Il Duce

Ninguén no seu san xuízo pode maxinar que os parlamentarios da IIª República tivesen acólitos que lles escribisen os discursos. A honestidade e talla intelectual de deputados como Azaña ou Castelao sitúaos nas antípodas da nosa presente clase política adubiada cunha recua de danzantes bailaríns entre os que sempre hai o que vulgarmente se chama un “negro”, si, esa persoa que sabe escribir e confecciona as prédicas, limiares de publicacións e pregóns inaugurais do prócer de turno. Ás veces a cousa remata mal como lle aconteceu ao ex-presidente das Illes Balears (asi vocé me mata).

Por Xurxo Ayán | Compostela | 09/06/2012

Comparte esta noticia
Eu coñezo algún destes amanuenses do Poder e non deixo de preguntarme que sinten cando ven no bico doutros os seus textos, como se fosen ventrílocuos que en vez de ter un monicreque nas maos, unha Dona Rogelia, pois teñen un político. Cousas de bonecos e homes de palla. No caso de Baltar Júnior eu teño unha hipótese que nunca poderei demostrar. Eu estou firmemente convencido de que o autor dos seus discursos e declaracións cun aquel erudito é o fillo predilecto de Baños de Molgas, o humorista Moncho Borrajo. 
 
O pequeno baltárida non chega ao ano de ter accedido ao poder da provincia auriense ao estilo Poncio Pilato e xa procura fórmulas para deixar todo atado e ben atado. Cada vez máis, este home vai collendo un aquel a Mussolini; de feito de non ser polos lentes, creo que gardan un parecido máis ca razonable. Il Duce cría ser unha reencarnación do Imperio Romano e na súa ideoloxía fascista a restitución do Mare Mostrum era todo un obxectivo xeopolítico, que rematou como remtaou. No caso do noso ourensán doce Duce, é evidente que tenta queimar etapas, como os nenos superdotados que superan cursos así como quen non quere a cousa. 
Xa postos, ocórreseme unha sorte de Plan E baltárida para relanzar a provincia auriense. En primeiro lugar, cómpre ampliar as obras do “limes”, extendendo o canón do Sil a todo o perímetro da provincia. Esta obra pública atraería inmigrantes e serviría para colocar a toda esa xuventude que inza os dinámicos concellos do interior. Pola súa vez, os cada vez menos vellos poderían pasar o día vendo as obras, neses magníficos miradoiros que segue pagando Europa. En segundo lugar, organizaría cudrillas de canteiros (cada concello, unha) para encher as praciñas de aldeas, vilas e cidades de bustos baltáridas, como símbolo do novo home. Noutras épocas, eses espazos ocupábanos as estatuas dos indianos benefactores, dos caciques da 1ª Restauración ou os monumentos feixistas nacionalcatólicos. Agora non, o Duce lembrará a todos os paisanos que el eliminou da faz da terra baltárida a todos os inimigos íntimos da democracia. El pasou de defender a democracia sustantiva (sic) a executar toda unha democracia orgánica. Por iso, aconsello ao negro deste Mussolini de pacotilla que xa postos a citar a Tzvetan Todorov, en vez de tomar nota do recente “Os inimigos íntimos da democracia”, bote mao doutro título do xenial galo-búlgaro e que lle acae mellor á paranoia política deste personaxe: “A experiencia totalitaria” (Galaxia gutenberg, 2010). Golfus Hispánicus

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA