Un fiasco de debate

Nun réxime democrático como é o noso, os debates políticos e sobre todo en campaña electoral, deberían servir para clarificar posturas, contrastar programas e propostas, e sobre todo, para poñer luz e sinceridade onde hai moitas sombras.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 10/11/2011

Comparte esta noticia

Deberían servir para  escoitar  as solucións programáticas e para aclarar  cuestións de interese que afectan aos cidadáns. Logo estes, sosegadamente, distinguindo  o grao da palla, votarían.  O problema é cando a estratexia electoral de cada grupo político e tamén do candidato, se antepón ao dereito  de  poñer luz nestas cuestións, e aparecen impresas,  as   ambigüedades calculadas  nos programas electorais. Ambigüedades que despois se repiten unha e outra vez  na campaña electoral.

Pero como a sinceridade na política está un chanzo por baixo da estratexia  electoral,  e esta sempre manda, o debate convértese en fiasco. En carnaza electoral para os menos esixentes e para os incondicionais. Esta  é táctica electoral actual. A que carece de escrúpulos con tal de acadar os obxectivos marcados. En fin, con tal de acadar  o poder político.

E iso foi o  que aconteceu no debate entre Rubalcaba e Rajoy. Un preguntando sobre as intencións do outro, e o outro fuxindo das preguntas. Vostede non sabe ler; vostede leu mal o programa. Mentira; esas son falsidades; iso non é verdade, etc.

Conclusión: iste foi un debate frustrado; pois un candidato, Rubalcaba apareceu como máis aberto e franco á hora de falar e incluso de asumir erros. Rajoy, contestou lendo  folletos con respostas de libro; contestacións sempre coa teima dos millóns de parados e con  algunhas  propostas xerais.  A verdade é que para min, este acto,  foi un pouco como unha representación teatral na que cada actor sabía de antemán  o papel que tiña que xogar e non houbo lugar para improvisación espontánea. Entre os músicos sempre  hai algún que  si sae do papel pautado nada sabe facer.  Pero  tamén hai que improvisa moi ben. Bueno chámaselle “repentizar” E digo o de repentizar pois cando se actúa así aflora a verdadeira personalidade do candidato; afloran os reflexos dialécticos e sobre todo a iniciativa. Nese senso, o debate gañouno claramente Rubalcaba, pois  estar sempre lendo polo polos apuntes,  indica escasa destreza mental e moi pouca  creativa.

A min, como galego, somentes me quedou clara unha cousa: Que o BNG xa ten compañeiro de viaxe na reivindicación para eliminar as deputacións. Parece que o PSOE caeu da burra e deuse  conta de que as deputacións son entes endogámicos de poder que so serven  para fomentar o caciquismo. Algo é algo.

Polo demais, pouco máis que contar. Os cidadáns quedaron igual que si foran por separado ao un mitin electoral onde ninguén che leva a contraria, e onde funciona o chiste. Pois ¿que propostas novas hai para sair da crise? Ningunha. Polo que, despois do visto, cada día que pasa ratifícome na necesidade de potenciar a pluralidade nos debates, e en acadar forzas políticas  propias en aras de pesar máis  na política do Estado.

Polo demais, este debate non serviu para case nada. Foi, a meu modo de ver, un verdadeiro fiasco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com