Unha de xénero

A campaña mundial contra o acoso sexual amosa tanto o poder coma os límites dos medias para tratar temas sociais complexos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 11/12/2017

Comparte esta noticia
Logo de varios meses tralo estourido na axenda mediática global do problema da violencia de xénero, via o moi mediático Harvey Weinstein e una ristra de estrelas, a revista Time declara a varias dás vítimas -das máis mediáticas- Persoa do Ano 2017. Ou o que é o mesmo, os medias fanse unha homenaxe a sí mesmos. Obviamente ao implicar a vítimas do star system, o impacto mediático foi enorme. A Comisaria europea Jourova denunciou hai dous anos no pleno do parlamento europeo que fora unha vitima e ninguén dixo nada, por exemplo. Sairon agora denuncias en parlamentos e políticos en todo o mundo, pero curiosamente nada de, por exemplo, os abusos nos grandes despachos de avogados, grandes empresas, onde, a diferencia do mundo político, non existe exposición pública e os incentivos (monetarios, promoción, despedimento) para o silencio son moito maiores. Algo terá tamén que estas empresas pagan moita publicidade.
 
Tamén nestas últimas semanas celebrouse o 20 aniversario da entrada na axenda mediática madrileña do problema da violencia no fogar/de xénero/machista (o termo foi mudando). O estudo do 2014 da Axencia de Dereitos Fundamentais da UE amose que a taxa de Dinamarca (55%) dobra á do Estado Español (22%). Malia ser un caso obvio de “underreporting” (denúnciase moito menos ca en Escandinavia) resulta pouco probable que o problema, sendo moi grave, sexa a hecatombe exclusivamente ibérica que un estranxeiro pode pensar que hai se se asoma ós media españois (onde os telexornais agora adican a metade do seu tempo ós sucesos, mesmo máis có futbol). O feito que sexa un problema serio tras tanto tempo amosa a ineficacia das políticas públicas, pero tamén que, infelizmente, a cobertura deste problema, coma outros, é parte da sociedade de entretemento. Como nos 80 foi “o problema da droga” (que parece que desapareceu, ninguén debe tomar cocaína xa nin haber rexurdimento da heroína entre os colgados pola recente crise), ou ETA. A prostitución masiva (unhas 4,000 en Galicia) parece que só existe nos anuncios da prensa e nos letreiros dos burdeis.Non sexa que haxa algún parente.
 
Resulta tamén notable a apropiación do problema da violencia de xénero polas clases medias. Obviamente a repercusión mediática  (e de social media) só existe por afectar a xente que os americanos chaman “aspiracional”. Daí o estourido das redes socias co “#metoo”, caixón desastre onde cabe desde os asubíos dun pailán calquera na rúa á violación e asesinato polo simple feito de ser muller. Mais non é que agora se fale máis da violencia de capataces e xefes de supermercado ca antes, a maioría de novos denunciantes non son dos sectores máis precarios da sociedade. Pero tamén a apropiación vese du xeito pouco subtil ao vencellar a violencia de xénero, tal coma bandeirín de enganche, con temas claramente distintos, pero moi importantes para as clases medias, coma o de incrementar a porcentaxe de mulleres en postos directivos (“women on boards”).
 
Por exemplo, en Bruxelas,  xa perto dun 40% de cadros medios e superiores son mulleres, moitas máis nos cadros inferiores. A excepción son os altos cargos e os electos; ese tipo de postos-balneario teñen un sesgo xeracional, polo que tardará máis tempo. Só que non se trata de calquera muller (ou homosexual) senón dun tipo moi concreto de muller (ou home gay), predominando un perfil de comunicación, networking, relacións públicas, prosecco e brunch.Iso é normal; dáse polo chamado isomorfismo: a xente busca traballar con xente dun perfil similar, polo que os grupos ascendentes nunha organización tenden a colonizar o espazo e desprazar os outros colectivos sexan os velletes tecnócratas que había antes, mulleres cun perfil científico, gays sen glamour, ou, curiosamente, lesbianas, prácticamente invisibles. Tamén como dicía POLITICO hai uns días, sen apenas diversidade racial -iso na cidade máis cosmopolita do mundo tras Dubai-. Difícilmente ao anterior se lle poderá chamar paridade ou igualdade de xénero.  Chámase apropiarse da estrutura de oportunidade: desde os anos 60 o discurso público tende a dar un plus a colectivos previamente desfavorecidos. Esa é a razón pola que non só os devanditos colectivos teñen agora máis posibilidades de ascenso social que nunca, senón tamén a razón pola que, por exemplo, os galegofalantes temos un nivel de presenza pública formal moito moi superior ás demandas reais da maioria do noso colectivo.
 
Isto nin é bo nin é malo en si mesmo, o problema é cando se xeran dinámicas de presunción de santidade ou de maldade para un colectivo concreto en función de como caian as tornas do discurso público do momento. Por exemplo, o caso de Israel ten, en moitos países, un plus de lexitimidade existe unha forte sanción social verbo de calquera crítica que sería inaudito no propio Israel e entre os israelis (algo parecido se pode dicir, en parte, verbo dos palestinianos naqueles países onde estes son beneficiados pola axenda mediática). Ou como cando en Estados Unidos só os negros se poden chamar tal, para os demais deben tragar co uso do termo afroamericano. Ou a presunción de que calquera grupo minorizado sexa minoría racial, étnica supónselle unha bondade intrínsica. Algo así coma a versión postmoderna do mito do bo salvaxe. Ao mesmo temo, todo matiz a un patrón tan simplista penalízase socialmente coa chamada “espiral do silencio”, co que ó final todos acabamos sendo algo menos libres. Os recentes casos de sancións penais por humor en españa, foran as grazas de melllor ou peor gusto, son bo exemplo disto.
 
Tradicionalmente en Galicia onde a filosofía era a de que “todos somos bós” ou “deus e bo pero o demo non é malo” este tipo de maniqueísmos serían realmente estraños. Non tanto hoxe, porque infelizmente bebemos do mesmo sistema mediático cós demais.Malia todo, deberíamos poder aspirar a poder falar de tódolos nosos propios problemas sociais, desde tódolos ángulos e non o que dicte a inevitablemente estreita axenda mediática.
 
Vexamos: en Galicia a taxa de suicidio entre homes de menos de 40 “dobra” á de accidentes nas estradas e corredoiras, sendo esta última estatística tradicionalemente tamén estarrecedora. Falamos de violencia física, pero rara vez de violencia psicolóxica no traballo ou na familia (incluída aos homes). Ou que as nosas taxas de depresión (de ámbolos xéneros) sexan moi superiores ás do resto do Estado. Pero claro, isto non só é máis complexo de tratar para os medias, senón tamén porque é inconveniente. Igual rascando un pouquiño resulta que todo isto débese non só a precariedade laboral (que tamén) senón as altas taxas de emigración externa e éxodo rural brutal que seguimos a ter e a non menos brutal proceso de aculturación e anomía no que vive inmerso a Galicia de hoxe. O problema é que rápido chegamos a política, e 40 anos da grande manifestación pola “dignidade nacional” (La voz de Galicia, 6 Decembro de 1977) a nosa dependencia de estructuras de poder, económica e mediática externas é, en certos aspectos (deixemos a TVG e o ensino en galego a un lado) igual ou peor que cando no franquismo. No lugar diso temos que ver ós baluartes da construcción nacional falar das catro últimas vítimas da violencia de xénero en varios puntos de fóra de Galicia, porque iso é o que lles permite saír nos media. O outro non interesa, e por tanto non existe. É o problema do ovo e a galiña, non temos apenas medios propios, polo que non se falan de tódolos nosos problemas sociais, pero se non falamos deles, de todos eles, peor ainda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA