O persoal de Ferroatlántica en Arteixo aproba o plan industrial de Ferroglobe, que só garante o emprego tres anos

A empresa anuncia investimentos para a mellora de instalacións.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/06/2019 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

O persoal da fábrica de Ferroatlántica de Sabón, en Arteixo (A Coruña), aprobou, co 62,81% dos votos, o plan industrial de Ferroglobe, segundo informa a empresa que controla o grupo Villar-Mir. O plan, segundo lembra, xa fora pactado o pasado venres pola dirección da empresa e os representantes sindicais.

Persoal de Ferroatlántica de Cee e Dumbría concéntrase para esixir a reactivación dos fornos. CIG
Persoal de Ferroatlántica de Cee e Dumbría concéntrase para esixir a reactivación dos fornos. CIG

A empresa explica que o acordo ratificado este luns polos empregados "parte da constatación de que a situación económica da fábrica é moi delicada polos altos custos da enerxía e que a evolución da factoría foi desfavorable despois de que en 2017 se frustrase, por falta de recursos económicos, un plan industrial".

Para superar esa situación, sinala que se elaborou un programa "que se sustenta en investimentos en instalacións actuais e novas, emprego e formación e responsabilidade social". No entanto, engade que "o plan só se pode acometer coa obtención de fondos extraordinarios cuxa procedencia só pode determinar a empresa".

Por outra banda, precisa que o plan industrial inclúe o investimento entre 2019 e 2023 de 11,1 millóns de euros en mellora de instalacións, así como outros 7 millóns na construción en Sabón dunha planta de produción de silicio pulverizado de alta pureza, "da que, se os resultados son satisfactorios, terá unha segunda fase á que se destinarán 8 millóns máis", engade.

Ferroglobe tamén se compromete a identificar investidores para producir en Galicia a escala industrial carbón vexetal. "Neste empeño promoverá proxectos de I+D aos que destinará 1 millón de euros", explica.

GARANTÍAS DE EMPREGO

Ademais, sinala que garante o emprego existente na fábrica de Sabón durante tres anos a contar desde o 1 de xaneiro próximo. Así mesmo dará opción preferente para incorporarse ao cadro de persoal da nova planta de silicio pulverizado aos traballadores temporais. O acordo aprobado, indica, "inclúe igualmente vantaxes de formación e de responsabilidade social corporativa".

Destaca, ademais, o compromiso da empresa de contratar, na poxa de interrumpibilidade que se celebra esta semana, a enerxía eléctrica precisa "para que polo menos un forno da fábrica poida funcionar no segundo semestre". "Se se dan as condicións idóneas, a empresa optará á potencia necesaria para que opere outro forno", apostila.

Así mesmo, o acordo prevé unha reorganización societaria que implica a adscrición da planta de Sabón a unha nova sociedade filial ao 100 % do Grupo Ferroatlántica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta