Un diccionario que atenta contra a memoria republicana

ai uns anos, xa non sei se catro, cinco ou máis, chegoume o ofrecemento de colaborar nunha ambiciosa obra auspiciada pola Real Academia de la Historia.

Por Xabier Ron | Santiago | 31/05/2011

Comparte esta noticia

En concreto, a miña colaboración tiña que ver coas correspondentes fichas de 2 ou 3 trobadores da lírica galego-portuguesa, ao igual que outros compañeiros e compañeiras que compartíamos os mesmos sendeiros de investigación. 

Pasan os anos, e, cando menos o agardas, sae á luz pública e coa parafernalia habitual para que sexa un acontecemento único. Abofé que o conseguiron, pero por outros motivos que non os científicos. Para a elaboración dos 50 tomos empregáronse 6,4 millóns de euros, saídos do tesouro público. A subvención foi aprobada en tempos de Aznar, en 1998, seica, a través do Ministerio de Educación e Cultura.

Non sei se non sería preferible ser menos ambicioso e si máis científico. Explícome. Ser moi abranguente dificulta a coordinación e a definitiva publicación dunha obra. Pero, e aínda mantendo a opción da “totalidade”, sería quizais preferible ir por tomos (de 2 en 2, por exemplo) e non agardar a publicar o primeiros 25 como fixeron.

Dígoo porque resulta triste ver os efectos do paso do tempo que, de forma lóxica, provoca que as entradas elaboradas sexan obsoletas en datos esenciais. Nestes anos houbo novos avances en materia de documentación medieval que achegan nova luz sobre as zonas escuras –as máis numerosas-, onde aínda viven moitos dos trobadores e xograres da lírica medieval galego-portuguesa.

Pero, o máis triste é recoñecer que cómpre non participar en proxectos sen saber realmente quen forma parte do mesmo. Quen participa nel para determinar o criterio científico que pode acadar o proxecto. Isto ten un alcance que, no caso do novo Diccionario Biográfico Español, revélase aldraxante.

E teño que recoñecer que estou coñecendo o alcance da aldraxe a través do xornal Público quen, onte e hoxe, recolle perlas que negan que Franco fose un ditador; que negan que o seu goberno fose totalitario; ou que afirman algo tan lamentable como que Negrín foi ditador. O estilo é tan haxiográfico e profranquista que produce vómito epistémico. O feito de que as entradas en cuestión fosen entregadas a historiadores afins ao réxime franquista e mesmo algún vencellado á Fundación Francisco Franco demostra que existía unha estratexia clara de afortalar a vitoria, de atacar ao movemento da memoria histórica e impedir que a memoria da dignidade rache co esquecemento e acade a súa necesaria reparación.

Deliberada manipulación da historia. Chea de terxiversacións. Queren impoñer agora unha versión haxiográfica do ditador ao mesmo tempo que limpan o currículo do patrocinador inicial do diccionario, Aznar. Os historiadores que participan desta perversa lectura serán xulgados, paradoxalmente, pola propia historia e levados ao “inferno” dos autores esquecidos. Iso agardo eu.

E maldigo, desde xa, que o meu nome estea vencellado a ese dicionario. Que borren o meu nome. Quizais se saben que son ateo, republicano e “rojo” non sexa preciso facer nada máis. E, desde logo, non recomendo a súa adquisición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.