En Marea preséntase ás Xerais como un proxecto "cento por cento galego" e sen tutelas de Madrid

O partido instrumental presenta os seus candidatos ás primarias sen candidatos de Podemos, Anova e EU que decidiron non participar e que impulsan outra fronte política. Nas listas destaca a presenza da catedrática Alba Nogueira e Pancho Casal, ex deputado de Podemos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 05/03/2019 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

En Marea presentou este luns os seus candidatos ás primarias para a confección de listas ás eleccións xerais. Un proceso ao que só concorren listas promovidas pola dirección que encabeza Luís Villares, o que aboca, salvo sopresa, á división en dúas candidaturas da autodenominada unidade popular de cara ao 28 de abril, xa que o sector crítico --EU, Anova e Podemos-- rexeita concorrer baixo a fórmula que propón o partido instrumental e traballa xa para crear outra coalición diferente.

Fronte a isto, En Marea reivindícase como unha candidatura "cento por cento galega" e "sen tutelas" conformada por persoas que serán "leais" tanto á organización como "ao país". Así o expresaron as cabezas de lista ao Congreso pola Coruña --Ana Seijas--, Lugo --Cristina Pérez-- e Pontevedra --Iris Malvido--, acompañadas na presentación das candidaturas ás primarias polo número uno ao Senado pola provincia de Ourense --Millán Brea--.

Os inscritos do partido instrumental referendarán a proposta da dirección nunhas votacións que arrincan este venres 9 de marzo ás 09,00 horas. Os resultados do proceso, que non variarán a relación de candidatos pero si podería alterar a súa orde nas listas, coñeceranse o luns 11 de marzo de maneira provisional e, dous días máis tarde, proclamaranse de forma definitiva.

A pesar das chamadas á unidade efectuadas por ambos os bandos para evitar a ruptura, ningún dos sectores, enfrontados desde hai dous anos, variou a súa folla de ruta na preparación da súa candidatura ás xerais.

Mentres a dirección do partido instrumental sostén desde o primeiro momento que concorrerá ao 28 de abril como forza propia, os críticos --Anova, EU, Podemos e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol-- manteñen a súa aposta por reeditar unha nova coalición, na que convidan a participar como un axente máis a En Marea.

Pero o partido instrumental rexeita sumarse a ela por entender que o modelo de coalición de organizacións foi superado coa creación de En Marea en 2016 e porque lembran que, de lograr os deputados suficientes, esta fórmula impediría a creación de grupo propio na Cámara baixa.

"En Marea é onde colle todo o mundo. É o espazo do cambio, onde todo o mundo cabe nesta casa", remarcou a cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, quen actúa como número dous de Villares na dirección do partido instrumental.

DESCARTAN A COALICIÓN

Así, volveu a descartar sumarse á coalición que propoñen os críticos e reivindica que En Marea era "a casa" onde todos os actores "do cambio" convivían e no que "o diálogo sempre está aberto" no Consello das Mareas.

Con todo, as polémicas primarias aos órganos de dirección do partido, nas que críticos e afíns a Villares cruzaron acusacións de fraude, deixaron un Consello das Mareas no que só participa o sector maioritario, o dos afíns ao maxistrado lucense.

"Non rexeitamos a proposta de convivir dunha maneira cooperativa, estabamos todos na mesma casa", subliñou Ana Seijas, nunha crítica velada cara aos críticos por deixar de participar no partido instrumental despois de saír derrotados nas primarias.

EXPECTATIVAS ELECTORAIS

"A cidadanía vai premiar esta forma de concorrer ás eleccións que quere ser reflexo das inquietudes e necesidades que ten este país", destacou Ana Seijas a preguntas dos xornalistas sobre se a división en dúas candidaturas do proxecto rupturista penalizaraos electoralmente.

Así as cousas, os candidatos de En Marea subliñan que o seu proxecto se presenta ás eleccións "sen tutelas" e sen estar "subordinados" a ningunha forza. "Ninguén decide por nós. Somos un proxecto pensado en Galicia e para Galicia. Somos a candidatura do 15M e da rexeneración democrática", incidiu.

Tras incidir en que as propostas da dirección para as listas aos procesos electorais parten "da cooperación e non da competitividade", Ana Seijas sinalou que as candidaturas reflicten "unha aposta moi grande polas mulleres" e contan con representación de "17 mareas municipalistas", "xente de base de partidos políticos" e "organizacións sindicais".

Pola súa banda, o número uno por Pontevedra, Iris Malvido, chamou á participación dos inscritos nun proceso "inaudito en todo o Estado" como é que, segundo sostén, a segunda forza política en Galicia realice primarias para elixir os seus candidatos ás xerais.

Cristina Pérez, actual portavoz de Lugonovo na capital lucense e elixida a finais do pasado ano como candidata á Alcaldía de Lugo pola marea afín a Luís Villares, fixou como obxectivo levar ao Congreso "as políticas das persoas" en tempos nos que se viven "retrocesos lexislativos moi duros".

Por último, o candidato ao Senado por Ourense, Millán Brea, indicou que a Cámara alta "non pode ser un premio para quen leva 30 anos en política" senón que debe converterse nun órgano de representación territorial. "Esperamos estar no Senado para dar moita cana", apostilou.

