Os paxaros non teñen nome

Sombras e esperanza de ser galegofalante.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 11/05/2018

Comparte esta noticia
Unha das noticias máis tristes da miña vida lina neste xornal o 14 de Outubro de 2014, cando se certificou que, por primeira vez en máis de mil anos, o galego deixou de ser a língua maioritaria en Galicia. O curioso foi a reacción de resignada pasividade da poboación, coma se xa fora durante décadas unha especie de retorománico ou dálmata falado nos vales perdidos cando era ata daquela a língua non oficial de estado máis falada na Unión Europea.
 
Se por algo sairá a Galicia destes anos nos libros de historia será porque foron nestes anos nos que o pobo galego, pois sen galego nin somos pobo nin somos nada, desapareceu. Hai uns anos apareceron pintadas por todo o país cun número misterioso. Referíase a que cada día hai 60 galegofalantes, ou o que necesariamente é o mesmo, sesenta galegos menos. 
 
Vivimos nun estado de indolencia. Na década pasada nada menos que 600,000 galegofalantes deixaron de falalo como idioma principal. É coma se 10 millóns de españois se pasaran ao inglés. Nin se pregunta polas causas nin se indigna, a xente vai ó seu, coma años ao matadoiro.  Ou coma cando coa chegada de Feijoo o plurilinguista se crearon plataformas coma Prolingua e Queremos Galego, división que manifesta un galeguismo de partido e oportunidade que durou ben pouco. Logo coma sempre estas cousas da língua quedan nas mans “dos do Bloque”,  da Mesa. Pero cando a Carlos Callón o empapelaba un xuíz a solidariedade íase co vento, a atención posta na violencia de xénero, o paro, o heteropatriarcado ou o cambio climático. Cuestións estas moi graves, pero protestar pola sentenza da Manada pódeno facer igual de ben en Teruel coma en Huelva, defender o galego só os seus falantes. 
 
Ser galegofalante é ser un pouco moldavo. Contan que na época soviética tal era o adoutrinamento nesta rexión arrebatada a Romanía (alfabetización en cirílico incluída)  que cando conseguían sintonizar as emisoras do outro lado do Dniéster non podían crer que, malia a propaganda oficial, falaban a mesma língua. Co portugués pásanos o mesmo: entendemos mellor, á forza de contacto, ao defunto de Chiquito ca  un Lisboeta. Malia falarmos a língua irmá, coa que formamos un diasistema, que sona é coma se for un sistema solar con dous soles. A recente e, sorprendentemente excelente, tanda de series da RTP (Odisseia, Filha da Lei, Os Boys, País Irmao) descóbrenos palabras moi galegas que un aprendeu na casa e esqueceu co tempo e que non se usan por buscar o minimo común denominador co español. Todas esas series merecen ter primetime, cecais con subtítulos na infrautilizada TVG2, esa que pon con nocturna vergoña o cinema de estrea, dobrado polos nosos excelentes actores (eses que fan que Han Solo sexa moito mellor en galego có orixinal). En troques, tiveron que pasar 30 anos para que RTP e TVG fixeran unha serie conxunta (a deficiente e acastrapada Camiños de Irmandade) e, para darlle algún uso á Lei Paz Andrade, pór en subtitulos Amorodos con Azucre, Al Salir de Clase alén Miño.
 
O portugués tamén é escusa para a vaidade individual en foros de internet pero tamén publicacións máis serias, nun revoltallo que nin é galego nin é portugués, porque para falalo hai que estudalo.  Ser irmáns non quere dicir ser xemelgos. Os reintegracionistas en chancletas (non falamos aquí de xigantes coma son Carballo Calero ou Estravís) semellan  trocar un provincialismo pro outro. A língua que escribiu Rosalía e Castelao é a que é e esa é a única base para crear unha solidariedade coa língua en Galicia.
 
O peor dos discursos minorizantes e que funcionan cando son asumidos polas víctimas. Trinta anos despois hai moita xente quen chama e “Telegaita” a nosa TVG coma se a televisión xeralista española fose algo mellor. Unha das primeiras decepcións da infancia foi con aquela nova televisión no ano 85. Nun momento de descoido, a súa primeira presentadora, a defunta Dolores Bouzón, tras dar paso a Mágnum (outra excelente dobraxe), nun descoido faloulle ó realizador na súa lingua, o español. A TVG e RG, coma o resto do funcionariado autonómico, foi un instrumento de captación de rendas para clases medias alienadas, que diría o agora bicentenario Marx, e non de empoderamento do pobo galego labrego ceibe, como dirían os seus sucesores postmateriais e post todo.
 
Vergoña deu que a TVG do bipartito estivo tan falta de ideas que houbo que recuperar a Piñeiro (que non debería ter marchado, porque Galicia somos todos) e que decidiu crear unha radiofórmula, Radio Galega Música…en español.  Emite por internet unha playlist sen xeito nin dereito de gaitas e algunha outra cousas ao chou á que chaman Son Galicia Radio. Agora pechan a Hora cultural na radio, tal cousa nin se viu apenas na TVG. Ver o Xabarín Clube cos teus fillos é máis un acto de nostalxia que de renovación interxeracional, non cambiou nin a sintonía, nin Songoku nin as cancións daquel falso amencer bravú. Coma moitas veces desde os setenta ata hoxe, da música galega, sobrada de voluntarismo coma falta de estructura e criterio empresarial ou solidariedade. Unha realiade sepia, coma as fotos que aparecen no Xabarín e que semellan pertencer a nenos que xa teñen canas.
 
Xerais en proceso de desaparición. Galaxia querendo publicar en español na Arxentina. Vítimas non só do cambio tecnolóxico nun país moi pouco lector onde o galego nunca pasou de ter o 10% da cota de mercado. Tamén en parte polo propio conservadurismo e un certo elitismo do sector: non hai que ser milennial para crer as portadas e contracapas de ambas editoriais son tan pouco atractivas que parecen feitas a propósito para quitarlle as ganas ao potencial lector. Pouco senso do márketing (que llo lembren á multinacional que quixo publicar con eles Harry Potter) non axuda a convencer un sector de libreiros que mais ben semellan a feirantes de libros, onde para atopar un libro galego hai moitas veces que pedir que o vaian buscar ó fondo do almacén. Insuficiente apoio nas novas tecnoloxías, case ninguén coñece en Galicia a Andel ou a moi meritoria Biblos, a resposta galega ao Clube de Lectores. Hai algúns lóstregos de esperanza coma os proxectos transmedia coma os de Manuel Gago, o éxito dos Bolechas ou o feito a que grazas á edición dixital é máis barato publicar libros ilustrados para nenos (por exemplo OCO) que adultos.
 
Malia todo os galegos non somos esquimais. Falamos unha das poucas línguas que están en Google ou en Windows (no primeiro caso sen apoio oficial algún, no outro pondo máis problemas que facilidades) que no día de hoxe é o umbral mínimo de supervivencia. E aínda así os falantes non poñen o iphone, o twitter ou o Facebook na língua que din defender.
 
Neste mes de maio tamén se celebran 70 anos do nacemento de Israel. Feito que coma toda creación humana trae moitas sombras e luces. Mais entre estas últimas hai que retrotraerse aínda corenta anos máis atras cando hai un século xogaba polas rúas de xerusalén o neno Ben Sión ben Yejuda, a primeira persoa en dous mil anos en ter o hebreu coma língua materna. Hoxe fálano seis millóns. E sen subvencións para equipos de normalización lingüística. Se ben tal renacemento non é tan máxico como parece porque a maioría de xudeus adultos xa o coñecían coma língua litúrxica, ainda así rescatar un artefacto arqueolóxico para vida moderna non foi fácil. Por iso daquela os nenos na rúa dicían que os paxaros, e moitas outras cousas, non tiñan nome. Tamén houbo que resistir as veleidades dalgúns coma cando no Technion de Haifa, o seu primeiro centro de investigación  alá polos anos 20 a élite askenazim quería implantar o alemán coma língua oficial. Ou o desafío que logo do 47 a maioría dos refuxiados no novo país fosen xudeus de língua árabe. Mais hoxe só hai que escoitar o pop en Galgalatz ou ler o que poñen as pancartas dos ultraortodoxos, que se negaban á restauración do Hebreu, para saber quen gañou. Hatikva.
 
 

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos