A empresa nega a ampliación do proxecto Touro-O Pino pero recoñece que quere explorar 122 quilómetros cadrados

Logo de convidar a varios xornalistas de determinados medios a unha reunión informativa, na que non se contou con Galicia Confidencial, Atalaya Mining decide agora comunicarse con este xornal e asegura que "é completamente falso que confirme que ampliará a extensión do seu proxecto mineiro a 122,7 km cadrados". Con todo, si recoñece que quere conseguir os permisos de investigación en toda esa área para "ofrecer certeza a accionistas e investidores".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/03/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Cobre San Rafael responde á nova publicada por este xornal sobre a intención de Atalaya Mining de ampliar o seu proxecto mineiro a 122,7 quilómetros cadrados. A empresa decidiu enviar un comunicado a GC para desmentir o publicado aquí: "É completamente falso que Atalaya Mining confirme que ampliará a extensión do seu proxecto mineiro a 122,7 km cadrados", din.

Mina de Touro.
Mina de Touro.

Días antes, Alberto Lavandeira —conselleiro delegado de Atalaya Mining— convidaba a unha reunión informativa a unha serie de xornalistas de determinados medios para explicarlles o seu proxecto mineiro e tentar contrarrestar a corrente de opinión pública contraria á reapertura da mina de cobre nos municipios de Touro e O Pino. Ningún xornalista de Galicia Confidencial foi convidado a ese encontro nin a ningún outro. 

"Dende a empresa queren facervos as seguintes aclaracións", comunicaron desde un gabinete, mediante un correo electrónico. Nesas "aclaracións", a empresa non desminte que vaia estender os seus plans a 122,7 quilómetros cadrados, senón que nega que esa extensión se vaia dedicar ao actual plan de explotación mineira. Ese é o matiz. Con todo, si pretende ampliar o seu radio de actuación e facer "investigacións" nunha área ampliada de ata 122,7 quilómetros cadrados na contorna da concesión de explotación de Cobre San Rafael

Segundo o comunicado enviado a GC, "é completamente falso que Atalaya Mining confirme que ampliará a extensión do seu proxecto mineiro a 122,7 km cadrados", unha "afirmación non só é errónea, senón que carece de toda lóxica", argúe a compañía, que se remite, como exemplo, á "maior curta mineira do mundo, Chuquicamata en Chile, que ocupa só 8 quilómetros cadrados".

"EXPLORACIÓNS XEOLÓXICAS

A partir de aquí, recoñecen que queren cubrir máis de 12.000 hectáreas de terreo mediante "exploracións xeolóxicas": "Na súa presentación a investidores, Atalaya Mining explica que ten opción a obter permisos de investigación para ata 122,7 km cadrados na contorna da concesión de explotación de Cobre San Rafael. Esas cuadrículas mineiras, unha vez obtidos os permisos ou exercidas as opcións correspondentes, poderían ser obxecto de investigación xeolóxica". Porén, non dan máis detalles sobre o obxectivo desas exploracións xeolóxicas, aínda que é doado deducir —porque ese é o carácter destas actuacións— que é para facer prospecións mineiras, identificar novas reservas e ampliar o radio de extracción, se se dan as circunstancias idóneas.

Parte do informe de Atalaya sobree a mina de Touro.
Parte do informe de Atalaya sobree a mina de Touro.

Con todo, manifestan que "se a empresa quixese realizar labores mineiras fóra deste ámbito, de acordo coa lexislación vixente, tería que deseñar un novo proxecto e iniciar desde cero un procedemento administrativo", o cal, din, "vén supoñer unha media de oito anos de traballo previo". E preguntan: "En Galicia e en España existen miles de permisos de investigación, cantos deles se converten en minas activas?". 

122 KM CADRADOS PARA "OFRECER CERTEZA A INVESTIDORES"

Para Atalaya Mining, a xustificación para anunciar o seu interese en abarcar 122,7 quilómetros cadrados explorables é a seguinte: "Polo xeral, todas as empresas mineiras inclúen na súa estratexia conseguir os permisos de investigación nos arredores do seu proxecto de explotación. Isto é importante á hora de ofrecer certeza a accionistas e investidores".

Por último, sinalan os responsables do proxecto, "a realidade é que o proxecto presentado por Cobre San Rafael para reactivar a mina de Touro corresponde a un permiso de explotación que abarca unhas 700 hectáreas. Só a mina histórica ten unhas 500. Esta información é pública e pódese consultar".

A opción recoñecida e ansiada de facerse cos permisos de investigación sobre unha área de 122,7 quilómetros cadrados non desminte que Atalaya Mining manteña o seu interese en ampliar o seu radio de acción máis aló de 689 hectáreas, que son as recollidas no proxecto presentado á Xunta para a reapertura e explotación da mina de Touro-O Pino, pero a empresa insiste en que é necesario desvincular explotación mineira de exploración xeolóxica.

"A cifra de quilómetros que dades como explotación mineira é, realmente, a superficie de exploración xeolóxica", detallan.

DENUNCIAS

O período da opción de compra sobre todas as concesións de exploración que rodean a mina de Touro é de dous anos e medio e “o 75% do pagamento está condicionado á obtención dos permisos para producir mediante perforación nunha zona que contén recursos potencialmente explotables”, explicou xa en 2017 Atalaya Mining aos investidores, aos que expuxo a súa intención clara de explotar toda a concesión e ampliala ata unha superficie total de 122,7 quilómetros cadrados, aspecto este reiteradamente denunciado por plataformas veciñais, ecoloxistas, sindicatos, partidos como En Marea, PSdeG e BNG, e diversos colectivos e organizacións.

Por exemplo, A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) acusou a Cobre San Rafael, a empresa que tramita o proxecto da mina de Touro - O Pino, de "xogar ao despiste" e usar de forma "equivocada" a linguaxe para "minimizar e ocultar as verdadeiras dimensións" do plan de explotación.

Tamén representantes da plataforma Mina Touro-O Pino Non explicaban neste xornal: "O que está presentando Atalaya Mining, empresa con interese na mina, é unha explotación de pouco máis de 700 hectáreas, nos mesmos terreos da mina anterior e sumándolle máis superficie. Pero na súa web o proxecto é moito máis amplo, anunciando que chegará aos 122 quilómetros cadrados, collendo partes dos concellos de Touro, O Pino e Santiago, chegando detrás do aeroporto. Ademais, cun impacto visual e de ruídos durante dezaseis anos. Isto tamén se recolle no documento da empresa. Estes impactos afectarán tamén ao Camiño de Santiago. Por outra parte, tampouco se poderá facer ningún tipo de actividade agraria ou forestal".

Outro exemplo é a denuncia da Federación Ecoloxista Galega contra o fraccionamento de proxectos, “ben para evitar trámites legais necesarios, ben para ocultar o seu impacto global ou para minimizar a oposición social ao mesmo proxecto”, o cal, indicaron, móstrase no plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global proposto pola empresa, os 122 quilómetros cadrados que Atalaya Mining anunciou no “Touro Progress Annoucement”.

Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.
Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.
Plano proxecto mina de Touro - O Pino
Plano proxecto mina de Touro - O Pino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta