Por Galicia Confidencial | Milladoiro | 24/03/2011 | Actualizada ás 09:56
O alcalde de Ames tomou decisións urbanísticas que benefician á empresa na que traballou até o comezo desta lexislatura. Despois, o alcalde procedeu a mercar dous pisos ao mesmo empresario que era o seu xefe. Esta é a denuncia lanzada polos conservadores galegos contra o socialista Carlos Fernández.
De acordo á versión do PPdeG, o Concello de Ames procedeu a modificar as normas urbanísticas das zonas S-14 e S-15. Parte dos terreos que aumentaron do valor pertencen a empresas de Luís Lugo, empresario tamén na sociedade Obras y Edificaciones Boa Vila de Pontevedra. O alcalde mercou despois dos pisos en Pontevedra a esta firma.
O socialista, que dará hoxe explicacións polo miúdo en rolda de prensa, xa rebateu as acusacións. En declaracións á Ser, Carlos Fernández explica que traballou nunha empresa privada durante os primeiros meses como alcalde até que o Concello lle aprobou a dedicación exclusiva. O edil admite a compra dous dous pisos en Pontevedra, pero asegura que os mercou de xeito lícito, pagando unha entrada e cunha hipoteca de 100.000 euros cada un.
O PP de Ames reclamoulle que faga pública a súa declaración de bens e a súa declaración da renda. Do contrario, aseguran que pedirán a súa dimisión.
Tanto PPdeG como PSdeG negáronse recentemente no Parlamento de Galicia a facer públicas as declaracións de bens e da renda dos deputados galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.