Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/02/2018 | Actualizada ás 13:51
Unha campaña en Internet para apoiar os bombeiros profesionais e contra a galopante privatización deste sector. O obxectivo é recadar un mínimo de 7.000 euros para gastos xurídicos derivados da interposición de demandas dos bombeiros na súa loita de defensa dun servizo público.
Os bombeiros entende que a privatización do servizo só leva a "unha situación na que un bombeiro privado non podería actuar como autoridade, por exemplo, no caso de ter que ordenar evacuar un edificio en chamas", explican.
"Os bombeiros imos loitar contra este sistema de xestión privada que busca o lucro como fin. Para iso iniciamos esta campaña, para concienciar, reunir o apoio de todos e os fondos necesarios para facer fronte aos gastos xudiciais derivados das denuncias presentadas polos bombeiros, contra quen pretende privatizar os servizos públicos contra incendios", expoñen na plataforma Goteo.org, onde puxeron en marcha a campaña.
Os impulsores desta iniciativa din estar "loitando por un servizo de bombeiros público que preste este servizo esencial garantindo os dereitos básicos de dignidade vital". Entenden, ademais, fundamental a "actitude asociativa" para unir ao colectivo a nivel estatal e loitar por unha lei que os regule.
"Sabes que cando os bombeiros actuamos nun accidente de tráfico, nun incendio nun inmoble ou protexendo o medio natural, podemos facelo contratados desde unha empresa privada, a cal se lucra co diñeiro que achegan as administracións do noso esforzo común?", din aos cidadáns.
O exemplo deste modelo é Galicia, onde "a xestión indirecta foi implantada pola Xunta de Galicia hai anos", denuncian os bombeiros, que din ter demostrado que "é un fracaso, que é máis caro e ineficaz que o servizo público directo" e que conseguiron que "se inicie a recuperación da xestión directa destes parques de bombeiros por parte das Deputacións"
"Estas demandas baséanse en que debemos ser funcionarios públicos para poder actuar como axentes de autoridade nunha intervención", argúen.
A campaña vai dirixida a todo o colectivo de bombeiros do territorio estatal e á sociedade en xeral. Os seus impulsores consideran que son "un colectivo ben valorado pola sociedade" e isto motívaos a "prestar o mellor servizo posible", o cal "non é posible se o servizo é xestionado a través de empresas privadas".
Por todo isto queren "loitar porque a nosa profesión sexa xestionada directamente polas administracións e non por empresas privadas con ánimo de lucro, pagadas cos impostos de todos".
"Presentar esta acción á sociedade e facela partícipe da problemática da nosa profesión", din.
O equipo básico para esta campaña está composto por bombeiros de Galicia, Castela e León e Andalucia. Até este mércores levaban recadados 1.720 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.