Recuperarmos o pazo

Cómpre recoñecerlle á conselleira nacionalista Ánxela Bugallo o primeiro fito no camiño para recuperarmos o Pazo de Meirás para a cidadanía, ao declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) no 2008.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/07/2018

Comparte esta noticia
Hoxendía tense avanzado moito camiño polo traballo da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica e pola especial sensibilidade do Concello de Sada e da Deputación coruñesa. Mais tamén por mór do consenso total do Parlamento de Galicia. Neste tema o PPdeG está a facer o correcto. Probábelmente pola presión cidadá, mais cómpre recoñecérllelo.
 
Os Franco non teñen un título de propiedade legal. Unha “Junta Pro Pazo”, creada polo pulo da Deputación e do Concello coruñeses, usou o diñeiro obtido de descontos obrigatorios dos soldos de funcionarios e empregados e das doazóns “voluntarias” inducidas nos pobos polos concellos e pola Falanxe para lle mercar o pazo á súa propietaria, Blanca Quiroga Pardo-Bazán, ofrecéndollo en doazón a  Franco, que o aceptou en decembro de 1938. Porén, a transmisión é radicalmente nula, porque a doazón de bens inmobles require para causar efecto dunha escritura notarial que non existiu. A trapallada xurídica continuou no 1941 cando Franco adquiriu o Pazo a medio de compravenda perante Notario á mesma persoa que xa lle vendera antes á “Junta Pro pazo”. O prezo era moi baixo e non se xustificou o seu aboamento. 
 
Xa que logo, o suposto título de dominio dos Franco é radicalmente nulo por inexistente, ao non existir causa, nin prezo,  nin válido consentemento nunha Blanca Quiroga que xa non era propietaria na altura.
 
As achegas de fondos públicos na adquisición e mantemento do Pazo e, sobre todo, a súa dedicación a finalidades públicas do Goberno “de facto” (residencia oficial de verán do ditador, celebración de Consellos de Ministros e actos oficiais…) determinan que o Pazo haxa de se considerar como ben de dominio público Velaí o título xurídico para que a Administración do Estado poida reivindicar xudicialmente o Pazo duns Franco que non teñen título de propiedade válido.
 
Canto á indemnización dos gastos aboados polos Franco dende que o Estado deixou de usar  o Pazo, a súa cualidade de herdeiros duns primeiros posuidores de mala fe, plenamente conscientes da ilegalidade do seu dominio, vetaríalles calquera  pretensión nese senso. 
 

Pazo De Meirás
Pazo De Meirás
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.