Así está o transporte de mercadorías en Galicia; moitas horas e salarios baixos

Un convenio marco estatal e catro provinciais son os que regulan o transporte de mercadorías no país. Isto ten como consecuencia diferenzas en salarios. Os empresarios denuncian a dificultade de competir con autónomos con prezos baixos e os traballadores que traballan moito e cobran pouco.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O transporte por estrada supón un movemento de mercadorías moi elevado en toda España. As cifras exactas relativas a número de persoas que traballan no transporte non están actualizadas. Por outra parte, o marco legal para desenvolver esta actividade está configurado por un convenio marco estatal e logo o convenio provincial, iso de non ser empresas cun volume de negocio e número de traballadores importantes, elementos que lle permitirían ter un convenio propio.

Camións. IVECO - Arquivo Galicia Confidencial
Camións. IVECO - Arquivo Galicia Confidencial

Tanto empresarios como traballadores teñen as súas peticións e demandas de cara ao que consideran melloras dentro do ámbito. A cuestión é que a diverxencia entre ambas, o mesmo que noutros sectores, fai que polo de agora os acordos entre as dúas partes sexa moi complicado.

Miguel Reboiras, de UGT Transporte, aclara que “non hai categorías dentro do que é a profesión de transportista, é cuestión de permisos para conducir un determinado vehículo” como podería ser o de transporte de materias perigosas que “debe pasar un exame específico para estes vehículos”. A existencia de convenios provinciais marca diferenzas entre os salarios base recibidos polos profesionais segundo a empresa para a que traballen, estea nunha provincia ou noutra. 

PROVINCIAS

Por que non existe un convenio único para Galicia? “Iso será porque os sindicatos non están cumprindo coa súa obriga, desde sempre foi así, tamén é certo que podían ser semellantes entre eles pero son diferentes entre provincia” di Ramón Alonso, da Federación Galega de Transporte de Mercancías (Fegatramer). “Hai diferenzas que se notan claro, A Coruña e Pontevedra teñen os convenios máis elevados e Lugo e Ourense son os baixos”. “Existen propostas para facer un convenio para toda España, mesmo para toda Europa, pero todos sabemos que non se vive igual nun lugar  que noutro” apunta Alonso.

Alonso tamén remarca que “houbo empresas que saíron dos convenios co permiso dos sindicatos durante a crise. As empresas dixeron que estaban en perdas e preciso baixar o 10% en salarios, e logo preguntan outros empresarios: como compito con ese outro que baixou ese 10%?”. A conclusión desde Fegatramer é que con accións como esta habería empresas que estarían tirando os prezos.

Miguel Reboiras di sobre a negociación de convenios laborais e a actitude da patronal é que “só se queixan da crise pero en principio non a hai, os salarios son como hai uns anos e seguen con esas ideas”. Sobre as condicións laborais, Reboiras non dubida en dicir que a situación “está mal tanto en cuestión de horarios como salarios, sobre todo salarios”. Existen diferenzas, claro está e volve falar das diferenzas entre convenios.  En canto á división de convenios por provincias a resposta é que “vén de hai tempo e a resposta é difícil de dar, quizais aquí a xente sexa máis conformista e tamén que a patronal é como é, porque o prezo do gasóleo é o mesmo aquí que en Madrid pero as condicións de traballo son diferentes”.

Pedro Beade de CC OO cualifica o sector como un área onde hai moito “falso autónomo que son os chamados “traders” que se pode ver nas naves de loxística como no transporte nacional e internacional, iso afecta no momento de ter convenios dignos”. “Falamos tamén de incumprimento de horarios de descanso e xornadas abusivas de catorce ou quince horas” di Beade. O convenio laboral autonómico sería desexable para Beade pero “as patronais non están polo labor, tradicionalmente houbo convenios provinciais, se o salario base en Pontevedra ou Coruña é de 1.200€ por mes, en Ourense non chegan a 1.000€”.

