Viana do Bolo e Verín convidan ao entroido

Dúas das vilas que viven máis intensamente o entroido na provincia de Ourense convidan a participar da troula, da diversión e por riba de todo a respectar ás tradicións.

Por X.M. Fernández | Ourense | 06/02/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

No Concello de Viana xa se respira entroido, pero a programación empezará oficialmente o "xoves de compadres", 21 de febreiro, e rematará o 6 de marzo co "mércores de cinza".

Presentación Entroido 2019 Verín
Presentación Entroido 2019 Verín

Segundo comenta o seu alcalde, Secundino Fernández, “no noso entroido o máis importante é o pobo, é a veciñanza que sae cos fulións e os Boteiros, as carrozas, a fariña, a androlla; é dicir, todo o tradicional que se vive nestas datas”.

Para incentivar a participación na confección de disfraces e na elaboración das carrozas o concello duplica este ano os premios. Haberá 3000 euros para repartir entre as mellores carrozas e 900 euros para os disfraces máis orixinais.

Os días máis destacados serán os "xoves de compadres e comadres", días 21 e 28 de febreiro respectivamente; o "domingo gordo", que será o 3 de marzo e no que terá lugar o gran desfile de fulións, boteiros e carrozas, ademais da ILIX Festa da Androlla; o "luns dos cativos"; o "martes de entroido" con fulións e fariñada, e o "mércores de cinza", 6 de marzo, co enterro da sardiña que pon fin a estas festas. Como actividades complementarias está programado un ciclo de cinema ao redor do entroido e tamén exposicións.

En Verín tamén deron a coñecer o seu programa. Neste sentido, a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza quixo destacar o carácter continuista do deseño da programación destes festexos: “Ao igual que nos últimos tres anos, desde o grupo de goberno mantémonos firmes na potenciación e valorización do que consideramos que é a esencia e a identidade da nosa celebración, o entroido popular na rúa”. Somoza tamén confirmou que, tras o rotundo éxito de  acollida alcanzado o ano pasado co pregón do Entroido o Domingo de Corredoiro, este ano vólvese a apostar pola mesma fórmula".

Presentación Entroido 2019 Viana do Bolo
Presentación Entroido 2019 Viana do Bolo

O programa oficial comeza o día 21 de febreiro co “xoves de compadres” e remata o 10 de marzo co “domingo de piñata”. Polo medio destacan o “domingo de corredoiro”, o 24 de febreiro; o “xoves de comadres”, 28 de febreiro; e 5 días de non parar que nos meten de cabeza no fervor do entroido verinés: o "venres de compadreo" e o sábado, domingo, luns e martes de entroido. O “sábado de entroido” o protagonismo será para o acto simbólico e solemne coñecido como 'Bautizo do Cigarrón', no que serán investidos os novos cigarróns na Praza da Mercé, e o “domingo de entroido”, día no que chegamos ao día grande en Verín. A a partir das doce, cigarróns, comparsas e carrozas, percorren o centro da vila no gran desfile matinal ofrecendo aos asistentes un espectáculo cheo de cor, orixinalidade e humor.

O “luns de entroido” céntrase nos máis pequenos e tamén nos maiores mentres o “martes de entroido” terá lugar outro desfile, pero este xa como despedida.

Como de costume, non faltarán nin a música de rúa nin as orquestras na Praza Maior para rematar a festa; e tamén se pode atopar á venda material de merchandising para levar como recordo e contribuír á financiación dos festexos.

O remate oficial ten lugar o 10 de marzo, "domingo de piñata", epílogo das festas e pensado especialmente para unha comida popular que xunta a todos os participantes dos desfiles. Neste día tamén se fan entrega dos premios “Cigarrón de honra”, “Pescadilla” e “Fidelidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta