Denuncian a contratación dunha empresa de seguridade “pirata” na Semana Verde de Silleda

O sindicato USO considera unha "temeridade" deixar en mans de Alcor a seguridade das persoas que acodan a este evento, xa que se trata dunha empresa imputada por presunta falsidade documental. Haberá concentración para protestar contra a contratación pública de empresas denunciadas por malas praxes.

Por Galicia Confidencial | | 02/06/2017 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A Federación de Traballadores de Seguridade do Sindicato USO concentrarase o día 8 de xuño ante o recinto Feiral de Silleda , a partir das 10:00 horas, coincidindo coa primeira xornada da 40 edición da Semana Verde de Galicia, para protestar contra a contratación pública de empresas de seguridade "privadas".

Protesta contra Alcor Seguridad
Protesta contra Alcor Seguridad | Fonte: FTSP-USO.

O sindicato estima que a contratación de empresas "piratas", as cales "incumpren sistematicamente o convenio colectivo e, nalgúns casos, as súas obrigas tributarias e coa seguridade social", afecta xa a "máis dun 30 por cento dos vixiantes de seguridade".

"A maioría dos contratos públicos", din, "convertéronse basicamente en poxas ao prezo máis baixo, polo que se facilita a adxudicación a estas empresas de baixo custo, que recortan dereitos aos traballadores e rebaixan as súas condicións económicas para facerse facilmente con estas licitacións" , apunta Iván Branco, secretario de organización estatal da FTSP-USO.

O 80% do total de contratos de seguridade asinados en todo o Estado son de carácter público, polo que USO esixe á Administración unha contratación socialmente responsable e respectuosa cos dereitos dos traballadores, coa inclusión de clausulas sociais que garantan a calidade do emprego e do servizo prestado".

SEMANA VERDE

No caso de Semana Verde de Galicia, en Silleda, na que se espera unha afluencia de máis de 100.000 visitantes, critica a adxudicación da seguridade a unha destas empresas, como é Alcor Seguridade, estando ademais imputada por un presunto delito de falsidade documental en canto a medidas de seguridade nas súas propias instalacións en Monforte.

"En plena alerta 4 de protección e prevención antiterrorista", Branco cualifica de "inconsciencia e temeridade" que os responsables do evento confíen a seguridade das persoas a este tipo de compañías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta