Por H.Harguindey | O Morrazo | 30/11/2011
Con todo, fixen unha campañiña particular: consideraba que non podía negar o esforzo para evitar que Galiza perdera máis peso nunha situación tan difícil como a actual. Cos inimigos do País e da Liberdade exercendo plenos poderes.
Mais agora –a falta da necesaria reacción por parte dos seus dirixentes - penso que tomei a decisión axeitada e non me verei atado xa pola espiral que me arrastraba de elección en elección dende hai máis de 15 anos ininterrumpidos: a de que o urxente nese momento era pechar filas e, logo, as cousas irían cambiando. O BNG iría aprendendo.
Moitas persoas, particularmente dende sectores da esquerda nacionalista xa sen organización, apoiabamos ao Bloque sen estarmos demasiado ilusionados. Pero non podiamos ser pasivos cando o país sufría a agresión continuada
E, á volta de cada elección, nada mudaba se non era tocante ao aumento da frustración. O BNG había moitos anos que camiñaba polo vieiro da renuncia. Primeiro na oposición: seica as cousas estaban maduras e cumpría non asustar e gañar novos segmentos de poboación. Nada novo: tratábase do vello escoramento cara á dereita que sufre certa esquerda cando ve posibilidades de gobernar e trata de enganarse. Na realidade hai que ler: “Renunciemos agora provisoriamente ao noso programa, que xa, cando cheguemos ao poder.... renunciaremos definitivamente”.
Para iso -polo que contan dende dentro- un grupiño exerceu un control férreo ante o consentimento, a incapacidade e a desunión dos demais. E abandonouse a mobilización e a problemática popular para se situar por riba, nun mundo alleo e de elites. Perdendo votos e perdendo militancia preparada. Perdendo a confianza dos sectores máis dinámicos da sociedade galega
Seguíu renunciando o BNG nos concellos e no bipartito, mesmo se tamén fixo cousas boas que cómpre subliñar constantemente, máxime á vista do que veu despois.
Mais nestas eleccións o BNG ven de iniciar a renuncia a algo que para moitos e moitas de nós é irrenunciable: a lingua.
Na Galiza sur, o Faro de Vigo (o xornal que no Morrazo é coñecido como “a folla parroquial”) ven de se sumar definitivamente á estratexia antigalega do PP e a Coz. Eliminou drásticamente das súas páxinas o noso idioma (mantendo só un par de persoeiros que as súas razóns terán para seguir) e dando cancha a unha desaforada campaña contra os nacionalismos.
Pois ben, o BNG acepta agora–para que lles deixe un recunchiño no medio do balbordo deformativo- que o Faro traduza as súas entrevistas e declaracións ao español. Líderes de Bueu, de Moaña e candidata nº 1 pola provincia de Pontevedra aceptaron caladiños na campaña ese troco que lles impuxeron. Preguntada a candidata pola renuncia lingüistica, aventura esta alucinante explicación: “Será para optimizar os gastos”. A “Economía”, “os mercados” mandan sobre a ideoloxía e marcan a práctica. Nas eleccións vindeiras poden pensar na esponsorización, que soa tamén moi bonito pero realmente ven sendo que se lle pasa unha esponxa á mala imaxe da empresa patrocinadora.
Dous días despois da votación, no mesmo xornal (e mais na súa versión coruñesa) é Guillerme Vázquez, o voceiro nacional, quen figura entrevistado en castelán.
Ben certo é que outros grupos como ACE (coalición canguesa de Esquerda Unida coa FPG) tamén pasan polo aro no da lingua, mais non é escusa.
Non sei se a cegueira e a testudez dos dirixentes vai facer rebentar ou morrer por apagamento aquel “proxecto común”, pois seguen teimudamente sen querer ollar a realidade. O que sei é que xa rematou o ciclo do BNG.
Non sei se nacerá outra organización que artelle o movemento que Galiza precisa. O que sei é que moitos dos que fumos quedando “na casa” (centos de galegos e galegas orgullosos da nosa traxectoria e que temos a firme vontade de mantela, corrixindo os erros que debamos corrixir) estariamos dispostos, con menos folgos pero cos mesmos azos, a prestar o noso apoio a un proxecto plural, inequívocamente democrático e de esquerda, que defendese a soberanía e os intereses da nación para rescatala das poutas dos que a levan á ruína.
O que sei é que o camiño non é o da resignación, de contentarse con faragullas e con desempeñar o papel de criadiños. Que os galegos e galegas somos quen de construírmos –esperanzados- unha terra de liberdade, xusta, digna e solidaria. Como calquera outro pobo do mundo.
E que nesa reconstrución non se debería perder nin un segundo.