O porco celta, unha alternativa gandeira

O porco celta estaba practicamente extinguido en Galicia a finais do século XX. Quedaban algunhas familias que criaban esta especie para consumo familiar. A cría de porcos de engorde rápido e o seu rendemento económico desprazou ás razas autóctonas das explotacións gandeiras. Desde os anos 90 ata o día de hoxe estanse desenvolvendo programas de recuperación do porco celta galego en base a explotacións de calidade baseadas nunha trazabilidade e seguemento xenético que non inclúa cruzamento con outras especies.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A procura da exclusiva dentro do mercado da alimentación, un dos máis competitivos e saturados no mundo occidental, fixo que moitas iniciativas buscasen unha produción de calidade fronte ao produto industrial. Así naceu a denominación porco celta galego, que máis tarde deu paso ao logotipo “100% Raza Autóctona Celta”. Os xectivos eran tanto recuperar unha categoría de porco que estaba practicamente desaparecido en Galicia, cando fora a raza máis estensa e consumida no país e por outra parte, a creación dun referente tanto no mercado cárnico galego como foráneo.

Porco celta
Porco celta | Fonte: ASPORCEL

O reto estaba en recoller mostras e exemplares das dispersas explotacións agrarias familiares que aínda mantiñan este tipo de animal. Os máis dos casos eran porcos destinados ao consumo particular co que se autorizaba a matanza para autoconsumo. Non obstante, as cifras de exemplares que quedaban apuntaban porcentaxes que baixaban do 10%, pois xa nos anos 50 do século XX a porcentaxe estaba nun 14% dentro da cabana gandeira porcina en Galicia.

O ANIMAL

O denominado porco celta é unha variedade que se estendeu polo noroeste penínsular. É unha das tres grandes familias que formaban parte do chamado “tronco celta” como di Iván Rodríguez, director técnico de Asoporcel (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta). “Ese mesmo tronco deu tres pólas que son o galego, o asturiano e o vísaro portugués”. Nas orixes deste animal estaría os xenes do porco bravo ou xabaril (Sus Scrofa Ferus) e os primeiros exemplares máis achegados ao que serían os porcos modernos, en concreto o Sus Striatosus, se atendemos a algunhas indicacións de manuais sobre crianza de porco.

“O actual porco celta é un animal adaptado para andar libre polos terreos, estaba adaptado aos nosos montes onde comía” di Rodríguez. Desta maneira teriamos un animal en semiliberdade, algo semellante ao que fan outras razas como o porco ibérico. Con todo, a especie subdividiuse en tres subespecies: a Carballina, a Santiaguesa e a Barcina. Cada unha delas cunhas peculiaridades como as manchas da Carballina, a cor branca da Santiaguesa e a cor branca con manchas da Barcina. O aspecto físico é o dun animal cunhas extremidades fortes para alindar polos espazos abertos, ten as orellas grandes e caídas que lle taparían os ollos pequenos e moi pegados. Algúns exemplares mostran manchas de cor negra a gris características desta especie.

A día de hoxe, as normas que regulan a produción desta especie implican o non cruzamento da mesma con outras razas porcinas. Lévase un rexistro tanto de machos como femias para a súa reproducción e, no caso de ser sacrificado, un documento polo que o animal non foi tratado con medicamentos nun prazo de tempo determinado.

É COMPETITIVO?

A aposta pola calidade ou por unha marca distintiva non sempre ten porque aportar un mellor rendemento económico. O feito de que as explotacións gandeiras en Galicia optasen por razas como o porco branco, animal que necesitaría a metade de tempo para engordar e que daría resultados máis inmediatos que o celta, máis lento no seu engorde e medre. O rendemento económico era rápido, aínda que, coa competencia doutros produtores que optaban tamén por especies de crecemento acelerado, os prezos podían ir variando pero sempre se garantía unha entrada de ingresos.  “Para poderen competir, as explotacións de porco celta terían que ser moito máis grandes e cun número de cabezas maís elevado” di Iván Rodríguez, pois como el mesmo di “non dá igual sacrificar 2.000 exemplares ao ano que 2.000 por día”.

Os prezos hoxe en día da carne de porco celta “están entre os 3 e os 6€ por quilogramo en canal” pero se falamos de produtos máis elaborados “os chourizos poden ir polos 20€ quilogramo e o xamón pois 70€ por quilogramo” apunta Rodríguez. Quizais os prezos non poden competir nun mercado que non sexa o de calidade, pero o feito é que segundo ASOPORCEL, “de aquí a dez anos haberá unha maior profesionalización da cría de porco celta” porque, segundo Iván Rodríguez, “hai xente nova que aposta por vivir no rural mediante a cría deste tipo de animais”.

A cuestión é que competir cos prezos do porco branco só se pode facer mediante a especialización nas explotacións gandeiras. Isto implicaría ademais un aumento nas exportacións, por tanto un aumento no volume de carne. Volveríamos ao apuntado antes, aumentar as dimensións das explotacións en todos os sentidos. Mesmo tería que haber cambios na lexislación, “as normativas actuais están pensadas para explotacións intensivas e non extensivas e daquela non recollen as características das granxas de porco celta”.

Sobre a situación actual, desde a Asporcel sinalan que contan co apoio das institucións tanto autonómica, Deputación e Concello de Lugo. Ademais, xunto con diferentes organismos están consensuando un plano de requisitos que non hai en porcino. Sobre todo, pensan  no movemento de machos dunhas propiedades a outras, sempre dentro dunhas normativas. Á parte estánse a facer probas sobre mellora en produtividade e de control produtivo que “é caro pero necesario para mellorar os niveis tanto de calidade como de produción” di Iván Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Saltnado

No es mala idea en absotulo en respuesta a test

1 Gamela

Por que será que tódalas alternativas sonche para RICOS ?

1 Azul

www.test.com