O sindicato CSIF estuda denunciar por prevaricación á alcaldesa de Lugo pola cabalgata de Reis

A central sindical di que Lara Méndez entregou "con tres días de antelación" os decretos "que obrigaban a varios policías a traballar no seu día libre".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2019 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O secretario da sección sindical de CSIF no concello de Lugo, Benito Martínez, anunciou que este sindicato estuda interpor unha querela "por prevaricación e posible indución a usurpación de funcións" contra a alcaldesa, Lara Méndez, polo dispositivo da cabalgata de Reyes. Martínez sinalou que, para o 5 de xaneiro, "o xefe da Policía Local estaba a gozar de vacacións previas á súa xubilación" e "non había policías suficientes para garantir a seguridade do percorrido das carrozas". 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Así, en rolda de prensa, denunciou que "con tres días de antelación" á cabalgata, a alcaldesa "comezou a "entregar decretos que obrigaban a varios policías a traballar no seu día libre". Nin "así", segundo o seu relato, se conseguían "máis de cinco axentes, e o día da cabalgata obrigou mediante orde verbal e sen ningunha notificación de urxencia aos oitos policías que traballaron na quenda de mañá que quedasen a traballar pola tarde, facéndolles traballar 15 horas sen descanso".

O sindicalista tamén condenou que ordenase "a un oficial que se responsabilizase do operativo (da cabalgata do sábado), aínda a propósito que dita orde era ilegal xa que non pode realizar esas funcións de responsabilidade que lle corresponden a un superior, a un inspector, que é rango superior".

Outro aspecto sobre o que incidiu é que, de acordo coa súa versión, Méndez "mandou a unha asesora eventual responsable de Protección Civil que improvisase cos voluntarios ao seu cargo, os cales nalgún momento usurparon funcións propias da policía". "Tanto sobre a orde ilegal trasladada ao oficial de policía, como pola orde dada a Protección Civil, a CSIF valora a posibilidade de interpor unha querela por prevaricación e posible usurpación de funcións", subliñou.

"Esta improvisación púxose de manifesto ante o concello onde algún pai chegou a perder momentaneamente ao seu fillo ante a desorganización reinante (o cinco de xaneiro)", afeou finalmente. Esta sería a segunda querela que presenta este sindicato contra a alcaldesa. A anterior que investiga a xuíza do un, Pilar de Lara, produciuse polo nomeamento do asesor xurídico do concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta