Por Xabier Ron | Compostela | 06/11/2011
Hai uns días coñecíamos que un tribunal da cidade de Valencia sentenciaba ao concelleiro de IU en Valencia, Amadeu Sanchís, a pagar 500 euros amais de 150 euros de multa por “inxuriar” ao Partido ultradereitista España 2000. E é que a “inxuria” de Amadeu consistiu en escribir unha nota, despois de enterarse que ese partido convocaba unha manifestación racista e xenófoba no barrio valenciano de Benimaclet, onde acusaba a ese partido de seren “bandas terroristas que amenazan, coaccionan, torturan, y en muchos casos, asesinan”.
Vivimos tempos agrios. Temos unha democracia totalmente viciada e deturpada. Non me deixa de abraiar a existencia en democracia e nas nosas institucións públicas de partidos políticos (sic) que viven dun ideario forxado no odio ao outro, ao que é diferente, que viven de sementar o terror alí por onde pasan. E, por suposto, anóxame pensar que os meus impostos serven para darlle acubillo a persoas que atentan contra as bases convivenciais do que debe ser a Democracia.
Pero, claro, entendo estes feitos se considero a protección que lles ofrecen aos que odian as normas resultantes do racismo institucional no que vivimos. Nese rango sitúo a normativa que entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2012 e que pide unha antigüidade mínima no padrón de 183 días (6 meses!) para que as persoas inmigrantes poidan ter a tarxeta sanitaria. Isto é limitar o acceso a un servizo público esencial. O Foro Galego de Inmigración xa se ten posicionado de forma clara en contra desta norma discriminatoria.
Pero, a sociedade, estou xeralizando claro, pois hai moitas e honradas persoas que loitan por un mundo mellor, semella aceptar que certos seres humanos sexan chibos expiatorios nestes tempos de medo, de terror financeiro (non son, tamén, terroristas os membros da oligarquía financeira?), de naufraxio da economía real e perda de credibilidade da gran política (de xeonllos perante a oligarquía financeira).
As manifestacións en contra do outro sucédense no mundo (“civilizado”?). En Moscova, hai uns días milleiros de racistas desfilaban berrando consignas en contra das persoas inmigrantes. En Hungría a ultradeita vive amedrentando, aterrorizando, á poboación de etnia xitana. En Europa, mentres xogabamos a bombardear Libia, faciamos o posible para confinar á poboación que fuxia da guerra en campos de internamento e negabamos as solicitudes de asilos. E a modificación do Espazo Schengen responde a esa política contraria ao outro, sobre todo se ese outro provén de África ou Asia, se é connotado etnicamente, ou pobre e de relixión islámica.
O propio Parlamento Europeo, debido a esas absurdas consignas de non votar, que volven a resoar nestes días de febre electoral bipartidista e que só favorecen a penetración da extrema dereita, coñece a actividade de grupos racistas e xenófobos.
Insisto, o máis triste é pensar que o diñeiro público, o diñeiro dos nosos impostos, serve para alimentar o ideario destas persoas que viven, tes razón amigo Amadeu, do terror.