espellos, ao que nos convida La Voz de Galicia é o da temporalidade.
A anterior macroenquisa de Sondaxe foi publicada a un mes das eleccións municipais, esta última publicase a dous anos das próximas. Cambia o momento espacial, cambian por tanto os intereses. No primeiro caso o interese era condicionar o voto. Cal é o desta?
Pois, unha mestura de intereses empresarias e editoriais. No primeiro caso, na enquisa saen máis ou menos favorecidos todos os que gobernan ou sexa os que moven os orzamentos. Aqueles que saen máis favorecidos seguramente teñan compromisos máis claros, os outros recibirán nos próximos días a visita do delegado comercial.
No segundo, La Voz de Galicia trata de reforzar a liña editorial mantida por este xornal nos últimos tempos, que non é outra que demostrar que as Mareas están estancadas e o BNG se recupera. Nesta última afirmación é onde funciona o truco de comparar a enquisa non coa anterior enquisa senón cos resultados. A recuperación do BNG basease en tres datos: a fortaleza do BNG en Pontevedra e a entrada de novo da Fronte nos concellos de Vigo e Ourense.
Efectivamente, no primeiro caso, se comparamos o resultado do grupo de Lores co resultado electoral hai unha caída menor de apenas un punto e catro decimas, non así a primeira en 10 anos (do 43,1 ao 41,7). Si esta mesma comparación se fai entre enquisas a caída e de case catro puntos (do 45,2 ao 41,7).
No caso de Ourense e Vigo a engañifa volvese groseira porque a enquisa de Sondaxe de abril de 2015 non so daba xa daquela a entrada do BNG nas dúas cidades referidas senón que ademais con mellor resultado que nesta e con un pesimo resultado para as mareas respectivas. (ver gráficos).
En fin, que os datos non te empañen un bonito titular.
O de abril de 2015 era que a caída do PP estaba atemperada pola irrupción de Cs e polo tanto a dereita ia seguir gobernando (en formato coalición). En maio de 2017 o titular é que as mareas tocaron teito e que o BNG se recupera, mesmo mantendo o devaneo da proximidade de Lores a maioría absoluta cando a realidade dos datos di o contrario. Que Lores baixa 4 puntos porcentuais, namentres que diante da incapacidade da oposición estancada ou a baixa por recuperar terreo, este so o fai Marea Pontevedra que pasaría segundo os propios datos de Sondaxe do 3,7% (en abril de 2015 e mesmo fora da infografía inserida daquela) ao 10,2% (en maio de 2017).
Ademais co engadido, segundo tamén polos datos de Sondaxe, que Marea Pontevedra seria a forza con maior fidelidade de voto a pesar de estar na situación incomoda de ter que facer oposición e á vez intentar entenderse cun goberno que se di de esquerda e nacionalista. Outra cousa e a asignación de concellarías, nos que simplemente seguindo os datos porcentuais da propia enquisa o BNG tería 1 menos e a Marea 1 máis. De novo que os datos non empañen un bonito editorial.
Desde logo os datos de Sondaxe, ao igual que de outras enquisas – publicadas ou non – o ambiente social e as dinámicas electorais últimas veñen a confirmar dúas cousas:
A primeira que o novo tempo é irreversible tal como afirma Jaime Miquel, pasando do bipartidismo a un modelo con catro espazos políticos.
E segunda, que o maior ou menor avance do espazo de Podemos, En Marea, Compromiso e En Comú vai depender fundamentalmente dos acertos interpretativos da realidade en clave de maiorías, e non de prexuízos ideolóxicos; así como do grado de unidade e cooperación que se estableza entre iguais.
En todo caso, acerte ou fracase o espazo de ruptura, continúe máis fielmente ou menos o legado do 15M, será fundamental para saber o peso do mesmo, pero que ninguén equivoque –os de La Voz tampouco- os desexos coa realidade: nada vai volver a ser igual que antes, non vai a existir un regreso á “normalidade”.