LISTAS

Así as cousas, ademais de Ana Seijas como número uno, a candidatura provisional de En Marea para o Congreso pola provincia da Coruña está integrada polo deputado na Cámara galega Pancho Casal como número dous, María Chao no tres, Adrián Deus no catro e Carmen Fernández no cinco, mentres que a catedrática de Dereito Alba Nogueira figura no posto número sete. Para o Senado, María Dores Candedo, Xosé Manuel Pérez e Eva López ocupan os postos de saída.

En Pontevedra, acompañan a Iris Malvido no cinco primeiros postos Manuel González, 'Peque' González, Eladio Juan Torres e María del Mar Branco Casais. Mari Camiña, Xulio Villanueva e Silvia Díaz son os candidatos para o Senado pola provincia pontevedresa.

María Cristina Pérez ocupa o número uno pola provincia de Lugo á Cámara Baixa, á que tamén se han cadidadato Javier Arca, María Teresa Burgo e Iván López. Optan ao Senado por Lugo Vitoria Esteban, Manuel Germade e María Emma Rodríguez.

Na provincia ourensá, Iván Olmos, Iolanda Pérez, Jorge Vázquez e Sonia Couso figuran como candidatos ao Congreso, mentres que Millán Brea, Ana García, Jorge Lorenzo e María Isabel Fernández fano ao Senado.

ELECCIÓNS EUROPEAS

Ademais de primarias para as xerais, En Marea escolle, de forma paralela este fin de semana, os seus candidatos ás eleccións europeas, comicios para os que aínda non está definida a maneira na que se presentará o proxecto que encabeza Villares.

A actual eurodeputada Lídia Senra encabeza a proposta da dirección do partido instrumental para liderar En Marea nas eleccións ao Parlamento europeo. Acompáñana Sandra Pesqueira Pérez, Xoán Hermida e Celsa González Ogando nos catro primeiros postos.

28A.- En Marea Reivindica A súa Candidatura En Solitario Como Un Proxecto 'Sen Tute. CANDIDATOS DE EN MAREA Ás PRIMARIAS
28A.- En Marea Reivindica A súa Candidatura En Solitario Como Un Proxecto 'Sen Tute. CANDIDATOS DE EN MAREA Ás PRIMARIAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

3 Marqués de Galapagar

Vergonzoso que En Marea é BNG non formen coalición para as Xerais. Ambos son ideoloxicamente xemelgos: galeguistas, socialistas e rexeneracionistas. Se non van xuntos é polos intereses persoais dos candidatos destas forzas.

1 Bendito Chiringuito

Concordo, por iso merecen castigo: non votar aqueles que só andan a navalladas e por intereses personais (a colocación dos amigos).

2 xacobe

Cento por cento galego e sen tutelas de Madrid, iso chamase BNG

1 Arcadio

Pois agora hai dous BNG's. E ningún dos dous vai sacar representación nas cortes. Votos tirados.

2 Benito Lobera

Unha magoa que o BNG teña esa teima de pensar que son os únicos galegos e os que non pertencemos ao BNG non somos bos galego. Que manía de tratar de diferenciar Sempre entre bos e malos galegos. Parece que estades preocupados que haxa outra organización nacionalista no país. Facedes todo o contrario do que deberías estar facer, e dicir, sentirvos orgullosos de que haxa outra organización co corazón e a cabeza no país. Os inscritos de En marea plantáronlle cara a todo o podería do PCE a Podemos e aos mandadiños de ANOVA incluido o Sr. Beiras. Adiante En Marea, adiante BNG pero con fraternidade agardo que máis cedo que tarde vaiamos da man para facerlle frente al Estado Español e ao facherío. O inimigo non é En marea nin o BNG. Somos irmáns haber se vos enterades no BNG.

3 Casoplon con criadas galegas

Votos tirados son os que van parar á Papampololos das Ikeas, a Yoly das procesións, o Toné dos balnearios, a VaneSSa das Angustias, ou o Fernan Vello cervantino. Cinco desvergonzados, máis preocupados polo tren de Burgos que polos intereses nacionais e sociais dos galegos e galegas. A mamarla a Galapagar.

4 Un galego

E ti contento, verdade Arcadio... Galegos coma ti son os que necesitamos... Lonxe.

5 lóstrego

Tes bola de cristal, Arcadio ou? BNG que eu saiba só hai un; ti ves Fairy onde pon Mistol!

1 Gamela

seica non tiveron tempo dabondo para actualizar as súas listas orgánicas...? ou é que Mario López Rico segue sendo "la mano que mece la cuna" ? https://enmarea.gal/persoas/ Que lástima romper unilateralmente a UNIDADE DA ESQUERDA en Galicia !!!

1 Beiras torrado

Unidade de Esquerda? Ou unidade de cargos. Haber se Yoli procesiones se vai presentar por Madrid para garantir un postiño

2 lóstrego

Agora chámanlle fronte ampla, ao que antes lle chamaban unidade popular. Uns engaña parvos.

3 Sentidiño

Nin Benito Lobera nin Beiras torrado saben escribir "a ver"? Isto parece forocoches!

4 Venres

Xa sei que a realidade proe, pero agora mesmo votar BNG ou BNG-bis (Villares e López Rico), que non teñen posibilidade ningunha de lograr escano no Congreso español, é tirar co voto ao lixo e favorecer á dereita española: Pp-Cs-Vox.

5 SempreNegatifo

Efepegaios a esmolar un votiño útil para o psoe. Dexeneración si e sorpresa, ningunha. Sempre na liña trabucada.