Por Xabier Ron | Compostela | 28/11/2011
O anuncio de Rafael Hernando –como sexa el o encargado de endurecer [aínda máis?] a Lei de Estranxeiría, imos apañados- de que vai eliminar o permiso de residencia a través do arraigo social é unha coitelada máis no debilitado corpo das persoas migrantes. E a xustificación empregada de que é para rematar coas regularizacións masivas é, sinxelamente, unha auténtica mentira. Cantas dificultades non tiveron e teñen que pasar as persoas migrantes para poder estar sometidos á espada de Damocles da regularidade administrativa!!
Regularizar unha situación de irregularidade sobrevida, isto é, cando quedas no desemprego e perdes a posibilidade económica para manterte de alta na seguridade social, é unha proeza (cáseque imposible). Pero a dereita segue xogando ao que mellor sabe, mentir, e "culpabilizar" a colectivos sociais. E semella que ese discurso do “chibo expiatorio”, segundo os resultados do 20N, produce os resultados desexados. E iso é o que realmente dá medo.
Por iso, non lle podo perdoar, a quen se dicía socialista, que practicase o racismo institucional e que non cambiase as permanentes restricións en materia de dereitos que establece a Lei de Estranxeiría. Para esas persoas desmemoriadas, que hai de todo, quérolles lembrar que a presente Lei parte do pacto PP-PSOE en tempos do aznarato.
A persoa é considerada sinónima de mercadoría, que só é rendible se ten utilidade (a xerga tecnocapitalista imprégao todo). Esquecen a dimensión social das persoas. Pero, aínda así, de querer ser pragmáticos, nada hai máis sinxelo que establecer mecanismos de regularización ordinaria. Pero non: optan por manter milleiros de persoas no medo, na persecución. E esas persoas, que saben que non poderán regularizarse, vivirán nas marxes da sociedade. E, xa se pode dicir, todo o tema da tarxeta sanitaria partiu coa finalidade de dificultarlle máis a vida ás persoas migrantes, pero non calcularon ben o seu xogo os malvados e fóiselle da man o planificado.
Pero, iso si, a carón da verborrea e das leis racistas, veremos, como xa vimos ao longo da década pasada, a opulencia dos ricos e daqueles que se cren ricos aproveitarse da man de obra barata e sen dereitos para enriquecerse coa súa plusvalía. Nada mellor que dispoñer dun colectivo amedrentado polo medo da expulsión para aproveitarse del.
En fin, aínda non gobernan e xa dan medo. Matizo , as súas ideas, por desgraza, estaban xa representadas nas tomas de decisións políticas. Agora teñen o seu brazo executor.