Mocidade en perigo

As naves da esperanza, que tanto abroiaba na mocidade non hai moito, diríxense cara aos acantilados. Risco de naufraxio. E de perda.

Por Xabier Ron | Santiago | 30/11/2010

Comparte esta noticia

A esperanza, claro, viña lastrada. Os que traballamos a longo prazo sabiamos do enorme perigo.  Os que nos dedicamos á docencia perdíamos voz en avisar do carácter efímero e mentiroso das ilusións. Pero un poderoso canto de sereas desviou a nave da xusta formación cara a parámetros onde o máis importante era acadar o diñeiro da forma máis rápida posible nos sectores produtivos que se consideraban símbolo da nova riqueza. Moitos foron os mozos e mozas que deixaron de forma prematura os seus estudos e a súa formación. E traballaron neses sectores de nova riqueza. Mais o canto cesou. E agora a nave leva a un espazo de perda.

Os datos que o Inxuve extrae da Enquisa de Poboación Activa (EPA) sinalan que no 3º trimestre do 2010 había en Galicia 64.800 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos en situación de desemprego, i.e. un 25,36%. A isto sumémoslle que a taxa de temporalidade para os que puideron ir traballando foi dun desacougante 53,73%. Se engadimos a franxa que vai de 29 a 34 anos, como fan algunhas enquisas, os datos son aínda máis tristes.

Se consideramos que a taxa de emancipación en Galicia no 3º trimestre do 2010 foi dun triste 27,21%, queda claro que o mercado laboral lanza as esperanzas de emancipación da mocidade á soleira da porta que os introduce, de novo, no fogar de seus pais e nais. Son máis de 303.000 os mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que non poden emanciparse. E, por iso, con máis frecuencia, vémolos nos camiños que levan á emigración. Non é só a nefasta política laboral que proxecta o capitalismo salvaxe. Son tamén as nulas capacidades dos gobernadores por impoñer e dispoñer dunha política social de vivenda. Cos prezos e cos salarios actuais, coa precariedade e temporalidade...imposible emanciparse!

Cáseque todas as expulsións laborais producíronse no sector privado. Lóxico: no público, a formación aínda é requisito. Pero, ollo, a formación, por desgraza, no noso país, non é sinónimo de entrada no mundo laboral. Aí está a pedra que enlousa o futuro. Así, ollamos como a mocidade que decidiu formarse, e rematar os seus estudos universitarios, traballa en sectores onde esa formación é innecesaria e como a súa sobrecualificación se corresponde cun infrasalario. Por se fose pouco, a política de recurtes que ataca ao sector público leva a unha enorme perda de postos de traballo presentes e futuros, o que significa perda de calidade, eficacia e eficiencia dos servizos públicos.

Expúlsase á mocidade do futuro. O pesimismo aumenta e a mocidade pensa que vivirán peor ca os seus pais e nais. Ese pesimismo alimenta xa as nosas aulas. E frea mesmo os desexos de formarse. Total, pensan algúns, “Para qué? Para ir á cola do paro ou emigrar?”. E iso lévanos ao que os medios denominan NIN (estudan)-NIN (traballan), co risco que representa para o seu futuro.

Cómpre actuar. As receitas neoliberais non funcionan...como se pode ver no rescate irlandés...non hai moito considerada exemplo a seguir para varios dos medios de persuasión galegos. Cómpre cambiar de modelos formativos, produtivos e unha nova filosofía do traballo. Cómpre reducir a xornada laboral e incrementar a empregabilidade ao mesmo tempo.

E, por moito que algúns o neguen, aumentar a idade para xubilarse significa tamén eliminar posibilidades laborais para a mocidade. Significa tinguir de pesimismo o seu futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.