Piden aos colexios oficiais de Xeólogos e Químicos que se "retracten" por "desprestixiar" un experto norteamericano

ContraMINAcción pide que se respeten as opinións do profesor Steven Emerman sobre a seguridade das balsas situadas na mina de O Pino-Touro. O colectivo reclama a avaliación dun informe que consideran un plaxio sobre a mina de San Finx.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza, ContraMINAcción, dirixiuse a catro institucións públicas para presentar a súa protesta formal polas manifestacións realizadas desde o Colexio Oficial de Xeólogos e do Colexios Oficial de Químicos de Galicia. O motivo da protesta son unhas manifestacións contra o científico norteamericano Steven Emerman, experto en minaría. ContraMINAcción indica nun comunicado que as manifestacións dos colexios de Xeólogos e Químicos contra Emerman, foron apoiadas polos Colexios de Enxeñeiros de Minas do Noroeste e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia. Ás catro institucións piden que se “retracten”.

O doutor Emerman alerta sobre o perigo que son as minas de Finx para a ría de Muros-Noia
O doutor Emerman alerta sobre o perigo que son as minas de Finx para a ría de Muros-Noia | Fonte: CEDIDA

O experto en minaría Steven Emerman criticara a finais de xuño pasado a falta de seguridade dentro do proxecto mineiro de O Pino-Touro. Respondendo ás conclusións de Emerman, os catro organismos oficiais mencionados, “emitiron un comunicado conxunto procurando desprestixiar abertamente ao Dr. Steven Emerman” din desde ContraMINAcción. Nun comunicado enviado pola rede contra a minaría destrutiva, aseguran que no documento emitido polos catro organismos científicos cualifican as conclusións de Emerman como “sesgadas e propias dun postulado ideolóxico”.

Segundo ContraMINAcción, os colexios oficiais mencionados, tamén criticaron as opinións do experto estadounidense sobre o informe que realizara o profesor Felipe Macías Vázquez, xa xubilado, sobre a mina de San Finx para a empresa Grupo Sacyr. O colectivo ecoloxista recolle unhas liñas do texto enviado polos colexios oficiais onde mostran o seu rexeitamento “a poñer en dúbida o traballo e profesionalidade dun catedrático”.

Neste sentido, a rede de colectivos ecoloxistas, “constando que o pronunciamento dos colexios oficiais se fixo sen ter coñecemento dos documentos oficiais” en referencia ao documento do profesor Macías Vázquez, a rede “remitiu ao colexio de xeólogos e ao colexio de químicos o polémico Informe sobre alegaciones relativas a la autorización de vertido del  proyecto minero Tungsten San Finx S.L.”.

ContraMINAcción enviou ademais dous informes de valoración aos colexios oficiais sobre o elaborado polo profesor Macías, un feito a petición do Concello de Muros e outro da asociación Verdegaia. Os dous informes falaban de “extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras” do documento sobre a explotación de San Finx, propiedade de Sacyr. Segundo a rede ecoloxista, o informe para Sacyr buscaba “eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos límites legais”.

Desta maneira, ContraMINAcción e os colectivos que forman parte da mesma, esixen aos colexios oficiais aos que dirixiron tanto a documentación como o seu escrito, que se “retracten publicamente” en vista do que consideran expresións de desprestixio contra Steven Emerman.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta