‘Gurús’ da comunicación, o marketing e a publicidade en Expourense

A cita será este venres 23 de novembro no 6º Foro da Comunicación de Galicia. 25 relatores debaterán sobre deseño e artesanía, marketing dixital, comunicación política, os ‘influencer’ e os límites da publicidade.

Por X.M. Fernández | Ourense | 22/11/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O Foro da Comunicación de Galicia chega nesta ocasión á súa sexta edición consolidado xa como un punto de encontro de referencia para os profesionais galegos relacionados coa comunicación, marketing, deseño, publicidade e edición, xa que lles ofrece a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar. Esta cita ofrecerá un completo programa no que participan uns 25 relatores entre os que destacan directivos de comunicación ou marketing de empresas como Renault, LG España ou Marineda City.

Distintas redes sociais que se usan na actualidade
Distintas redes sociais que se usan na actualidade

O evento anual que organiza Expourense caracterízase por xuntar a expertos en comunicación, marketing e publicidade contando nesta edición, entre outras/os, coa presenza de dous grandes profesionais líderes internacionais nos seus sectores. O primeiro deles é Toni Segarra, considerado pola revista Forbes unha das “100 persoas máis creativas nos negocios” (“100 most creative people in business”). É Académico de Honra na Academia Española e da súa mente creativa saíron eslongans publicitarios que forman que gardamos na memoria e asociamos directamente con coñecidas marcas como “¿Te gusta conducir?”, “¿A qué huelen las nubes?” o “Bienvenido a la República Independiente de tu casa”.

O outro profesional de prestixio será Marcos de Quinto, exvicepresidente mundial e ex director de Marketing Mundial de Coca-Cola, a 3ª marca máis recoñecida a nivel mundial, só despois de Apple e Google. Dende esta compañía foi o responsable de posicionar mundialmente o lema da marca “Taste the feeling” e de relanzar o produto “Fanta”. Cunha ampla traxectoria liderando o marketing desde esta compañía, Marcos de Quinto é dende hai uns meses asesor da Fundación Raíña Sofía de Nova York.

Programa de conferencias

O obxectivo deste 6º Foro da Comunicación de Galicia é poñer en valor a calidade e innovación do traballo das empresas galegas nestes sectores, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade. O programa de conferencias deste 6º foro dividirase en varias mesas de debate onde recoñecidas/os expertos no sector abordarán temas de actualidade que foron seleccionados polo comité organizador deste evento e no que se atopan as principais asociacións profesionais do sector en Galicia e as Facultades de disciplinas relacionadas coa comunicación ou publicidade.

Como cada ano, rematado o programa de conferencias do 6º Foro da Comunicación, darase paso á gala de entrega dos III Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia e que está organizado polo Cluster da Comunicación Gráfica de Galicia en colaboración con Expourense e contando co patrocinio de entidades e empresas como TAC, HP, Iberinform, Avante, GAIN ou BySidecar, ademais da Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense.

Estes premios, que recolleron máis de 250 candidaturas este ano, son “do sector para o sector” e teñen o obxectivo de aumentar a competitividade e a capacidade innovadora en empresas e institucións poñendo en valor a calidade e o excelente traballo realizado na nosa comunidade nos eidos da publicidade, deseño, edición, impresión, marketing e comunicación. Os premiados en cada unha das categorías saberanse o día da gala.

A asistencia a esta xornada precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org, enviando un mail a comunicacion@expourense.org ou chamando ao teléfono 988 36 60 30.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta