Atribúen a Sorolla o ‘San Xurxo e o dragón’ desaparecido do castelo de Soutomaior

O historiador pontevedrés Diego Piay Augusto, profesor na Universidad de Oviedo, defende, contra o criterio do Museo Sorolla, que o artista valenciano foi o autor deste cadro que colgou dos muros desta fortaleza e do que só quedan rexistros fotográficos e testemuñais.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Joaquín Sorolla (Valencia, 27 de febrero de 1863 - Cercedilla, Madrid, 10 de agosto de 1923) quedou gravado nos libros de arte como “o pintor da luz do Mediterráneo” e un dos máis prolíficos da arte española, do que se calcula que deixou máis de 2.200 obras catalogadas, por algunhas das cales pagáronse millóns de euros. Pero Sorolla non só miraba ao Mediterráneo. O pintor valenciano tivo un forte vínculo con Galicia na última etapa da súa vida, tendo entre as pedras dunha das xoiais do patrimonio galego, o castelo de Soutomaior, o seu capítulo máis misterioso.

Autorretrato do pintor Joaquín Sorolla mo seu estudo (1904)
Autorretrato do pintor Joaquín Sorolla mo seu estudo (1904) | Fonte: © Ministerio de Cultura.

Entre a súa vasta obra pictórica, Sorolla deixou varias pezas realizadas en Galicia a raíz dun encargo da Hispanic Society neoiorquina, a cal lle encomendara un labor a medio camiño entre o artístico e o etnográfico: retratar as distintas rexións de España. O encargo tróuxoo no verán de 1915 a terras galegas, onde se asentou coa súa familia durante un par de meses en Vilagarcía Arousa, no pazo de Vista Alegre.

Da etapa de Sorolla en terras galegas consérvanse dúas pinturas: ‘Galicia: La romería’, na Biblioteca da Hispanic Society of America de Nova York, e ‘Lavanderas de Galicia’, no Museo Carmen Thyssen en Málaga

Nese período realizou varias pinturas para retratar a Galicia da época. Os máis coñecidos, por conservados, son ‘Galicia: La romería’ e ‘Lavanderas de Galicia’. O primeiro foi o panel dedicado a Galicia para a Biblioteca da Hispanic Society of America de Nova York; o segundo exhíbese no Museo Carmen Thyssen en Málaga, pinacoteca que recorda que, nunha entrevista para El Heraldo, o artista comentou: “Creo que é Galicia o país máis difícil para pintar pola variedade, pola facilidade coa que todo cambia”.

Pero aquela non foi a primeira vez que Sorolla pisou Galicia, nin tampouco a única que pintou aquí. Mostra diso, por exemplo, son as probas que existen da súa estancia no castelo de Soutomaior como amigo dos seus propietarios naquela época, María Vinyals y Ferrés (marquesa de Ayerbe, socialista e pioneira do feminismo en Galicia) e o seu segundo marido, o médico cubano Enrique Lluria, aos que Sorolla retratou, como quedou acreditado por historiadores da arte, aínda que se lle perdeu a pista a aqueles cadros.

Desta relación de amizade sospéitase que frutificou un cadro do que se perdeu a súa pista, ‘San Xurxo e o dragón’. Segundo o historiador pontevedrés Diego Piay Augusto, profesor na Universidad de Oviedo, aquel fresco, do que o único rastro que queda son “algunhas fotografías de escasa calidade”, sería obra do pintor valenciano.

Como lembra Piay, “durante a realización dunha investigación sobre o castelo de Soutomaior descubríronse algunhas fotografías dun fresco pintado nunha das paredes interiores desta fortaleza do século XII, no cal se representa a lenda de San Xurxo e o dragón. Tras indagar sobre esta obra desaparecida, o profesor afirma sen dúbidas que “o seu autor principal foi o pintor valenciano Joaquín Sorolla”.

Esta é a hipótese que Piay defende nun novo traballo publicado no número 374, volume 94, de Archivo Español de Arte, revista científica publicada polo CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), editada no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas y Sociales (CCHS).

RELACIÓN DE SOROLLA COS PROPIETARIOS DO CASTELO

Piay lembra que o matrimonio Vinyals-Lluria se trasladou a vivir definitivamente ao castelo de Soutomaior en 1909, mantendo a fortaleza como “centro de interacción social e política”, no que “o novo matrimonio recibía con frecuencia a visita de políticos e artistas de diversa índole”.

Entre as amizades da parella, lembra, atopábase Sorolla. Unha relación sobre a que existe documentación suficiente e contrastada para acreditala, como evidencia o historiador no seu traballo; principalmente, unha serie de cartas conservadas no Museo Sorolla e tres retratos que o artista valenciano regalou ao doutor Lluria. “Desgraciadamente, todos eles áchanse hoxe en paradoiro descoñecido, aínda que de dous deles existen imaxes gráficas”, clarifica o profesor.

Do cadro atribuído a Sorolla descoñécese o seu paradoiro, pero tense constancia del por fotografías realizadas en 1982 pola Deputación de Pontevedra e outras en posesión dos descendentes de Eugenio Carlos de Hostos y Ayala

Tanto as misivas como os cadros dos que fala Piay dátanse desde 1909, antes da etapa de Sorolla en Arousa para cumprir o encargo da Hispanic Society neoiorquina.

Alí, no castelo de Soutomaior, sábese que houbo un fresco colgado, o de ‘San Xurxo e o Dragón’, que se lle atribúe a Sorolla. Do cadro, a día de hoxe, descoñécese o seu paradoiro, pero tense constancia del por “algunhas fotografías de escasa calidade” que “foron realizadas no ano 1982 pola Deputación de Pontevedra, antes de levar a cabo a reforma do castelo de Soutomaior, e algunhas outras que estaban en posesión dos descendentes de Eugenio Carlos de Hostos y Ayala, que as conservaron como recordo do seu patrimonio familiar” (De Hostos y Ayala e a súa familia foron propietarios do castelo entre 1935 e 1982, cando foi adquirido pola Deputación de Pontevedra).

A partir da análise desas fotografías, Piay describe así o cadro que atribúe a Sorolla: “Poden estimarse unhas dimensións de 145 cm de altura e 350 cm de anchura; en canto á temática, non hai dúbida de que na obra se representaba un tema recorrente desde tempos antigos: á dereita da imaxe, San Xurxo, de longos cabelos e protexido por unha coraza, a lombos dun cabalo rampante, empuña unha longa lanza, e arremete contra o dragón, atravesando coa punta da súa arma a gorxa da besta; esta aparece representada coas súas ás despregadas e unha longa cola enroscada. Entre o animal e o santo aprécianse corpos esnaquizados que caeron vítimas do dragón. Ao fondo da escena, algunhas estruturas arquitectónicas de carácter orientalizante ante as cales o pintor debuxou varias figuras a pé e de a cabalo. Chama a atención á esquerda, antepoñéndose a unha paisaxe definida pola presenza de outeiros, a imaxe dun castelo cunha galería oxival tras a cal se eleva unha torre e unha porta coroada por almeas, elementos todos eles que lembran o castelo de Soutomaior”.

Ao respecto, o historiador cre “probable que o autor quixese introducir na escena lendaria o monumento, ou quizais foi vontade dos entón propietarios do castelo, María Vinyals e Enrique Lluria, a inclusión na obra da súa histórica morada”, esclarece.

"TRADICIÓN ORAL CONSERVADA"

Pero como se pode certificar a autoría de Joaquín Sorolla? Para o historiador pontevedrés, hai “indicios que nos levan a aseverar que a obra foi realmente realizada polo artista valenciano”.

En primeiro lugar, recorre á “tradición oral conservada na familia de Eugenio Carlos de Hostos y Ayala”, propietaria do castelo entre 1935 e 1982. Piay destaca que os descendentes deste terratenente portorriqueño “afirmaron nas sucesivas entrevistas concedidas que sempre se dixo que a obra fora realizada por Joaquín Sorolla, e que mesmo se conservaba a sinatura na parte inferior da obra, ‘J. Sorolla’, modo co que o pintor valenciano sinalaba a súa autoría en moitos dos seus cadros”, defende Piay, quen recoñece que isto non é proba suficiente:  “Obviamente, este argumento, por si só, non podía demostrar que o fresco fose realizado por Joaquín Sorolla, pero si nos proporcionaba unha probable autoría para unha obra só coñecida por algunhas fotografías de escasa calidade”, argúe.

Florencio de Santa-Ana, conservador-subdirector do Museo Sorolla, rexeitou en 1985 a autenticidade da firma "J. Sorolla" que se observa nas fotografías do fresco

Piay lembra un episodio que considera clave tras a venda do castelo á Deputación de Pontevedra: “O 7 de xaneiro de 1985, antes de emprender os traballos de reforma e restauración da antiga fortaleza, os técnicos responsables da mesma escribiron unha carta ao Museo Sorolla solicitando unha valoración profesional en relación á posible autoría do fresco por parte do pintor valenciano. Acompañaban a misiva dúas fotografías: unha da obra en cuestión e outra que ofrecía un detalle desta na que podía lerse «Interpretación de San Xurxo e o dragón: J. Sorolla»".

"A resposta do Museo Sorolla recibiuse once días despois, o 18 de xaneiro, e levaba a firma de Florencio de Santa-Ana, conservador-subdirector da institución. Soamente en base ás fotografías manifestábanse «grandes dúbidas sobre a posible intervención de Sorolla no fresco do devandito castelo», afirmábase que «Sorolla nunca foi fresquista», e negábase a autenticidade da firma, «totalmente anecdótica e demostrativa do grande éxito deste pintor a partir de 1900». En canto á obra, cualificábaa como «un fresco seco de mediados do século XIX, polo aire italiano que todo el rezuma»”, recorda Piay.

Esta contestación do especialista do Museo Sorolla “marcou o destino da obra, que foi destruída, pois «de manterse, condicionaría excesivamente a futura disposición funcional do castelo»”, recolle o historiador, para quen estes argumentos son “pouco concluíntes, máxime se temos en conta que foron realizados unicamente a partir da visualización de dúas fotografías”.

Pero quen está máis achegado á verdade, Piay ou os responsables do Museo Sorolla e especialistas na súa obra? Para o historiador e profesor pontevedrés, existen “indicios históricos” para defender a súa hipótese.

SOROLLA NA PRENSA GALEGA

En primeiro lugar, Piay defende que “para aceptar ou rexeitar a posibilidade de que Sorolla fose o autor da obra” resulta “indispensable verificar se o autor valenciano visitou o castelo de Soutomaior durante a súa vida”. E disto hai constancia mesmo na prensa da época.

Como recolle a prensa da época, Joaquín Sorolla estivo en Galicia en decembro de 1910, cinco anos antes da súa célebre estancia en Vilagarcía de Arousa

“A súa notoriedade fixo que a súa visita a terras galegas non pasase desapercibida, e dous xornais lembran nas súas páxinas unha estancia de Joaquín Sorolla no castelo de Soutomaior a finais do ano 1910”, expón o historiador. Refírese a unha nova publicada na páxina 58 de Faro de Vigo do 18 de decembro de 1910 e outra na páxina un do xornal lugués La Voz de la Verdad, tres días despois.

No primeiro, nunha nota titulada “Sorolla en Vigo”, dicíase: “Hállanse pasando una temporada en el castillo de Sotomayor, con sus propietarios los señores de Lluria, el ilustre pintor D. Joaquín Sorolla y D. José Benlliure, sobrino de los afamados escultor y pintor del mismo apellido. Los distinguidos huéspedes de los señores de Lluria pasaron en Vigo el día de ayer y hoy se proponen ir a Santiago, para conocer los monumentos de la vieja ciudad”. Como lembra Piay, José Benlliure Ortiz, “Peppino”, era sobriño do famoso escultor Mariano Benlliure, fillo do pintor José Benlliure Gil, e discípulo de Joaquín Sorolla. Esa mesma nova foi a que recolleu o 21 de decembro La Voz de la Verdad.