SALARIOS

Os salarios do sector non responden a unha cantidade promedio ou unha determinada base. A ampla categoría de “transportista” recolle a toda persoa que traballe en paquetería, transporte provincial, nacional ou internacional, loxística para comercios e outro tipo de fornecemento. “Quen se adique a conducir camións de transporte nacional e internacional deberan andar por riba dos mil e pico euros” di Ramón Alonso,

“A situación do transporte de mercadorías en Galicia varía por provincia, hoxe en día hai poucos profesionais e quen quere un condutor ten que pagalo” di Alonso e pon exemplos “Como está un autónomo que traballa para unha grande empresa? Normalmente mal, porque estamos nunha dinámica onde os gobernos din que pagas 50€ durante tres anos, durante ese tempo e con axudas para mercar un vehículo pode baixar prezos e os demais vense abocados a facer o mesmo”. O que paga unha empresa consolidada de media por un traballador son entre 700 e 900€ ao mes. “Un autónomo con 50€ ao mes, sen pagar IVE, estariamos nun tema de competitividade complicada” di Alonso. “Quen ten empregados ten que pagarlles menos porque compite con outras persoas con regras de xogo distintas”. Para Alonso estariamos diante dunha “lagoa xurídica” no mercado dos transportes de mercadorías.

Non obstante, Miguel Reboiras da UGT, di que “hai autónomos dentro do sector, sobre todo dentro de sectores como paquetería, pero a maioría son traballadores por conta allea”. Sobre as condicións laborais, Reboiras non dubida en dicir que a situación “está mal tanto en cuestión de horarios como salarios, sobre todo salarios”. Os salarios mínimos poden andar sobre os 1.000 euros e os horarios poden exceder das 8 horas porque “por exemplo, un condutor de reparto, que está parando e arrincando, para facer as 8 horas de xornada ten que botar 12 horas” di Reboiras. En tal caso, segundo o propio Reboiras, hai salarios de 900 euros que subirían no caso de engadírense pluses como antigüidade e outras variables.

Pedro Beade apunta que Lugo, Coruña e Pontevedra “os salarios oscilan entre 1.100€ e 1.300€, por convenio, a que queda atrás é Ourense que non chega a 1.000, falando sempre de salario base, sen pluses”. Eses salarios base para transportistas non son considerados como idóneos por Beade porque “o transportista ten que controlar polo miúdo a xornada e facer reclamacións salariais continuas por cada xornada”.

SOGAMA

O mércores seis de marzo os transportistas da contrata que traballa para SOGAMA, concentráronse para esixir melloras nas condicións de traballo e salariais. Con anterioridade fora a empresa Transportes Pellejero a concesionaria ata hai tres anos.  A concesión agora está en mans dunha UTE formada por COPASA e Renfe que ten a contrata por dez anos. A contrata subcontratou a outra empresa de transporte, Transportes Pacholo.

Manuel Regueiro, da CIG declara que “a nova empresa comezou a precarizar as condicións baixando os salarios mediante un convenio creado un mes antes de colleren a concesión”. Neste caso, Transportes Pacholo está aplicando o convenio provincial de transporte de Ourense. Segundo fontes sindicais, o máis baixo de Galicia. “O transporte non ten un horario fixo, eses horarios van polo tempo de condución, por iso cando estás parado mentres cargas ou estás no taller, o empresario obriga a poñer o tacógrafo en descanso” di Regueiro.

A cuestión co transporte de mercadorías en Galicia ten dúas frontes principais, a petición por parte dun amplo número de implicados da necesidade dun convenio laboral autonómico. Isto traería a equiparación salarial entre as catro provincias e non diferenzas tal como acontece hoxe en día. E por último as condicións laborais que implican doenzas profesionais que afectan sobre todo as articulacións. Desde a patronal existe a queixa dos contratos para autónomos, que implicaría unha competencia “desleal” coa que moitos empresarios non poderían competir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta