A Xunta aposta pola opción catalá para o conflicto da Xustiza: Repetir as eleccións

O Goberno galego non acepta os resultados da votación dos traballadores que rexeitaron a súa proposta, a pesar de que a maior parte dos sindicatos, partidarios e detractores do acordo, aceptan os resultados. O PPdeG critica a votación e o BNG pide a dimisión de Rueda.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia non acepta os resultados das votacións dos traballadores da Xustiza sobre o acordo ao que chegara con catro dos sete sindicatos. Unha negativa a aceptar unha votación que gañou con case un 53% e o apoio de catro sindicatos, fronte a tres. Por iso, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,  aposta por repetir as votacións porque a votación, dixo, "non foi en liberdade".

Protesta en Vigo dos funcionarios da Xustiza
Protesta en Vigo dos funcionarios da Xustiza | Fonte: Miguel Núñez.

O argumento utilizado polo PP en Galicia é semellante ao que utilizou xa o Goberno de Rajoy en Cataluña tras o referendo. O resultado, dixeron entón, era ilexítimo e os populares apoiaron a convocatoria de eleccións que volveron gañar os partidos independentistas. “Os responsables de que esa situación de coaccións e ameazas se producise terán que ser consecuentes co que fixeron e co resultado que diso se deriva. Coaccións e ameazas que foron denunciadas por varios sindicatos", lembrou Rueda para apoiar unha nova votación. 

Con todo, a postura da Xunta comeza a ser minoritaria logo de que dous sindicatos que apoiaban o acordo, USO e CSIC deran por bos os resultados. Pola súa banda, os sindicatos Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG, que o rexeitaron, fixeron un chamamento á Xunta e ao resto de organizacións do comité de folga da xustiza --SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.-- para manter unha reunión o vindeiro mércores, día 2 de maio, e retomar as negociacións que permitan pór fin ao paro indefinido no sector.

Nunha comparecencia ante os medios celebrada na capital galega, o portavoz de STAJ, Enrique Araújo, considerou que, a pesar de que "estaba todo preparado" polos catro sindicatos que aceptaban a oferta da Xunta para que "saíse o si", os traballadores rexeitaron o acordo, un resultado que, na súa opinión, SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. "non están a asumir".

"Estes catro sindicatos están a facerlle o xogo á Xunta, están coa Xunta para anular unha votación que quedou clara. O colectivo quere unha mellor proposta e loitar por ela", manifestou. Por iso, considerou que tanto a Administración como SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. deben "asumir que ese é o resultado" e "porse a negociar para buscar unha solución acordada". A mesma postura foi mantida pola CUT e a CIG.

Folga xustiza queima de nóminas
Folga xustiza queima de nóminas

COMUNICADO DE SPJ-USO E CSIF

Pola súa banda, o sindicato maioritario no sector, SPJ-USO, e tamén o CSIC, remitiron sendos comunicado aos medios pouco despois desta comparecencia conxunta dos outros tres sindicatos no que recoñecen unha "vontade maioritaria" dos traballadores de "rexeitar a proposta" sometida a sufraxio e de continuar en situación de folga.

Por iso, descartan a convocatoria de novas eleccións entre os traballadores, tal e como pide a Xunta, e apostan por renegociar o acordo. "Que non haxa dúbidas de que SPJ-USO continuará traballando pola mellora dos funcionarios da administración de xustiza. E ímolo a facer pregándonos, como até agora, á vontade da xente e en solidariedade con ela", apuntou.

Con todo, no comunicado no que avanza que "seguirá negociando" até alcanzar unha proposta que sexa aceptada maioritariamente, cualifica de "incomprensible" a actitude de "determinados sindicatos" e o "ambiente de tensión e condicionamento" da libre vontade vivido nas asembleas do pasado venres.

Unha opinión que tamén comparten desde o CSIF que, aínda que acepta os resultados, tamén condena os incidentes acontecidos no día das votacións. Así, anuncia que seguirá no Comité de Folga, aínda que tras os insultos, coaccións e ameazas ocorridas o 27 de abril “dá por rota a unidade sindical e adoptará, no seo da negociación, a posición que considere oportuna exclusivamente en defensa dos intereses lexítimos dos funcionarios da Administración de Xustiza a quen representamos”.

CRÍTICAS DO PP E PETICIÓN DE DIMISIÓN DESDE O BNG

Tras este conflito, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, púxose de lado da Xunta e lamentou "as ameazas e coaccións" que, "segundo denunciaron sindicatos", derivaron nun "proceso viciado" de votación dos traballadores da xustiza, e manifestou que a oposición debería pronunciarse para dicir "se avala ou non" uns feitos que ve "condenables".

Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou a situación que viven os traballadores da Xustiza en Galicia e advertiu que os galegos "non merecen un Goberno que, coa súa incapacidade para negociar, está a paralizar un servizo básico importante".

Despois do non á última oferta da Xunta que, tras evidenciarse a ruptura sindical, deu a maioría dos funcionarios a pasada semana, Pontón acusou ao Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo de "parapetarse" tras a súa "maioría absoluta" para "non buscar unha solución", á vez que considerou que o vicepresidente, Alfonso Rueda, está "inhabilitado" para seguir á fronte da negociación e debería "dimitir".

O conselleiro Rueda, no medio, xunto ao director de Xustiza
O conselleiro Rueda, no medio, xunto ao director de Xustiza
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 Pondaliao

1 Aiiiiinnnnnsssss

Hoxe lin nos titulares de varias novas deste xornal cousas como "conflicto" (conflito), "sentencia" (sentenza), "200 funcionarios de xustiza piden a Xunta..." (200 funcionarios da Xustiza piden á Xunta...), "SPJ-USO, organización maioritaria recoñece a votación..." (falta a coma entre "maioritaria" e "recoñece"), etc, etc, etc. As vosas novas son moi interesantes, pero o voso desleixo no uso do idioma e os vosos erros continuos estragan o bo traballo que facedes e déixavos a un nivel bastante lamentábel como escritores.

1 Gamela

será que con tanta corrección formal non haxa quen fale nin escriba en galego ? Será...

2 Xa xa

Con tanto galego "de la universidad" ides conseguir que non o fale nin Dios...toda a vida o castrapo foi o galego do pobo e agora 4 queren ser "los más".

3 Equipo do GC

Lamentamos os erros, que é certo que os comentemos, pero tamén é certo que ti só entras nas informacións para criticar. Nunca aportas nada positivo --ou unha crítica construtiva e outra negativa--, como pode facer Gamela. Polo tanto, desde a redacción do GC, xa te cualificamos como un troll que só ven ao GC a cizañar e a poñer como escusa a língua para tentar desprestixiarnos. Por certo, sempre utilizas IPs diferentes nos teus comentarios, o cal é moi indicativo da túa actitude destrutiva con nós, e nunca comentas absolutamente nada da noticia. Temos, ademais, sospeitas severas de quen es e o que buscas coa túa actitude, pero non imos caer nas túas provocacións. Bo día

5 Ana das lorbagasverdes

Mi madriña, por unha vez na miña vida voulles dar a razón aos de GC: deixade de amolar ho. Non estamos para discusións bizantinas e menos sobre unha normativa que ninguén sente coma súa. Se queredes falamos disto... En verdade, ata pode que non sexades nin trolls, só talibanciños. Penoso.