CARTAS

Piay tamén se remite a unha carta que Sorolla enviou ao seu amigo, confidente, e tamén pintor, Pedro Gil Moreno, datada o 15 de decembro de 1910, pola que se sabe que “ese mesmo día o pintor valenciano estaba a partir cara a Galicia”. O arquivo do Museo Sorolla conserva unha enorme correspondencia entre ambos os dous na que tratan temas diversos.

O historiador galego tamén menciona outra carta de Peppino Benlliure á súa nai nos últimos días de 1910 na que “relata que Sorolla lle convidou a acompañalo a Galicia «con tres horas de anticipación», cando soubo que a súa filla non podía facelo”.

Nunha carta do pintor Peppino Benlliure, discípulo de Sorolla, á súa nai, dicía: “Axudei a pintar un fresco a Sorolla na parede do castelo"

“O motivo principal da viaxe era que o doutor Lluria examinase a Sorolla «antes de emprender a viaxe a América». Peppino describe brevemente a súa estancia de catro días con Sorolla no castelo de Soutomaior, onde el e o seu mestre gozaron da hospitalidade do matrimonio Lluria, visitando «as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa en auto»”, relata Piay.

Para o profesor da Universidad de Oviedo, “Peppino engade un comentario” naquela carta á súa nai que “achega unha proba fundamental” para defender a súa hipótese. Concretamente, escribía: “Axudei a pintar un fresco a Sorolla na parede do castelo e quedaron os Sres. de Lluria moi contentos e amigos meus”.

Piay considera que isto “vén completar e confirmar o resto de indicios esgrimidos, fortalecendo a paternidade de Sorolla do fresco”, xa que “catro días bastarían ao pintor valenciano para a súa realización, máxime se contou coa axuda do seu discípulo”, esgrime, e máis considerando que se trataba da “interpretación dunha composición orixinal e efectuada cunhas dimensións similares, polo que o pintor puido tela realizado sen necesidade de levar a cabo grandes reflexións para liquidar a súa realización”, remata.

INSPIRADO NA OBRA DE CARPACCIO 

Neste punto, Piay conecta a Sorolla co pintor Vittore Carpaccio por unha viaxe que o artista español fixo a Venecia en 1895, para participar na I Bienal Internacional, regresando de novo á cidade italiana das canles en 1897 e en 1905 para asistir á II e á VI Bienal. “E non debemos esquecer que desde o ano 1906 circulaba xa o manuscrito que recollía a vida e obra de Carpaccio publicada por Pompeo Molmenti e Gustav Ludwig”, engade Piay.

Ao comparar a obra atribuída a Sorolla coa do pintor quattrocentista italiano Vittore Carpaccio ‘San Giorgio e il drago’, datada a principios do século XVI, obsérvase claramente que o fresco que un día colgou dos muros de Soutomaior “inspirábase” na obra que se conserva na Scuola di San Giorgio degli Schiavoni en Venecia, na que “Carpaccio representou o guerreiro completamente armado, pero coa súa cabeza de dourados cabelos descuberta; cabalgando sobre un corcel e introducindo a súa lanza nas fauces do dragón que, coas ás estendidas, disponse a atacar a unha doncela que reza coas mans xuntas; o monstro está rodeado de morte, restos humanos mutilados, esqueletos e réptiles que poboan unha paisaxe desolada, un caos, que se opón á orde dunha cidade fantástica representada ao fondo, de marcado carácter orientalizante, e na que pode recoñecerse a porta do Cairo”, describe Piay.

Aí radica a novidade e singularidade da obra de Soutomaior, na que “o coñecido acceso á cidade exipcia foi substituído por unha representación da propia fortaleza galega”, á vez que “a doncela suplicante que aparece na parte superior dereita da obra de Carpaccio foi eliminada no fresco de Soutomaior”.

“Estas dúas variantes con respecto á obra orixinal constitúen as principais diferenzas entre ambas as composicións, e deben quizais relacionarse coa necesidade de buscar acomodo á fortaleza convertida en morada dos Lluria no primeiro caso, e á ausencia de devoción relixiosa na parella no segundo”, especula Diego Piay.

Non sería “un feito illado no panorama artístico europeo da época” que un pintor como Sorolla decidise recrear a escena de San Xurxo de Vittore Carpaccio

O historiador argúe tamén que non sería “un feito illado no panorama artístico europeo da época” que un pintor como Sorolla decidise recrear a escena de San Xurxo do pintor veneciano, xa que “desde o século XIX asistíase a un período de revalorización de Vittore Carpaccio”. “Tanto é así, que autores da talla do británico William Etty, ou dos franceses Edgar Degas, Elie Delaunay e Gustave Moreau, admiraron e estudaron as obras do pintor veneciano, ata o punto de que se chegou falar da «fortuna moderna de Carpaccio». Gustave Moreau realizou mesmo copias das obras do pintor veneciano, e no seu corpus consérvase unha reprodución de ‘San Giorgio e il drago’ a tamaño natural”, detalla o profesor, quen subliña que “a fama adquirida por Vittore Carpaccio ao longo do século XIX desatou a proliferación de comentarios positivos cara á súa obra pictórica en publicacións artísticas, suscitando a admiración de moitos pintores decimonónicos, e a reprodución das súas composicións”.

É por iso polo que Piay cre “plausible que Sorolla tivese algunha fotografía da escena de San Xurxo pintada por Carpaccio”, como as que adquiriu de monumentos e obras de arte do estudo fotográfico J. Laurent y Cía., que empregaría nalgunhas das súas obras.

Por último, Piay especula que esa posible “admiración por parte de Sorolla da escena de ‘San Xurxo e o dragón’ debeu ser compartida polos Lluria, amantes da historia e da literatura”, sobre todo tendo en conta a paixón que María Vinyals tivo polas epopeas medievais, segundo o profesor pontevedrés.

“DIFICILMENTE REFUTABLE”

Con todos estes rexistros, Diego Piay Augusto non dubida en afirmar que a desaparecida obra de ‘San Xurxo e o dragón” que un día colgou dos muros do castelo de Soutomaior foi “pintada en decembro do ano 1910 por Joaquín Sorolla, coa colaboración do seu discípulo Peppino Benlliure”.

“A degradación dunha obra de setenta anos e a convicción pouco fundamentada de que a súa autoría non se debía a Sorolla propiciaron o infausto destino dun dos poucos frescos realizados polo pintor valenciano"

Contra os argumentos aportados polos expertos do Museo Sorolla en 1985, que refutan a súa hipótese, o historiador galego considera que “calquera análise estilística” sobre esa obra perdida “é superflua, pois a perda do fresco impide a realización dun exame rigoroso e exhaustivo da técnica empregada”.

Con todo, insiste en que existen “evidencias históricas” para defender a súa hipótese que “son dificilmente refutables” e que “reforzan a tradición conservada na familia De Hostos acerca da autoría da obra por parte do pintor valenciano, así como a presenza da firma deste, que se aprecia nunha das poucas fotografías que chegaron ata nós”.

Na súa opinión, “a degradación dunha obra de setenta anos de antigüidade, e a convicción pouco fundamentada de que a súa autoría non se debía a Joaquín Sorolla, propiciaron o infausto destino dun dos poucos frescos realizados polo pintor valenciano, que desapareceu durante as obras de reforma do castelo de Soutomaior levadas a cabo durante o ano 1985”, lamenta.

Pero dificilmente a hipótese de Piay poderá ser comprobada pola perda daquel fresco, agás que algún día apareza un documento que demostre explicitamente a autoría de Sorolla ou, no mellor dos casos, que a obra apareza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta