Medio Ambiente reactiva as axudas para actuacións municipais nas reservas da biosfera e os parques naturais

Serán subvencionables as actividades de restauración de ecosistemas naturais como prados de sega, bosques de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente reactivou a convocatoria das axudas para o financiamento de actuacións municipais nos concellos que se inscriben dentro dunha Reserva da Biosfera ou do ámbito dos Parques Naturais de Galicia.

O DOG publica este xoves a resolución pola que se dispón a continuidade de toda unha serie de liñas de subvencións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, cuxos prazos administrativos e de prescrición e caducidade víronse afectados polo Real decreto polo que se declarou o estado de alarma.

Este é o caso das axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, que é a segunda vez que se convocan e que están dotadas con 600.000 euros.

A orde, publicada o pasado 17 de febreiro, está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ten como fin promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor, como son as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

Poderán beneficiarse destas axudas todos os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera do seis reservas da biosfera de Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas as na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Serán subvencionables as actividades de restauración de ecosistemas naturais como prados de sega, bosques de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica; os proxectos de creación, mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza; a sinalización, por exemplo, de zonas de caza ou pesca; a creación e mellora de senllas peonís, pasarelas ou refuxios de pesca; os proxectos de conservación do patrimonio inmaterial ou a realización de inventarios sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna, entre outras cuestións.

Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta