Por Rodri Suarez | A Coruña | 28/05/2011
Seguramente xa está todo case dito sobre as eleccións do pasado domingo, por se acaso:
1) Haberá que comezar a pensar que Galicia máis que galeguista realmente é localista. No plano político, a comunidade está perdendo forza mentres a gañan as propostas limitadas ao concello. O éxito de moitos independentes municipalistas, así como o de Abel Caballero, como antes o de Francisco Vázquez, demostran que a chamada a preocuparse da finca segue estando por riba da concepción de país. De feito, a prensa de maior difusión é localista. E iso inflúe moito.
2) Malia certas resistencias, a dereita foi a indubidable triunfadora da xornada en Galicia. Así, volveu quedar demostrado que cando as forzas progresistas apostan polas políticas dos conservadores, boa parte da cidadanía opta por apoiar ao orixinal e non á copia. Ocorreu o 22-M con certos alcaldes ou gobernantes ou a nivel xeral, xa se dera moito diso nas autonómicas -cuxo efecto aínda latexa- e tamén semella que pode pasar algo así nas xerais.
3) Os pactos forman parte da mellor tradición democrática. Pero algunhas formacións terán que analizar se converterse en acompañamento de señores cos que pouco teñen en común non os conduce ao suicidio. Un exemplo: que gaña o BNG de Vigo apoiando a un pequeno Francisco Vázquez como Caballero? Pouco, como quedou claro. Unha cousa é que os nacionalistas non perdan a súa vocación de goberno e outra que queiran estar neles a calquera prezo.
4) Os electores progresistas son bastante esixentes. E non son parvos. Por iso castigan a quen os quere tratar como se o fosen. Por exemplo, que o PSOE da Coruña presentase como gran líder e candidato a un señor de discurso tan simple e limitacións tan evidentes como Javier Losada non podía ser considerado máis que como unha broma de mal gusto. Así lles foi.
5) A política moderna constrúese dende liderados. Resulta imposible acadar un bo resultado nas urnas sen unha cara atractiva, que se saiba manexar con soltura e creatividade nas ideas, nas estratexias e ante os medios de comunicación. A esquerda galega debe telo moi en conta. Pero combinándoo cunhas organizacións vivas e fortes, non sometidas a estilos de “eu son”, por certo.
6) A influencia mediática volveu ser decisiva. Non hai máis que comparar onde triunfa o PP cos medios de referencia neses lugares. Nesta ocasión, non houbo unha campaña intensiva como no 1-M, pero si de longo prazo, que acabou dando resultados, aínda que mal farían os derrotados en simplemente botar este balón fóra e non mirarse o embigo. Un exemplo sobre o trato periodístico: malia ser coñecida na cidade a súa irascibilidade, o anterior líder dunha determinada formación nunha importante urbe foi presentado por varios medios como un político aberto e moderno mentres que o candidato que o substituíu -cuxo talante tranquilo e dialogante era notorio a nivel público a través do seu ámbito profesional- foi debuxado como un extremista furibundo. Así funciona.
7) O que resulta evidente é que en termos políticos comeza a darse unha Galicia das cidades do eixo atlántico, tirando a conservadora, e outra máis progresista situada nas vilas e nas capitais interiores. É o reverso do que ocorría nos anos noventa, pero ten explicación en termos globais. Son os máis novos os que están apostando agora pola dereita, porque son de dereitas no social as influencias que reciben basicamente dos medios e do ocio. A realidade dun rapaz da Coruña ou de Vigo apenas ten xa connotacións propias, na práctica móvese nun mundo idéntico ao dun de Madrid ou de Santander, onde a marea vital é conservadora. Iso non ocorre en zonas vilegas. Por iso nestes últimos atopa, por exemplo, novos e importantes apoios o nacionalismo e nas urbes ao revés. Terá que adaptarse a esta realidade. Adaptarse, non venderse.
8) Os pesimismos case patolóxicos da esquerda en Galicia e o pouco interese que non beba dos tópicos que espertamos no resto do Estado darán para repetir a frasecita: “Os galegos son todos de dereitas”. Mentira. A diferencia electoral (logo a nivel de xestión hai un partido que recibe votos de esquerdas e os converte en decisións de dereitas) entre os dous grandes polos segue a ser moi axustada e susceptible de cambio -complicado, iso si- a pouco que se dean as condicións, algunhas das cales teñen que ser creadas polos protagonistas. Pero dicir que Galicia é de dereitas é mentir, agora mesmo de dereitas e moito serán Castela-León, Madrid, Valencia ou Murcia, non os galegos.
9) Ademais en Galicia podemos presumir de ter aínda moi lonxe o fantasma desa extrema dereita formal e racista que xa inflúe en moitos concellos de Cataluña ou Madrid. Perigo. Por isto e por moitas cousas máis, o estado español segue achegándose ao 'berlusconismo'.
10) O que non temos aquí é o poderío do nacionalismo vasco. Espectacular o resultado de Bildu, evidenciando que a aposta pola política sempre paga a pena. Agora, os medios neofalanxistas ouvean. Eles entenden por democracia prohibirlle votar a máis de 300.000 persoas porque non lles gustan as súas ideas. Algo así intentou tamén Rubalcaba. Por certo, as urnas deixaron claro que Patxi López só é lehendakari grazas ao 'pucheirazo' das ilegalizacións. A que espera para convocar comicios?
11) Rubalcaba, Chacón, Primarias, Congreso... o PSOE vive centrado no seu futuro interno cando debería estar intentando que baixara o paro ou chamando ás urnas. O seu descrédito é imparable. O que lle fai falta e romper co modelo comercial no que levan lustros instalados e facer outro Suresnes, pero ao revés.
12) Ao día seguinte de que Zapatero e os seus levaran unha histórica malleira por traizón a un ideario, UGT e CCOO volveron sentarse cos señores do capital para negociar sobre o que sempre foi innegociable: os dereitos. Non aprenden.
13) Todo o que de moi positivo ten ver a tanta xente indignarse e sumarse á loita contra a inxustiza pode converterse en negativo se estes caen na tentación de querer borrar dun 'twitazo' os anos de loita contra a inxustiza doutros movementos, tanto sociais como políticos. Se non hai interacción e disposición a aprender uns doutros, toda esa forza pode quedar nun éxito pasaxeiro, como o 'Aserejé', ou incluso nunha distorsión, algo que xa se empezou a ver o 22-M. Pero cun bo enfoque e con diálogo, pode ser algo moi importante. Oxalá.
P.D: A elección do número 13 non é casual. E unha forma de poñerse bravo para romper o meigallo que nos caeu a pasada fin de semana aos coruñeses de esquerdas e deportivistas. Unha aperta a todos eles.