O desprestixio da xustiza española

Hai días, ao escrebirmos sobre a decisión do Tribunal Superior de Schleswig Hollstein rexeitando extraditar Puigdemont polo delicto de rebelión, manifestei que o Plan A do maxistrado Llarena era retirar a euroorde, mais consideraba que non a ía retirar en último de contas, polo desprestixio que unha tal decisión xeraría na imaxe exterior da xustiza española, que ficaría a níveis de Zimbabwe, cando non da Somalia.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/07/2018

Comparte esta noticia

Semella que considerei no maxistrado Llarena unha ansia profesional que non ten. Porque non só anulou a euroorde de Puigdemont, senón as de Clara Ponsati na Escocia, da secretaria xeral de ERC Marta Rovira, na Suiza e máis a de Meritxell Serret, Lluis Puig e  Antoni Comín no Tribunal de Bruxelas. É dicir, todas estas persoas fican  con total liberdade de  movementos agás no Estado español, onde paira sobre todos eles unha orde de detención cinguida só ao seu territorio.

Artur Mas, Durán i Lleida e Carles Puigdemont nun acto da antiga CiU
Artur Mas, Durán i Lleida e Carles Puigdemont nun acto da antiga CiU | Fonte: elconfidencial

Llarena decide todo este balbordo porque quere poder xulgar por rebelión a todos os acusados que están no cárcere preventivo. O que sería imposíbel se os Tribunais de Bruxelas, Edimburgo e Xenebra seguen o ronsel do Tribunal de Kiel e din que a rebelión e a sedición só existe no miolo de Llarena e doutros maxistrados do TS e da AN.

Claro é que Llarena como maxistrado ten a obriga de perseguer calquera delicto  alí onde estea o presunto autor do mesmo. Retirar as euroordes constitúe unha aberta vulneración desta obriga legal e a posíbel comisión dun delicto penado no artigo 408 do Código Penal (CP). E, sobre todo, ratifica unha pescuda xudicial non obxectiva ni  imparcial, que non percura a verdade senón o castigo e que amosa que o maxistrado Llarena non respecta ferramentas de colaboración entre o Estados de Dereito da UE como as euroordes.

Senón o tipo penal de omisión na persecución de delictos do artigo 408 CP, o maxistrado Llarena incorre nun grave e manifesto abuso de Dereito, ao emitir (novembro de 2017 e marzo de 2018) e retirar (decembro de 2017 e xullo do 2018) euroordes de detención só en función dun concreto resultado da investigación penal que dirixe: garantir un castigo “á carta” dos líderes soberanistas cataláns, no canto de garantir a verdade material que ha perseguer todo xuiz dun Estado de Dereito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.