100 Outubros

A esquerda a un século da outra grande revolución da época contemporánea.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 14/11/2017

Comparte esta noticia
Nestes días conmemórase a insurrección armada de Petogrado que, por cousas do calendario ortodoxo, deu comezo á Revolución de Outubro. A terceira (se contamos a de 1905) foi a vencida que cambiou Rusia para sempre e marcou o século curto, que foi na práctica, segundo Hobsbawm,o século XX.
 
Mesmo para os que nacemos no última cuarto desa centuria comeza a ser unha realidade alonxada. Tocounos a Perestroika e (salvo aqueles debuxiños no Telexornal sobre a Guerra das Galaxias de Reagan) pouca memoria temos do medo ó inverno nuclear de décadas anteriores. Non digamos na propia (e agora propriamente denominada) Rusia, onde non saben se celebrarlo ou non. O que non quere dicir que non estea ben patente, só hai que ver os enormes bloques de edificios, os pisos compartidos (komunalkas) , a nomenklatura, o culto ó líder e o recurso atávico ás forzas armadas (se ben é certo que moito disto era herdanza do zarismo). O resto do mundo, entre Trumpismos e Catalunyas pouco se decatou. Algo o da morte do Che, ese grande símbolo do capitalismo de camiseta. En Alemaña celebraron outra revolución, os 500 anos do Protestantismo, que segundo o propio Marx e máis tarde Weber deu nacemento ó sistema capitalista. Tamén nestes días de efemérides celebraron en Israel o centenario da Declaración Balfour que abriu o pe á autonomía e logo independencia de Israel. País por certo fundado por unha élite comunitaria-socialista, moita dela procedente de Rusia e que constituiu o ata o de agora intento (fracasado por aburguesamento dos Kibbutzim e Moshavim) de creación de sociedade comunista voluntaria e democrática.
 
A idade dos extremos, por roubarlle outro termo a Hobsbawm, caracterizouse polo que en Francia denominaron o “tempo da atmosfera” onde os diferentes “ismos” pugnaron pola dominación total dos outros. Co fascismo o único (aparentemente) derrotado (con permiso dos brotes que aparecen aquí e alá e dos intentos de lexitimación de vellos autócratas, novos populistas e teóricos líderes democráticos) , os herdeiros e exégetas de cada tribo contan as ducias de mortos de cada un, non para ver quen fixo mais senón para argumentar, ás veces do xeito máis peregrino,  quen foi o máis benigno.
 
O caso é que volvemos estar nunha nova era de rearme ideolóxico e radicalismo emocional azuzado pola nova radio e propaganda deste século como son as redes sociais e e os ciclos infomativos de 24 horas. Dicía Fukuyama que estábamos no fin da Historia. Pero iso non significa, que, ao igual que fai a moda e a industria do cine, non poidamos ter revivals dos grandes éxitos do totalitarismo do pasado. Seguramente en versión postmoderna como a Rusia onde “Nada é certo e todo é Posible” descrita dun xeito alucinante por Peter Pomerantsev. Ou a versión da síntese neomaoísta capitalista con características chinesas dese novo pensador do socialismo que, segundo o derradeiro congreso do PCCh, é Xi Jimping. Non caeremos no lugar común do antitrumpismo.  Namentres en Europa, bastión do capitalismo con rostro humano, Macrón, Juncker e compañía falan de novos dereitos sociais europeos que no fondo non semellan outra cousa que eliminar os intereses creados por sindicatos  e traballadores públicos amamantados polo Estado de Benestar e trasferir a Bruxelas a solución dos problemas.
 
E nembargantes cabe preguntarse se os ideais que (alén da vinganza contra o autoritarismo e o feudalismo) animaron a aqueles que se sacrificaron nos feitos de Outubro, nas selvas centroamericanas ou na Longa Marcha Chinesa, teñen algo que dicirnos neste século. A priori o campo está abonado para intentos de creación de relación sociais e mesmo de sociedades que non estean baseadas no uso da forza nin da detentación do capital. A depauperación das antigas clases medias occidentais, a rápida degradación de recursos naturais e medioambientais e o seu corolario no cambio climático fan predicir que a chegada ó consumismo de moitos centos de millóns de terceiromundistas, grazas ó cambio tecnolóxico postindustrial e a liberalización post 1989, será breve. Por moita eficiencia enerxética e recursos que lle queiramos pór en breve non haberá para vivir todos coma na America pletórica dos 50. E coa conta atrás do desastre  global que será o punto de non retorno, en só uns poucos anos, do cambio climático.  Razóns demais  para evitar facer o que o ser humano adoita, pelexar polas migallas que queden , coma os nosos devanceiros fixeron en 1177 a.d.C. data que Eric Cine escolleu para marcar aqueloutro grande colapso as civilizacións que foi o da Idade de Bronze.
 
Paradoxicamente a mesma tecnoloxía que fomenta a emoción sobre a razón e o individualismo millenial é tamén a que pode permitir a creación dunha sociedade non capitalista. O software que se usa no Tinder, Facebook e outras entelequias da Sharing Economy vale tanto para que vivamos tan sós como morreremos e para crear unha economía baseada no precariado masivo, como para permitir transaccións nas que non medien os cartos. Unha nova teoría do valor marxista baseada no valor  social das cousas e non o que asigna o mercado. Dificilmente a URSS podería ter sido un país socialista, non digamos comunista, cando usaba o rublo.
 
Desgradiadamente a tecnoloxía ten o mesmo e, tal como imos, maior potencial pra que calquera dictador de pandeireta poida controlar as vidas privadas dos cidadás dun xeito nunca imaxinado por Orwell en 1984. O consenso de Washington pode derivar no consenso de Pekín, cecais pasando pola fase intermedia do Consenso de Singapur (ese que tanto gusta ós do Brexit). Na China están a desenrolar o Social Credit System que coa excusa de reducir a corrupción permitirá controlar mellor a vida dos malos cidadáns.
 
Con todo, a maior esperanza da humanidade está a xestarse na pequena vila provenzal de Cadarache. É alí onde se agarda acadar nos próximos 40 anos a fusión nuclear. Ó facer a enerxía gratuíta a necesidade do capital desaparece. Todo depende se o acadarán antes do colapso climático.  En clave galega, mellor non pór as esperanzas no traballo doutros. En vez de pasearse por Porto Alegre, A Habana ou mirar pra Xénova, aproveitar o que temos na casa. Curiosamente nós non temos que inventar comunas porque temos parroquias e montes comunais. Non é moito pero é o que temos pra comezar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA