A fábula do Deus-Mercado

Todo acontecera un venres. Como a traizón. No remate da semana laboral para moitas persoas. Sen querer deixar tempo de reacción. Un luns sería máis doado organizar toda unha semana de contestación. Mais, aínda así o escándalo estalou, pero todo era máis controlable. Para os máis contestatarios, o máis aldraxante foi comprobar, ao día seguinte, que omitiran de forma deliberada na súa presentación pública detalles non tan pequenos que amosan a baixa catadura moral dos suxeitos.

Por Xabier Ron | Compostela | 15/02/2012

Comparte esta noticia
Todo acontecera un venres. Todo se fixo para honrar ao Deus Mercado e aos seus profetas. Son poucos, pero a súa caste domina o mundo. Entraron no xogo democrático para desvirtualo, para dominar á súa vontade á masa. E puxeron o diñeiro necesario para construir imperios mediáticos e financeiros quen de dominar os escenarios de decisión supostamente democrática.
 
O sacrificio tivo lugar na cova central. Ao redor dun altar de metacrilato conectado ao Deus Mercado, unha cohorte de adoradoras e de acólitos, ornados coas mellores garabatas e portadocumentos de marca e cos mellores bolsos de pel natural e zapatos de marca, brandían extasiados, un coitelo chamado Reforma Laboral. Sobre o altar, atados e indefensos, dous corpos ben seleccionados, o dunha traballadora e o dun traballador. Lanzando vivas ao Deus Mercado, unha tras outra, diferentes rostros que representaban ao BCE, ao FMI, ao BM, á OMC, aos países poderosos da UE, á CEOE, á Banca, en definitiva á dereita e á oligarquía financeira, e realizando o conxuro do eloxio ao coitelo Reforma Laboral asestaban por turnos unha coitelada sobre o traballador, sobre a traballadora. Do altar o sangue fluía a través de tubos cara a unha pantalla de índices de competitividade e acumulación de capital e volvíase de cor verde.
 
Mentres iso acontecía, en directo a través da rede óptica, millóns de persoas, de xeonllos, observaban o espectáculo. Os profetas dispuxérono todo para que detrás de cada espectador houbese un látego inmaterial: "ou aceptas con abnegada resignación ou 'iso' é o que che agarda. Tes que escoller entre vivir de xeonllos ou morrer desangrado nas oficinas de culto do desemprego".
 
Algúns xa foran rodeados polos garantes dos profetas e a cada movemento sospeitoso recibian unha descarga de paos. Sempre os alcumaran antisistema e eran seres 'perigosos' para o mantemento da orde mundial.
 
Outros, menos dos que se pensaría, ousaron erguerse e negáronse a aceptar a chantaxe dos profetas. Ao día seguinte, foron expulsados do 'paraíso' laboral de forma procedente e conforme á norma que emanaba do coitelo do Deus Mercado.
 
Os demais, dubidaron nun inicio entre erguerse ou seguir de xeonllos. Finalmente, o peso das ataduras económicas de todo tipo, o sentimento de medo ante a morte laboral, provocaron unha aceptación en masa das novas condicións de traballo e que representan unha nova forma de escravitude.
 
Todo acontecera un venres de febreiro, segundo me contou meu avó. Non acerta, debido ao alzheimer, a dicirme que sucedeu nos meses que seguiron á presentación do sacrificio humano. Díxome que algúns antisistema e contestatarios se uniran, pero non aclarou se os profetas retrocederon ou non. Terei que agardar a medrar un pouco e desfacer a censura que impide a libre información en internet para enterarme.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.