Callaecia Felix

O verán pertime rosmar ao retornado que traballa para vivir un mes ao ano.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 11/09/2018

Comparte esta noticia

O bo de voltar ao país un mes seguido cada ano, ao longo de moitos anos e sempre nas mesmas datas é que permite comparar doadamente, tal que diapositivas, os cambios que se van sucedendo co paso do tempo.

 Primeira constatación deste ano: o acento. É ben coñecido que entre os emigrados de moitas décadas o illamento lévaos ben á asimilación (eses arxentinos que non lembran unha papa de galego malia marcharen xa adolescentes) ben á preservación de anacronismos que desapareceron da terra nai (un dos meus exemplos favoritos son os armenios do Líbano, moi apreciados  en Iereván por falar unha lingua clásica moi alonxada do armenio rusificado). Non me vou referir a algo tan extremo pero resulta revelador que só con quince anos de ausencia é notable a castelanización da lingua, mesmo entre os teus familiares máis próximos e funcionalmente monolíngües.  Ata  nalgo tan básico coma o saúdo: en vez do correcto Ola -énfase na “O” para morrer rápido no “la” case todo o mundo emprega xa a entonación de castelán de caixeira de supermercado -“olááááá”-, que xunto o de azafata-o e o dos pijos conforman o estándar alternativo e informal ó español de telediario.  

 Moitos dirán que son ganas te tocar as ínfulas pero para quen non está acostumado resulta chocante. Tamén é sintomático do pouco respeto que se lle ten ao idioma. O da boa pronuncia do galego semella que é só un instrumento de tortura para os estudantes de xornalismo de primeiro ano. Alén dese caso concreto,  todo vale: da igual con tal de que o léxico e a gramática mais ou menos sexan correctas. Mesmo na TVG, que lle fai proer as orellas ós galegofalantes. Non porque falen normativo, como se di sempre, senón porque non falan coma galegos senón coma locutores madrileños. Din os portugueses que os galegofalantes falamos un portugués de aldea, con arcaísmos que eles xa non teñen. Véndoos falar nos seus medios os que descubrimos palabras da nosa infancia que case ninguén usa (“á toa”, “lidar”, “chiqueira”) somos nós.

 Hai un bar na fortaleza de Caminha á beira do Miño que se chama “MiraEspanha”. O día era de cambio climático mais desde non se vían nin chairas esteparias,  nin oliveiras mediterráneas, só unha paisaxe tipicamente galega. Pero España está na cabeza. Coma os que acusan ós independentistas cataláns de vivir nun mundo virtual, mais outro tanto se pode dicir dos portugueses e dos españois vertrebrados. Ainda que nese caso  desgraciadamente cada vez con máis razón, pois a fin de Galicia estase a converter nunha profecía autorrealizada á forza de desexala. E sen sequeera precisar da axuda da vaga climática desertizadora.

 Falaban o camareiro e os dous paisanos de Salvaterra en español. Neste caso non creo que fose por racismo antiportugués (o único que nos podemos permitir) nin por patriotismo salazarista. Simplemente é pra evitar os “false friends”: usar un idioma neutral pra evitar ter que lembrar se unha botella é unha garrafa. Traballo con suecos e daneses e logo dun tempo acaban falando en inglés pra non ter que matar o tempo con malentendidos.  O caso é que os vellos estaban a falar do malo que era Sánchez por deixar entrar eses negros todos por barco e polo valado, case na mesma frase na que falaban de que estiveran a traballar en Francia e Suíza. E que os cataláns son moi malos porque son moi listos, tamén os portugueses que rouban as empresas todas. Pódese rir un pero non creo que o nivel sexa moi diferente en calquera outra conversa. Os da burbulla bruxelense levan case un ano comentando “After Europe”, do académico búlgaro Ivan Krastev, que dá unha visión bastante pesimista do esvaecemento da UE por mor da crise migratoria, real e imaxinada, sobre todo nos países do Leste. Da pugna entre os de “ningures” e os de “algures”. Visto a marea que está a percorrer Europa, dos chamados Suecos demócratas, ós Austríacos engominados pasando polos Salvinis ou a Francia que pon controis de pasaporte mesmo para voar dentro da UE non é de estrañar que os Riveras e os novos liberais de Casado naveguen por esas augas, cando ata parte de Podemos (ver o recente artigo de Anguita) se apunta ó socialismo dun só país Corbyniano. En Galicia disque non pasaría ó cabo a única tensión electoral e axenda mediática (aparte da Velutina e o traspaso da AP9) semellaba ser a de se Feijóo tivera dado o salto a Xénova. Non estaría tan seguro.

 Neste verán foi cando máis vin árabes de cabelos cubertos, e xente de toda cor e traza polas vilas galegas.Cecais é só un síntoma de prosperidade económica e de globalización acelerada desde a crise do 2008 cuxo aniversario estamos a celebrar. Ou ao mellor é que Galicia está de moda. Se cadra  porque o Norte de Portugal estase a saturar mais nunca vin tanto hotel de peregrino e casa de aluguer onde antes o que máis había era unha pensión barata para viaxantes. Se cadra o efecto “Fariña”: disque os norteamericanos de orixe chinés tolearon este verán coa estrea da comedia “Crazy Rich Asians” pois nunca viran unha película do seu país de adopción protagonizada exclusivamente pola súa xente– Coma nós, que só nos valoramos se nos validan desde fóra.  Polo menos agora grazas a Netflix xa podo explicar aos estranxeiros de onde son. Como dicía Zsa Zsa Gabor, que falen de ti ainda que sexa por mal.  Alén do ton paternalista (os pobres galegos salvados polo Estado) a ambientación é excelente ata nos marcos das portas. Chocante ver a un a punto de finar Presidente da Xunta ter tratos co demo. Algo que nin Matamouros nin Serramoura (malia o éxito que tiveron, mesmo na exportación) poderían ter feito nunca. Tamén dá que pensar do rápido que está a cambiar Galicia que se na serie falan nun peculiar español algo castrapeado para dar unha pátina de verosimilitude nunha época  na que todos os narcos eran galegofalantes, vinte anos despois o falar da serie achegaríase bastante a como falen sucesores de Charlíns e Miñancos. Ós que non coñece ninguén porque semella que preferimos quedarnos no final feliz da Nécora.

 Como din moitos retornados, haberá crise pero todo o mundo en Galicia está de festa no verán. Notable é a explosión de furanchos, moito máis alá da súa función de tempada. Non todo vai ser falar mal porque estando nalgún deles é inevitable non pensar que se metan a nouvelle cuisine por onde lles entre. Ata que se constata tamén que chegaron os hípsters ós furanchos. Dá risa no fondo ver a camareiros tatuados tratándote de colega e contándoche milongas do que vas a comer, a máis das veces refeito dunha receita asiática baixada de internet pero cun toque local. Digo que dá risa porque os que vivimos fora sabemos que é unha pailanada: os pobres levan coma uns quince anos de retraso recopiando do que os de Madrid copiaron aos de Barcelona hai anos e este sao que os garitos “branchés” de Paris ou Bélxica facían xa daquela. Semella que nunha sociedade de consumo madura a única alternativa para sobrevivir na hostelería é comer pouco e mal pero botarlle moita actitude namentres se da un servizo precario.

 Galicia está de moda. Non só polas reportaxes tipo “costa gallega” que están saír ou por internet (contradicindo en parte o que falabamos na columna anterior) senon que é palpable. Véxase Pontevedra, rebordante de xente de fóra. Dúas décadas de gobernos nacionalistas non tiveron impacto algún na perda de falantes na cidade, pero deixarán aos seus sucesores “de toda la vida” un parque temático peatonalizado ideal para o turismo gastronómico e monumental light.

 En todo caso pasa o mes e no salto dun voo de avión (directo, por unha vez) saltamos do verán ao inverno. “Onde estiveches de vacacións?”, pregúntanche. “Pois na casa, que para iso vivo no estranxeiro o resto do ano”. Os “anywheres” non saben que comentar a tal cousa.

Mapa do antigo Reino de Galicia
Mapa do antigo Reino de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA