Pontón quere un plan integral de rexeneración de rías e pór en valor os produtos galegos do mar

Asegura que Galicia "pode estar con voz propia" en Madrid para reivindicar as necesidades e o esforzo das traballadoras do mar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que Galicia "pode estar con voz propia" en Madrid e "ser decisivos" no Estado para atender as necesidades do territorio e de colectivos como o sector do marisqueo, comprometéndose a tentar impulsar un plan integral de rexeneración das rías galegas que permita pór en valor tanto o "potencial" xerador de riqueza como o produto e o "prestixio" das traballadoras do mar.

Así o trasladou en declaracións aos medios no municipio de Cambados, onde Pontón e a cabeza de lista ao Congreso, Carme da Silva, visitaron a zona de marisqueo da praia da Torre de San Sadurniño, acompañadas de varios traballadores.

Un "pequeno paraíso natural", sinalou, onde quixeron "porse na pel" e "homenaxear" o traballo de moitas mulleres, "moitas veces invisibilizado", que se pon as botas, cando baixa a marea, e acoden a extraer "eses produtos tan valorados" e "fonte de riqueza tan importante" para Galicia. "Queremos achegar o noso gran de area", insistiu.

Por este motivo, Pontón considerou que esta riqueza sería "moito maior" se o estado das rías e a recuperación integral da súa capacidade marisqueira fose "unha prioridade do Goberno" ou se Ence "non estivese a ocupar o espazo" que debería ser unha zona produtiva "na que moitas mulleres puidesen traballar", apostando así tanto por "a biodiversidade" como pola creación de emprego nun sector onde "se perden moitos postos de traballo", por non recibir "a atención que se merecen".

"Ten que deixar máis renda e riqueza", sinalou, ademais de "condicións dignas" para que estas mariscadoras poidan avanzar cara a unha xubilación "digna". "O 28 de abril temos a oportunidade de traballar par que a xente do mar teña mellores oportunidades", lembrou, para o que a trasladado un "compromiso" con aqueles que aposten "por dar voz" ao BNG.

Entre eles, un plan de rexeneración integral das rías financiado entre a Xunta, o Estado e a UE para pór en valor o potencial a súa riqueza e potenciar a creación de emprego, que estea acompañado dunha maior atención á loita contra a contaminación mariña. Neste caso, defendeu que esas competencias "deben ser galegas", para poder contar con "máis recursos e medios" para loitar contra as verteduras mariñas.

CONTRA A DEREITA "REACCIONARIA"

Pór en valor os produtos galegos, dar unha marca de calidade, lograr uns prezos máis altos e uns maiores coeficientes reductores para as mariscadoras, foron algúns dos compromisos e apostas trasladadas pola portavoz nacional do BNG, que puxo especial énfase nas condicións das traballadoras do mar, sobre todo respecto das súas posibilidades de xubilación ou o recoñecemento de enfermidades profesionais.

"Temos unha cita importante onde os galegos podemos ser decisivos", insistiu, asegurando que se son "determinantes", o BNG traballará "por Galicia", pola xente do mar e "por un futuro mellor". Neste sentido, asegurou que aínda "hai partido" e que hai que sumar votos tanto para que Galicia "teña voz propia" en Madrid como para ser a "garantía" que evite a entrada da "dereita carca e reaccionaria" de Cidadáns e Vox, con quen están a disputar escanos pola Coruña e Pontevedra.

28A.- Pontón Cambados. BNG
28A.- Pontón Cambados. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta