Sen tempo para parvadas

Non é seguro. Mesmo nin é o escenario máis probábel arestora para Pedro Sánchez. Mais o interese da presidenta andaluza por evitar a sentenza do xuizo dos ERE (auténtico caso “PSOE Andalucía”), a falla de perspectivas de continuación do apoio parlamentario por parte dos aliados que o votaron na moción de censura e máis a revitalización dunha fronte ultraconservadora PP-C’s, que sementará malestar mediático os días e as noites todos, pode motivar ao presidente do Goberno do Estado para disolver, convocando eleccións contra fins de outubro-mediados de novembro.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/08/2018

Comparte esta noticia

Vimos de coñecer a enquisa do CIS de xullo que lle prognostica a En Marea a perda da metade dos votos acadados nas eleccións de decembro de 2015. Dados moi malos,  malia que a cociña de Tezanos fose nomeadamente agresiva cos mareantes. De calquera xeito non é precisa  unha bola de cristal para albiscar nebuloso o futuro mareante nunhas vindeiras estatais. Á lea xerada por Podemos, EU e algúns outros co “affaire” Paula Quinteiro compre engadirlle o propio cuestionamento das esquerdas españolas actuantes (máis ben paralisantes) do espazo de confluencia galega a respecto da fórmula aprobada no 2016 dun partido de adscrición individual e soberanía galega. E, no ámbito estatal, o grande fracaso da coalición “En Marea” para que se lle percebise como forza de noso. Mentres Compromís existe en Madrid En Marea non existe, malia os laudábeis esforzos de Fernàn Vello e de Alexandra Fernández.

Luis Villares e Ana Pontón.
Luis Villares e Ana Pontón.

O BNG sería beneficiario de bastantes dos votos que en último de contas poida perder En Marea, mais isto non lle dará representación de seu dende unha lóxica de competición. Porque os números só fan  posíbel un xenuino Grupo galego (mínimo 5 deputados e un 15% de votos en cadansúa circunscrición) ou, cando menos, unha potente presenza no Grupo Mixto que faga recognoscíbeis os intereses do noso País  dende a suma alxebraica, dende a multiplicación, dende a cooperación. Nunca dende a competición.

A propia crise/queda de Podemos e máis a experiencia nestes tres anos dende que se tentou artellar a non nata grande Maré galega (morta de morte matada dende as executivas de Podemos, EU, Anova e BNG) obriga ser intelixentes e xenerosos. A cidadanía precisa do BNG, de En Marea, de Compromiso por Galicia e de milleiros que hoxe non partillan ningunha destas opcións. Precisa do entendemento dunha grande coalición nacional, nunha candidatura galega, no entendemento entre soberanistas e autonomistas que os corsos acadaron e con él a maioría absoluta. Malia terse atacado gravemente, mesmo con armas de fogo, no pasado.

E quen xogue en clave estatal que xogue o seu xogo, como Antón Peruleiro. Porque non hai tempo xa para parvadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.