Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/09/2010 | Actualizada ás 15:14
A CIG acaba de publicar un novo comunicado no que insiste en que o centenario A Nosa Terra pechou pola mala xestión do equipo que encabezan Alfonso Eiré, presidente, e Manuel Veiga, director do semanario. O sindicato nacionalista apunta á cupula de Promocións Culturais galegas como "culpábel da desaparición en papel do semanario e da situación na que se atopan os empregados/as, con salarios e liquidacións pendentes de cobro e sen coñecer o seu futuro laboral".
Nesta semana a CIG organiza dúas manifestacións de traballadores de A Nosa Terra, o martes e o xoves, en Vigo. Onte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, que tamén apunta á mala xestión da cúpula da empresa, daba o seu apoio a estas mobilizacións.
Anosaterra.org pecha os comentarios
Os traballadores seguen sen cobrar os seus salarios, cunha débeda que suma xa case tres meses. A edición en papel deixouse de publicar a comezos de setembro, mentres que a dixital continua. Iso si, anosaterra.org, coordenada por César Lorenzo, mantén un ritmo de actualización moi baixo pechou as noticias aos comentarios, que se encheron de referencias aos impagos da empresa.
A polémica está a rodear o peche do que durante anos foi o único medio en galego. Mentres Eiré culpou en numerosas entrevistas á falta de apoio da Xunta, a CIG e o Sindicato de Xornalistas (SXG) alertaron a semana pasa da "mala xestión" da empresa e dos continuos atrasos que sofren os traballadores.
20 anos de traballo, 20 días de salario
O SXG insistiu en que a responsabilidade última é do Grupo San José. Jacinto Rey é o propietario da empresa, como proban os documentos publicados no portal Galiza Livre nunha reportaxe no que se critica o comportamento de Eiré cos seus compañeiros, algúns con máis de 20 anos na histórica editorial.
Os asalariados levan dous meses sen cobrar e avogados contratados por San José xa informaron da inminencia dun ERE, co que se irían a rúa con 20 días por ano traballado. O presidente de A Nosa Terra promoveu un manifesto de apoio, cuxa web foi asaltada cunha mensaxe alertando do impago aos traballadores.
Rego e o Parlamento critican a San José e Eiré
Nestor Rego, destacado militante da UPG, publicou un artigo en Terra e Tempo no que cuestiona o papel da constructora San José de Jacinto Rey no peche do semanario. Pola súa banda, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, probou con documentos que non era certo o que dixera Eiré de que a Cámara deixara de mercar ANT en canto chegou o PP ao poder.
A CIG leva ano e medio demandando a presidencia de ANT un plan de viabilidade, que segue sen presentar. No seu lugar, Eiré está a piques de presentar un ERe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.