O taller de memoria

En Cerasia, en 1986 os sabios da parroquia (todos homes) decidiron que chegaran os tempos da Modernidade e deulles por rabanar as árbores centenarias de Os Carballos, o espazo comunal no que dende a Idade Media se celebraban as festas, sobre todo a lumieira do folión de véspera do San Brais, a comezos de febreiro.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 16/05/2012

Comparte esta noticia

O cerne, o sámago e a cortiza de carballos de máis de cincocentos anos deron paso a unha pista de cemento habilitada como campo de fútbol-sala (sic). Alí unicamente se disputou un partido inaugural, no cal os xogadores deixaron a súa pel literalmente no formigón. Dende aquela as boleiras das vacas que camiñan cara os lameiros vizosos de Lamas inzan este orixinal complexo deportivo. O segundo paso na destrución deste espazo milenario foivos na década de 1990 co erguemento do palco novo para a festa. Xa sabedes, bloco, cemento e “ladrillo” vista, como mandan os cánones galaicos postmodernos. Está de máis recordar que esta estrutura de nada valeu porque pouco despois xa viñeron as orquestras-camión, inhabilitando aquela solución arquitectónica tan moderna, hoxe convertida en ruína arqueolóxica. O terceiro milenio d. C. fixo que entraramos nunha nova dimensión: o campo da festa foi cuberto coma un mercado de gando. A pregunta que deu lugar a este novo movemento everxético foi a seguinte: e se chove o día da festa?

A última manifestación do Progreso na parroquia veu da mao da instalación no monte do común dunha antena de telefonía. Tras o clásico litixio interparroquial, a nosa comunidade puido desfrutar dun xeneroso aluguer anual. Estes cartos para a parroquia son empregados, nomeadamente, para dar máis empaque á festa parroquial. Os galaicos non se moven por criterios capitalistas, a súa economía é, perante todo, unha economía moral. Dacordo con estes parámetros, adiviñades en que se invisten os cartos?... na contratación de dúas orquestras e un dúo a maiores. Non hai festa sen foguetes!!! Toda unha lección sobre o valor social do Patrimonio  nunha comunidade post-rural galega; mentres tanto, o castro mineiro romano da parroquia (parcialmente destruído por unha canteira de area nos 70), o camiño antigo xacobeo ou  a arquitectura tradicional non foron vistos como herdanza material que cómpre preservar e transmitir. 
 
Mentres se destrúen estas pegadas do pasado, mentres o imaxinario e a memoria colectiva esmorece, mentres desaparece o alcumado Patrimonio inmaterial, mentres dende a estrutura caciquil se olla con malos ollos á recuperación da memoria histórica,... cruzamos a soleira do absurdo surrealista coas iniciativas de dinamización dunha poboación avellentada levadas a cabo polas administracións. Quen viva no rural galego sabe que se están poñendo de moda certas actividades cofinanciadas polos Concellos para os nosos vellos e as nosas vellas, dentro dun proceso de insersización dunha poboación que, malia todo, segue activa e non precisa que a dinamicen. Destas actividades destacan dúas que soan especialmente cómicas: clase de ximnasia, para labregos e labregas que morrerán co sacho na mao, e o afamadísimo “taller de memoria” para eses avós e avoas despistados. Esta xente non necesita un taller de memoria, eles son a memoria á que ninguén escoita.
 
En Cerasia  só nos quedan dous vellos nonaxenarios, o Xerardo e o Xaime, supervivintes da guerra civil española, aí é nada. O seu reino non é deste mundo. Ambos os dous son os mouros nemotécnicos da parroquia, coma eses petrucios africanos que gardan no maxín a xenealoxía toda da tribo. Nesta tríada capitolina da memoria colectiva desta pequena pero milenaria comunidade, o terceiro chanzo évos O’ Rigueiro, un chisco máis novo, mais a única persoa que sabe onde están os marcos, os mollóns, as cruces que cinguen os lindeiros entre leiras e parroquias. Cando estes tres individuos desaparezan, morrerá con eles a orde cósmica deste o noso Macondo particular. Mentres tanto, chegarálles cada catro anos o interesado convite para o voto, e cada ano a invitación para o xantar dos vellos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA