Temas: CABALO TEO

Teo, capital cabalar de Galicia en novembro

O sábado 11 de novembro terá lugar a feira cabalar do San Martiño de Francos, unha celebración centenaria.

Por X.M. Fernández | Teo | 09/11/2017 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A programación cultural comezou xa o venres pasado cos concertos de As Tanxugueiras, Ataque Escampe e Álex Salgueiro no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, concertos que presentou o coñecido actor galego Monti Castiñeiras, e o domingo día 5 tivo lugar un roteiro na contorna da carballeira de Francos.

Feira San Martiño en Teo. Foto: Xaime Cortizo
Feira San Martiño en Teo. Foto: Xaime Cortizo

Unha das novidades deste ano é o Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Cultural Moreu o Demo co apoio económico de Deputación da Coruña e Concello de Teo. A feira cabalar recupera a tradición de acoller un espazo de animación con monicreques, coa actuación de varias compañías a partir das 11:00 horas. Titiriberia celébrase por segundo ano en Teo e trátase do único festival en todo o estado especializado en recuperar e difundir a longa tradición das marionetas. O festival comeza o 9 de novembro e remata o 12 con diferentes actuacións e mesas redondas sobre este tema.

Na véspera do San Martiño actuarán na rúa de Francos as charangas Pola Corta e TNT dende as 22:00 horas e xa estarán funcionando numerosos postos de polbo e churrasco e seguro que moita xente xa se achegará á carballeira para comezar a celebración. 

Na xornada do día 11, día grande no que a Carballeira de Francos se encherá de xente, ademais do atractivo dos cabalos e numerosos postos de venda de diferentes produtos terá lugar a clausura do PicoTeo. Na carpa municipal situada na propia feira haberá unha cata comentada de queixos das catro DO galegas; cata comentada dos viños das cinco DO galegas, unha degustación de pratos elaborados alí mesmo con produtos galegos de calidade, un obradoiro de elaboración de pan e o sorteo dos premios das xornadas enogastronómicas Pico Teo. Para asistir ás catas e obradoiros é preciso inscribirse previamente no Concello. 

Imaxe do San Martiño

Este ano o San Martiño tamén estrea imaxe grazas ao artista afincado en Teo Quintana Martelo. O pintor elaborou unha acuarela co cabalo como motivo central, unha obra que cedeu sen custe algún ao Concello para poder utilizalo como imaxe da feira do San Martiño. A reprodución deste deseño contén parte dos primeiros bosquexos do autor da imaxe central do cabalo e trazos que debuxan dúas mulleres cortando polbo. Sen dúbida unha imaxe que concentra a tradición dunha feira centenaria, da feira cabalar do San Martiño de Francos. 

Cabalos. Foto: Xaime Cortizo
Cabalos. Foto: Xaime Cortizo

Nova imaxe para San Martiño. Obra: Quintana Martelo
Nova imaxe para San Martiño. Obra: Quintana Martelo
Temas: CABALO TEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta