A complicada situación para a pesca da sardiña

O tradicional peixe do verán tarda cada vez máis en chegar ás lonxas. As negociacións outorgaron un 33% das capturas para a frota galega do Cantábrico. Mentres, os barcos portugueses levarían o 67% restante de acordo cos seus dereitos históricos de pesca.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/06/2018 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

As lonxas non están recibindo a cantidade esperada de sardiña. Contan que desde este mes de xuño, quizais de cara o San Xoán, sexa posible a entrada de capturas que cumpran coa demanda para o seu consumo. Non obstante, para a noite das cacharelas ou fogueiras, está previsto que os prezos anden baixos. A cuestión responde a un aumento na importanción deste peixe desde Portugal.

Sardiñas Pescador Mercado
Sardiñas Pescador Mercado

POUCA SARDIÑA EN GALICIA?

Segundo Juan José Blanco, presidente da Asociación do Cerco de Galicia “houbo moita presión sobre os bancos de sardiña, unha pesca irresponsable que ademais foi minguando a biomasa onde se desenvolven os bancos de pesca”. Esta situación estaba poñendo xa en alerta á flota no ano 2009 cando avisaron da posiblidade de colapso dos caladoiros. “Aí foi cando xa vimos a necesidade de crear vedas na pesca”.

Non obstante, outro motivo importante é que a contaminación das rías, lugar tradicional para a captura do peixe que tratamos nestas liñas, foi arredando a sardiña mar adentro. Aínda así, existen flotas que pescan dentro das rías pero as capturas son máis baixas que as que se poden sacar en mar aberto. “Cada ano temos o peixe máis lonxe de terra porque a polución na auga vaino espantando e abandona o lugar onde vivía” di Blanco, que tamén recoñece que “hoxe si hai medidas para o saneamento das augas mediante depuradoras, pero as depuradoras consumen moita enerxía eléctrica e iso custa diñeiro”.

COTAS PARA PESCAR

Debido á sobrexplotación dos diferentes bancos de peixe, non só de sardiña, establecéronse en diversos lugares do mundo sistemas de control sobre a actividade pesqueira, o propósito era permitir ás especies peláxicas recuperarse para poder seguir coas pesqueiras. Un deses sistemas é o de cotas. As cotas son o paso seguinte aos TAC, Total Adminisble de Capturas. Estes TAC son  establecidos polo consello de Ministros de Pesca da UE e implican aquelas especies con interese económico e comercial.

Definidos os TAC repártense entre os países da UE baixo o nome común de cotas nacionais. A cada estado outórgaselle unha porcentaxe segundo a poboación. Esa porcentaxe denomínase “clave de estabilidade relativa”. Os países da UE poden intercambiar as cotas entre eles. Logo eses países deberán repartir as cotas nacionais entre os pescadores con criterios trasparentes e obxectivos para que non sexan sobrepasado. Esgotada a cota, debe suspenderse a pesca. 

A cuestión vén cando na negociación do reparto de cotas entre países da UE se establecen os denominados dereitos históricos sobre a pesca. Juan Blanco define o que serían eses dereitos históricos como “a pesca que fixeches durante dez anos, polo que descarregaches eses dez anos tócache a cota que che outorgan”. No momento de concesión de cota a España e Portugal pesaron ditos dereitos. Portugal, cunha flota de 110 barcos, que sería a metade case da española, recibe o 67% de pesca en sardiña ibérica. España e dentro dela Galicia, recibe o 33% que hai que repartir entre as zonas de Noroeste-Cantábrico (de Galicia a Euscadi) e logo Golfo de Cádiz.

Repartidas as cotas nacionais, o estado divídeas en cotas individuais, a cada barco. Segundo as toneladas desembarcadas así se lle concederían para o outro ano a ese mesmo barco. “Pero houbo quen declarou toneladas que ao mellor non eran as reais e logo houbo quen si fixo o traballo  ben, aos primeiros déronlles máis cota e aos últimos non” di Juan Blanco.

SOLUCIÓNS

A polémica sempre está servida cada vez que se reparte cotas entre países. As negociacións entre países son miradas con receo por armadores e mariñeiros, pois consideran moitas veces que o reparto non se fai de maneira acorde con criterios como por exemplo as dimensións da flota pesqueira. En tal caso, o sistema de cotas está considerado como unha solución que axudaría a ter aberta sempre a posibilidade de pesca para a seguinte tempada.

Unha hipotética veda que ocupara un espazo temporal amplo dun a máis anos, sería en palabras de Blanco “sería a ruina total da flota do cerco en Galicia, noutros lugares como en Euscadi os barcos dividen o ano en tempadas, para xurelo, para a xarda ou o bonito, pero aquí a do cerco non”. Pero a posibilidade de pechar áreas pensando na recuperación da especie é un punto que se contempla pois “no Algarve en Portugal, van pechar áreas e aquí tamén se podería facer para coidar da especie”.

Non obstante, Juan Blanco é optimista pois segundo os estudos do Instituto Oceanográfico de Vigo, os últimos datos están a aportar que “hai unha recuperación da biomasa onde vive a sardiña”.  Con todo haberá que esperar aos vindeiros anos para poder ter unha resposta firme á evolución desta especie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pero o Oceanográfico de Vigo aínda non ten publicado unha liña sobre os índices de contaminación da EDAR do Lagares... E dende o cambio do Director de Augas de Galicia tampouco se pode ver na súa web ningún índice de contaminación das depuradoras galegas! Estamos a converter as nosas rías en esterqueiras e ninguén dí nada de nada ? https://flic.kr/p/QpAGAj as notas de prensa son máis que suficientes para documentar un bo artigo de investigación sobre o tema da EDAR do Lagares!