A “peste das patacas” chega xa á Costa da Morte

Muxía é o primeiro municipio afectado pola couza guatemalteca da pataca. En alerta os concellos de Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas.

Por Galicia Confidencial | Muxía | 26/03/2018 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

A couza guatemalteca, ou “peste das patacas” como é coñecida nos ámbitos agrarios, chegou xa á Costa da Morte. Muxía pasa a ser o primeiro concello desta comarca en ser afectado por esta praga da pataca, despois de que a consellería detectara tres casos de tubérculos afectados en plantacións de autoconsumo no municipio.

As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan
As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan | Fonte: lapatata.es

Deste xeito, o concello pasará a ter todas as medidas de control aplicadas no resto de municipios demarcados, como a prohibición de plantar patacas e o movemento das mesmas. Agora, dacordo coa normativa vixente, no concello infestado só se poderá comercializar tubérculo embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, precisamente porque o movemento de pataca a granel estará, igual que no resto de concellos demarcados, prohibido.

Así mesmo tomaranse medidas polos concellos limítrofes para evitar que o insecto se estenda poa contorna. Neste caso a rede de trampeo con feromona específica disporase no interior do concello infestado co obxectivo da captura masiva e nos concellos de Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas e establecerase unha contorna de protección e alerta rápida para previr a súa dispersión por zonas produtoras.

Os produtores terán que aplicar as medidas establecidas no Real decreto 197/2017 publicado polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, tales como un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberización e antes da colleita. As patacas recollidas non se poderán dedicar a semente mentres a praga non se dea por erradicada.

A Consellería do Medio Rural e o Concello muxián organizan este próximo martes, día 27, unha charla á que poderán asistir os veciños. Terá lugar no salón multiusos do edificio do voluntariado.

Do medio colaborador QPC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta