A cultura da amizade

Un dos paradoxos da corrupción actual é que parte de boas intencións.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 18/04/2018

Comparte esta noticia
Levamos semanas coas conversas monopolizadas por un novo escándalo de favoritismo, en Madrid claro. Aparte de así non falar de temas máis relevantes (coma o futuro das pensións, non as dos anciáns que se manifestan senón dos que hoxe teñen 20 anos) resulta moi útil para que calquera nun bar se poida erixir coma albacea indignado da virtude que “os políticos” non teñen.
 
Os traxes de Camps, os títulos de Cifuentes, as prebendas do Instituto Nóos non son comparables co piso de Ignacio González, os millóns en Suiza de Bárcenas ou cos ERE, nin estes á súa vez son comparables á mala xestión e rescate das caixas, concesións de autopistas radiais ou doutras coma a do Atlántico prolongadas “ad infinitum”. Mal que ben o Código Penal establece unha gradación entre a gravidade dos delitos mais no debate público, e sobre todo nas conversas entre cidadáns, case que se busca intencionadamente mezclar todo. Semella que para así absolverse de calquera responsabilidade persoal nos asuntos colectivos.
 
Mais non é o mesmo, pero si que está conectado.Un podería pregungarse porque xente que xa tiña unha posición se mete ou se deixa meter en leas para conseguir un Máster que non precisaba (Cifuentes é funcionaria) que anos despois tan caro tivo que pagar. Parte da resposta a isto é a pouca ou nula presenza de controis externos e independentes o que dan unha impresión de impunidade, afortunadamente ficticia; a xustiza é lenta pero malia todo acaba chegando.  Pero a ningún dos envoltos nestes casos de baixa corrupción, corruptela ou comportamento impropio o obrigan ou coaccionan para aceptar o trato de favor e os privilexios.
 
Esta falta de límites forma simplemente parte da cultura. Unha cultura que, a diferencia dos protestantes, valora moito máis os vencellos persoais cós formais, onde a familia ou os amigos son máis tanxibles que conceptos abstractos coma a cidadanía. Onde importa moito quedar ben, os favores e as relacións. Tamén onde a exaltación á amizade entre xente que se acaba de coñecer pasa de repente a odios acérrimos por culpa dun pequeno malentendido.
 
Iso ten cousas positivas. A diferencia de Suecia, aquí o 25% da xente non morre soa de misericordia (ainda que isto esta mudando rapidamente entre nós), ou a taxa de alcoolismo é moito menor ca de Finlandia porque aquí beber é algo máis social (tamén con matices). Os amigos semellan ser máis amigos e as familias semellan estar máis unidas que neses países onde o estado creou cidadáns independentes a base de asumir funcions que aquí dependen das relacións e estruturas sociais.  
 
Para calquera que veña, ou volte, do norte de Europa resulta rechamante como nesta parte do mundo importa tanto a quen coñezas. Ou a expectativa de ter que estar a ofrecer e a devolver favores. Ás veces ata extremos caricaturais como cando lle mencionas a alguén que tes que facer un simple trámite administrativo e xa sae algún cuñado dicindo “iso xa falo eu con X e solucionocho rápido”. Por suposto logo nunca o fan. Os “cuñados-enxeñeiros” sempre quedan na oferta. Ou como cando vas a un hospital e buscas que te atenda un especialista da túa vila (ocorre ainda hoxe máis a miudo do que parece). Coma aquel cirurxán de Mondoñedo emigrado hai décadas en EE.UU. que operara a Xoan Carlos I logo do de Botswana e que semella que pasa consulta ós veciños da súa vila cando vén de vacacións.
 
Toda esa densidade de relacións sociais e obrigas mútuas, reais ou autoimpostas, ten sen dúbida aspectos positivos pero tamén pode resultar opresiva. Calquera que tivera nacido na pequena burguesía dunha capital de provincia pode testemuñar do sofisticado sistema de normas e obrigas non escritas. Agora non se escriben novelas sobre iso como no século XIX ou ata a postguerra (Cinco horas con Mario, por exemplo) pero ainda hoxe rexen as relacións sociais neses entornos.
 
En boa parte todo ten a raíz do que os sociólogos chaman “unha sociedade con baixo nivel de confianza”. Onde a cousa pública segue a ser pouco transparente, restritiva, formalista, autoritaria e moitas veces úsase coma mecanismo para a captura de rendas. Emporiso a obsesión pola titulite, conseguir praza de funcionario ou a existencia de profesións colexiadas sen parangón noutras latitudes coma os notarios, rexistradores da propiedade e os xestores administrativos. Ou que a maioría das ofertas de traballo non se publiquen, reflexo dunha economía con predominancia de pequenas empresas onde ofrecer o posto de traballo a un familiar, ó fillo dun potencial socio, permite unha relación que vai máis alá da de empregado-empegador a unha dependencia feudal entre o que da e recibe o favor.   
 
Todo isto aplícase tamén ás élites. A diferencia dos “old boys networks” anglosaxóns ou os “réseaux d´énarques” galos, que son conscientemente estructuras creadas para a axuda mútua e preservación de privilexios daqueles que foron xuntos a unha determinada escola, nestas latitudes, malia observárense aquí estruturas semellantes a estas (pertenza a colexios e corpos profesionais e funcionariais coma Avogados do Estado ou o Corpo Superior da Xunta)   está todo máis mezclado: o persoal, o profesional e o político.  Por suposto o individuo ten o libre albedrío de dicir non pero moitos entenden que o ascenso social depende de aceptar toda unha serie de favores e contrapartidas. O que empeza cun pequeno favor, logo pasa a outro máis grande ata que case sen darse conta acabase metido dentro dunha trama de corrupción. Pode que haxa moitos que coma na cita erradamente atribuida a Zaplana  “están en política para enriquecerse” pero moitos acaban metidos en leas que lles acabaron custando máis caro ca calquera beneficio que tiveran obtido.
 
Como é posible que moitos non foran quen de abstraerse para perceber na espiral na que estaban fundindo? En parte porque a diferencia do que se din nos bares o que pasa na política non é mais co que é normal en tódolos niveis destas sociedades. Coma na recente comedia italiana “Benvenuto Presidente” ó final o que queremos é ter políticos que nos fagan favores a nós, o que non quita que nos indignemos cando os favores llos fan a outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA