A próxima gran privatización

Os montes comunais e os bens do rural terán en non moito tempo un inesperado interese económico.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 08/08/2017

Comparte esta noticia
Os recentes lumes en Portugal, son un tráxico recordatorio dos que con regular frecuencia lle lembran ó público urbano as consecuencias do abandono do rural. Exactamente ó igual que en Galicia hai un ano, houbo durante varios días sesudos comentarios sobre a necesidade de abordar o problema, antes de ser esquecido ata a nova traxedia. Tanto no noso país coma alén Miño as causas son case idénticas: o despoboamento dos núcleos de poboación illados, o abandono dos montes en propiedade comunal e das leiras en minifundio, xunto coa substitución nos últimos tres séculos das árbores autóctonas, máis resistentes ó lume, por piñeiros e eucaliptos, moito máis productivos e que fan de Galicia a novena potencia europea do sector da madeira e acapara a cota de todo o Estado. Todo isto leva a un coctel explosivo de monte baixo e mato non aproveitado para o gando e madeira inflamable que co incremento das temperaturas polo cambio climático pouco precisa para estourar. Tanto é así que Galicia non terá policía propia de verdade pero ten case un exército para librar unha guerra non declarada (e con motivos a miudo sospeitosos) da que a cidadanía só se lembra cando hai vítimas ou o lume e o fume lles chegan ás porta da casa ou ven desde a praia os hidroavións cargar auga.
 
Os montes comunais, que son unha cuarta parte do territorio (Galicia é tras de Finlandia o país europeo con maior porcentaxe de masa forestal), son unha anomalía paradóxica: nun país de forte individualismo coma o noso, son xunto coas parroquias, as confrarías de mariscadores e ata hai pouco, o sistema bancario propio, unha mostra do que Putnam deu en chamar capital social, eses lazos que unen á sociedade que permiten o seu desenrolo ao trascender o egoísmo e a pura competición de todos contra todos. Nun país de pequenos propietarios conservadores os montes en mancomún son un reducto de comunismo precapitalista. Remóntanse ós suevos, do mesmo xeito que as parroquias son case as mesmas desde os celtas: calquera que teña unha casa na aldea é tamén coproprietario dos montes en mancomún, o que fai que raro sexa o galego que non posúa algunha parte do noso territorio. Isto é algo excepcional no mundo moderno, De feito, coma calquera que fixo a secundaria pode lembrar, a privatización das terras comunais (as chamadas “enclosures” en Inglaterra) estiveron na raíz da acumulación de rendas polas forzas vivas que deu lugar á revolución industrial. Forzaron o comezo do éxodo rural con casos dramáticos coma as “clearances” escocesas nas que os señoritos substituíron xente por ovellas, meténdoas en barco para América. E por iso case ninguén fala gaélico hoxe.
 
Mais as Comunidades de montes distan de ser arcadias premarxistas. Calquera que sexa membro dunha sabe que son entidades aínda máis dadas as porfías ca calquera comunidade de veciños, tanto máis cando hai cartos das rendas dos montes polo medio. Unha fonte tradicional de ingresos para os avogados do país son as leas polos deslindes, auténticas guerras entre aldeas galas que poden durar xeracións – e que a nova Lei de Montes, coa súa obriga a que as comunidades invirtan parte dos seus recursos nisto só vai agravar. 
 
Son tamén un poderoso lobby. Aquí non temos os de House of Cards pero hai cabildeos destes. Cando os grandes lumes de 2006 o bipartito fixo un amago que as Comunidades de montes estiveran obrigadas por lei a ter o monte limpo de toxos ou do contrario pagarían o custe dos lumes, o executivo de Touriño tardou uns días en dar marcha atrás.    Do mesmo xeito que o traballo doutros cabildeiros contra a Lei de urbanismo do rural de Cuíña ou a proposta contra o feísmo nas aldeas de Teresa Táboas axudaron a caída do delfín de Fraga e do bipartito, respectivamente. Coma di Adega, a unha reforma da lei por ano amósase o pouco consenso sobre o modelo territorial galego e o perxuizos verbo do rural visto coma un eiral a urbanizar.
 
Para a maioría dos galegos isto dos montes e mesmo das úas casas da aldea, son, coma ben describiu Manuel Gago, herdanzas forzosas. En só tres décadas Galicia pasou a ser unha sociedade urbanizada e rururbana: o 44% dos galegos viven nos 13 concellos de máis de 30,000 habitantes. Isto malia existiren 31,000 núcleos de poboación, a metade dos dun Estado de 47 millóns de habitantes, o que fai que Galicia sexa un país enorme e inabarcable malia ter a superficie de Bélxica, que só ten uns centos deles para tres veces a nosa poboación.
 
Puy Fraga, na súa época de profesor universitario de economía política, dicíalle os alumnos dun xeito provocativo que o rural galego non era parte da economía. O cal é certo se se entende coma “de mercado”. Mais iso non quere dicir que careza de valor.  Que llo pregunten a José María Galán, empresario rioxano que tivo que voar a América dúcias de veces para mercar as casas dos herdeiros da aldea deshabitada de Couso e poder restaurala en centro de turismo rural. De feito comezan a aparecer webs nas que por primeira vez se poden ver casas e lugares do rural cun valor de mercado. Nos quioscos de Chantada pódese mercar o “Daily Telegraph” pola cantidade de ingleses que mercaron pazos na Ribeira Sacra. A prezo de saldo comparado cunha mansión inglesa. Un especial do suplemento inmobiliario do “The Times” dicía en 2010 que os axentes de fincas galegos eran uns principiantes comparados co supercompetitivo mercado británico.  E hai máis de 1,000 localidades desertas, a metade das de todo o Estado.
 
O rural non tiña valor debido tamén á tecnoloxía. Dada a atomización do territorio e falta de recursos da Administración os catastros estiveron en moitos lugares sen actualizar durante décadas. O rural era terreo fiscalmente improdutivo e só se pagaban impostos polas vivendas. A tecnoloxía está a mudar isto: primeiro o SIGPAC do Ministerio de Agricultura, logo Google Maps e desde hai pouco os drons están a permitir que a Facenda pública, desexosa de recursos comece a pór os ollos do rural. O chamado “Catastrazo”, norma desproporcionada pola que ata hai que pagar polos alpendres, é o primeiro paso. Sorprendentemente sen atopar apenas resistencia, malia que moitas persoas maiores no rural que viven con apenas a pensión non contributiva, a duras penas poidan afrontar ata tres veces o que pagaban antes.
 
Isto lévanos de volta ós montes comunais. Moitos non son realmente produtivos e as súas comunidades, coma o resto das institucións veciñais, están moribundas. Toda vez que pase unha xeración máis, os descendentes, xa plenamente urbanos e sen sequera memoria de ir pasar os veráns á aldea, non estarán dispostos a pagar bastantes cartos polo  que aos seus ollos serán unha casa vella e leiras. Se a iso lle suman ter que pagar pola limpeza de montes comunais dos que nin sequera sabían que eran coproprietarios (ou que o fisco comece a consideralos como parte do seu patrimonio cotizable) non cabe dúvida que moitos montes e propiedades rurais se venderán a o prezo. Do mesmo xeito a chamada “profesionalización” das comunidades de montes é outra forma de chamarlle á súa privatización ó igual que pasou coas caixas. As grandes empresas madeireiras de Escandinavia, líderes mundiais e con centos de anos de antigüidade, terían interese en expandirse aquí para diversificar o seu stock.
 
Que as terras do rural teñan pouco valor non significa que non teñan ningún, coma moito desertor do arado cre, resultado de todo un sistema ideolóxico que de feito anima ó éxodo rural, aquí coma en España (ver os recentes libros de Pablo Cerdá sobre a “Serranía Celtibérica“ ou Sergio del Molino sobre “A España Baleira”).  Pode pasar coma nas Terras Altas de Escocia, que é tan grande coma Galicia pero pertence a só un cento de grandes proprietarios, na maioría fondos de inversión e príncipes árabes que usan esas grandes extensións de terras baldías coma un elemento máis da súa carteira de investimento.Coma meter diñeiro nun banco a baixo interese.
 
Ademáis, estes días estase a falar nos media de que para o 2090 o sur de España terá o clima de Marrocos, e Madrid o de Las Vegas, incapaz de  soster a poboación. Dado que o cambio aquí en Galicia será bastante menor non sería raro que avezados fondos de inversión, grandes fortunas familiares coa vista a medio prazo fixeran lobby para que as leis cambiase e lles permitisen mercar a bo prezo grandes extensións de terreo do país coma investimento a futuro. Xa pasa coas expropiacións forzosas para as obras públicas, malia as condeas do Tribunal Europeo de Xustiza, así que ese cambio lexislativo para os montes comunais e aldeas non é tan difícil. Para que a nosa costa norte fose a nova “A Mariña d´Or”.
 
De nós depende evitar que pase cos nosos montes e aldeas o que xa pasou coas caixas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA